Vox fora da ecuación. A esquerda sen coartada

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

rever-d-extraterrestre

Prometinme non dedicar ni un segundo a facer unha valoración do resultado das eleccións andaluzas. Primeiro, porque non me gusta dicir iso de 'xa o dicía eu' (e xa van varias veces), aínda que sexa verdade. Segundo, porque o resultado responde a un ciclo iniciado no 2019,  que algúns pensaron que se acabara en Castela e León cando en realidade o único que fora é que puideron máis as torpezas interpretativas do tándem Casado-Mañueco (quen queira saber o que penso e os trazos xerais do que pasou en Andalucía pode botar unha ollada ao meu último artigo en InfoLibre: https://www.infolibre.es/opinion/plaza-publica/tiempo-seguira-izquierda-aplazando-solucion-problemas_129_1245012.html). E terceiro, porque estes días sairá un artigo meu sobre o Sahara e xa teño a cota chea dos que, na esquerda, me miran mal.

Non me resisto é a comentar unha pequena apostilla sobre o auxe e decadencia da extrema dereita populista. A Vox lle esta a ocorrer o mesmo que lle pasou no seu día a Podemos e a Cs. Subida rápida froito da desafección de bases tradicionais dos seus anteriores referentes, xunto co interese mediático de facelos medrar para dividir o voto no seu espazo electoral, por parte dos seus adversarios. Curto percorrido para que a cidadanía observara todas as súas contradicións e miserias (que son moitas e múltiples). E por último, lento pero inexorable declinar tras erros tácticos e decisións estratéxicas ilóxicas.

A grande aposta de Vox, antes das próximas xerais, era Andalucía. Ata alí levaron a súa flamante portavoz nacional. Pero esta vez en lugar do tándem Casado-Mañueco atopáronse ao tándem Feijóo-Moreno e todo empezouse a torcer. Juanma Moreno dedicouse na campaña a consolidar a súa vantaxe, e amplíala, sen falar de Vox e mirando ao centro cunha proposta transversal. Nada podía ir peor para Vox.

E chegaron os debates e algúns analistas se preguntaban: como é posible que Macarena Olona destaque no Congreso dos Deputados e nos debates das andaluzas pareza unha extraterrestre?

A pregunta que tanto lle custa a ditos 'analistas' da Corte responder se fai formulando outra pregunta: porque Vox non ten presenza en Galicia, é residual en Euskadi e acaba de tropezar coas súas expectativas en Andalucía?

A resposta é que en Galicia, Euskadi e Andalucía, lideran o goberno Feijóo (ata hai semanas), Urkullu e Moreno; namentres que en España o fai Pedro Sánchez.

Cando o liderado dun país se exerce desde as boas maneiras e un certo grado de normalidade, este se contaxia a todas as forzas do arco parlamentario, como ocorre en Galicia, Euskadi e Andalucía, e o estilo Vox ten moitas máis dificultades de penetrar. Cando o liderado é aspero, obtuso e demagóxico o caldo de cultivo para Vox está creado. Olona é parte dun ecosistema, degradado, onde tamén conviven Echenique, Lastra, Rufian, Cayetana e García Ejea. Por momentos pasa desapercibida e por momentos destaca.

Nun debate das andaluzas con Moreno, Espadas, Rodríguez, Marín ou Nieto, Olona simplemente parece unha autentica tarada. Así de simple.

Tras estas eleccións andaluzas e con Vox fora da ecuación, a esquerda terá que esforzarse máis para volver a tomar o pulso á sociedade xa sen o medo a extrema dereita como coartada.