A propósito de naufraxios

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

10 existencialismo

 

Xoán Hermida

Parte primeira: paisaxe despois da derrota

Hai uns días o novo portavoz  in pectore do Partido Popular de Galicia nunhas declaracións afirmaba que  “as mareas eran os restos do naufraxio da esquerda”.

As mesmas tiñan unha intencionalidade clara, están enmarcadas no debate preelectoral no que xa estamos inmersos, e apuntan a liña de flotación das Mareas. Non deberíamos, non obstante, refugar o debate que a afirmación en si comporta.

Por suposto que a esquerda esta sumida nun naufraxio global. Un naufraxio que se inicia coa caída do muro de Berlín e que desactiva como alternativa a esquerda, tanto a de cultura socialdemócrata como a de cultura comunista.

A verdade é que o barco que pilotaba a esquerda desde 1875 tiña moito de Titanic, ostentoso por fóra pero inconsistente na súa estrutura, e que estaba predestinado ao afundimento; pero non é ata a globalización non que o iceberg do capitalismo foi capaz de abrirlle unha vía de auga irreversíbel.

Asistimos a un proceso de [re]construción da esquerda galega e planetaria que dáse nun contexto marcado por dous marcos claramente definidos: un proceso de crise sistémica global e multifocal que sitúa ao capitalismo nun colapso multifuncional; e a súa vez, paradoxalmente, no período de maior hexemonía cultural do gran capital.

Así que aquí estamos, en botes de salvamento (múltiples nanopartidos) sobrevivindo á espera da reconstrución dunha nova embarcación.

Asistimos, e seguiremos asistindo, a botaduras de diferentes embarcacións (AGE, Podemos, Mareas …), ao igual que pasa noutras latitudes,  pero dunha cousa podemos estar seguros: o partido da esquerda galega, ao igual que os distintos partidos das esquerdas europeas e globais, do novo século aínda non saíron do estaleiro.

Estamos experimentando, despois do naufraxio, estamos reconstruíndo códigos e afirmándonos en novos paradigmas, pero namentres a esquerda non teña avanzado un modelo alternativo real ao capitalismo seguiremos soamente resistindo.

Non é pouco pero é insuficiente.

Parte segunda: decálogo para re-interpretar a realidade

Sinto ser un agoreiro e emendar a plana do relato que últimamente esta de moda. O problema, de Podemos en particular e da esquerda en xeral, non esta no modelo organizativo, senón na análise da realidade e por ende na 'solución’ transformadora a esa realidade.

Este é un decálogo aproximado do que eu creo esta a acontecer:

  1. Asistimos, e insistimos, a unha crise sistémica multifocal, irreversíbel e terminal pero paradoxalmente vivimos tempos de hexemonía cultural da dereita política e das grandes corporacións financeiras;
  2. esta crise ven a coincidir cunha desfeita do que debería deseñar a súa alternativa -a esquerda- que esta nunha profunda desorientación paradigmática que afecta a aspectos epistemolóxicos, ontolóxicos e metodolóxicos que requiren unha reflexión intelectualmente honesta e un cambio de praxes fonda;
  3. paralelamente a isto, estamos diante dun episodio de cambio de ‘réxime’ que ten que ver co seu esgotamento e coa refundacion democrática reivindicada no 15M;
  4. nese contexto pasa a primeiro plano o eixo democrático (arriba-abaixo), pero seguen a existir na realidade o eixo social (esquerda-dereita) e o nacional (soberanismo-estatalismo);
  5. negar a realidade ('as ideoloxías desapareceron’ ou 'son cidadá cosmopolita’) conduce politicamente a mesma vía morta que non saber modular a prioridade de cada eixo en cada momento;
  6. o actual episodio de cambio necesita de novos interfaces políticos diferentes non so no léxico senón na construción analítica (de cultura política), orgánica (entre os participantes) e relacional (coa sociedade);
  7. estes novos interfaces necesitan buscar puntos de encontro con interfaces xa existentes fuxindo de 'adanismos' ou purezas irrelevantes;
  8. os episodios de cambio de réxime fanse desde procesos de acumulación de forzas, normalmente longos e complexos, e depende da amplitude cualitativo do mesmo o que ditaminará ir mais aló ou menos na dinámica de cambios;
  9. animar á xente é unha actitude 'revolucionaria' necesaria pero non pode acabar no voluntarismo de pensar que o sistema esta derrotado ou que o modelo político non ten unha maioría que o respalda;
  10. Tódolos episodios de contenda política, mesmo os mais rupturistas -pensemos na revolución francesa ou rusa- danse no marco dun proceso dialéctico reforma-revolucion e culminan con procesos de 'negociación' cos sectores aperturistas do antigo réxime, incorporando a unha parte das elites mais avanzadas ou adaptativas do mesmo ao novo. É unha constante e negar esa realidade dialéctica é negar a realidade do comportamento dos episodios de contenda.

Coda: explicar estas cousas á cidadanía non é fácil nin agradecido, pero as medias verdades simplistas ou o voluntarismo activista poden provocar o aplauso fácil pero a medio prazo xerarán novas frustracións e maior desafección.

Tódolos colectivos tenden a autoxustificarse e construír diferenzas ideolóxicas. O grandísimo Manolo Vázquez Montalbán o dicía con moita ironía "con cinco duros de ideoloxía calquera constrúe un proxecto político". A maioría das veces detrás de inmensas diferenzas políticas o único que existe son minúsculas miserias humanas.

Tras un proceso necesario de atomización na procura de novos camiños necesítanse reagrupamentos na procura de novos horizontes.