10 apuntes para renovar a esquerda galega

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

transparencia

 

Xoán Hermida

1. Realidades complexas fronte a caricaturas

Se queremos ter unha imaxe próxima a realidade para poder intervir nela necesitamos ter en conta tres eixes dialecticamente imbricados: social (esquerda-dereita); nacional (soberania-dependencia); democrático (arriba-abaixo). A sobredimensión de un deles significaría ter unha caricatura da mesma. A esquerda tradicional ao non ter en conta ou minusvalorar o nacional non foi quen de construír unha hexemonía liderando a diversos sectores. O nacionalismo ideolóxico ao deixar en segundo plano o eixo social acabou construíndo un proxecto cada vez menos transformador. Ambos ao non ter en conta a realidade democrática invalidan construír unha alternativa para a maioría.

Necesitamos un proxecto político de esquerda, asentado sobre o noso substrato nacional e sobre un programa de ampla base democrática e de soberanismo cívico.

2. Necesitamos unha nova epistemoloxía 

Cando hai uns meses iniciouse o proceso de reconstrución da esquerda galega, froito fundamentalmente da ruptura do que fora ata ese momento o espazo común da esquerda nacionalista pero non só, algúns xa advertiamos que este ía ser un proceso longo e complexo pois non era alleo á crise global que sufría unha esquerda produtivista, corporativista e etnocentrista ben fora na súa versión comunista ou socialdemócrata.

Un proceso que tiña que ver con problemas metodolóxicos, salientados reiteradamente en diversos foros e debates, pero fundamentalmente epistemolóxicos, e polo tanto imposible de abordar na súa reconstrución sen anovar os paradigmas e os parámetros nos que se asentou a propia esquerda nas ultimas décadas. 

Non podemos buscar na física da política a solución aos problemas que xerou a química da política ou coma lle gustaba recordar a Manuel Sacristan ‘non esperedes resolver estas cuestións sobre a base de maiorías e minorías’

3. O ‘éxito’ de AGE 

Sen dubida o resultado electoral de AGE ten que ver cun proceso de reagrupamento plural de forzas, que cada unha pola súa conta sumarían cero, xunto dun forte liderado político e ético, que sen dubida animou a moitos novos votantes e a votantes das forzas da esquerda tradicional xa desencantados a participar nos actos multitudinarios da campaña e a saír dun case seguro abstencionismo.

O resultado de Alternativa Galega non podería interpretarse correctamente senón entenderamos que a cidadanía desbordou os efectivos partidarios e corresponde ás forzas que compoñen AGE dar resposta correcta ás demandas dun electorado que vai ser moi esixente. 

AGE ten retos propios coma é a consolidación do seu proxecto político, organizativo e social partindo para isto do recoñecemento da propia pluralidade política interna e da propia pluralidade social externa.

Pero o fortalecemento de AGE necesita do fortalecemento das partes, fortalecemento no senso renovador das ideas, no desenvolvemento dos seus proxectos políticos e no fortalecemento dos seus elementos organizativos, entendendo isto de xeito cooperativo pois o fortalecemento de cada unha das partes supón o fortalecemento do conxunto e viceversa. 

4. Renovación versus reconstrución?

Os resultados electorais de Alternativa Galega non arranxan os problemas que a propia esquerda tiña previamente. Non debemos esquecer que algunhas das cuestións fundamentais das novas formas de interpretar a política eran rexeitadas por algúns dos grupos xa existentes que hoxe conforman AGE, as dificultades de EU para asumir o federalismo máis aló do nominal ou que o proceso de construción de Anova fixo aflorar as propias contradicións, aínda sen resolver, entre as novas demandas e os vellos métodos. 

Ditos resultados poden ter uns efectos secundarios para a esquerda, mesmo non desexados por inesperados, pois os mesmos axudan a acelerar o proceso de reconstrución da mesma pero poden dificultar a necesaria renovación ao impoñerse as lecturas máis triunfalistas, e polo mesmo as máis conservadoras.

Este impulso ao proceso de reconstrución debería facernos ser prudentes á hora de abordar o proceso de renovación. Seria un erro que o éxito electoral de AGE se convertera nun obstáculo no necesario proceso de renovación da esquerda. 

Das tres necesidades urxentes -unidade na diversidade, proxecto cultural forte e proxecto renovador-; a xente priorizou nas dúas primeiras, confiando en que a terceira se aborde ineludiblemente co paso do tempo.

5. Nacional-Renovadora-Transformadora

A esquerda esta a abordar un proceso de reconstrución no que debería priorizar en tres características : nacional, renovadora, transformadora.

-          Nacional como proxecto propio onde convivan as diversas correntes culturais nacionalistas e non nacionalistas.

-       Triplemente renovadora nas ideas, nas linguaxes e nas practicas. Se temos un proxecto renovador unicamente nas ideas teremos, no mellor dos casos, un excelente ‘thin tank’. Se temos un proxecto renovador soamente nas linguaxes teremos o que podería definirse, parafraseando a Manuel M. Barreiro, “novísima vella esquerda”. Soamente un nova praxe ancorada na radicalidade democrática permitirá construír un proxecto renovador.

-     Transformadora no sentido superador do ‘statu quo’, polo tanto anticapitalista entendida este como enfrontado ao sistema socio-económico e non a súa envoltura formal lexitimadora.

6. Flexibilidade nas formas e firmeza nos principios 

Vivimos nunha sociedade cun alto grado de desvertebración que nos esixe experimentar en necesarias formulas flexibles de cooperación, á vez que ese modelo social xera unhas contradicións culturais que nos obriga a ter unha practica cultural e ética moi forte.

Flexibilidade na diversidade buscando formulas pouco ríxidas (coalicións) que permitan copiar dos modelos cooperativos de software libre e amables para dar acollemento as persoas que buscan resposta e espazos amables onde sentirse útil diante da ignominia (o que Joám L. Facal denomina ‘militancia á carta’). 

Fortaleza nos principios éticos (radicalidade democrática), políticos (antisistemico) e programáticos (reformismo forte)

7. Partido e proxecto 

Existe culturalmente na esquerda unha dificultade, case patolóxica, para entender a diferenza entre proxecto e partido. Dita dificultade ten xerado dúas deformacións igual de lástrante á hora de abordar a construción dunha esquerda nacional e plural.

A primeira ten que ver cunha lectura catequesica do principio exposto por Vladimir I. Lenin sobre a necesidade de ‘un partido, un estado’. Este axioma ao que se ten encadeado unha parte da esquerda (e mesmo tamén da dereita nun país con escasa cultura federativa) sen ter en conta as condicións nas que se formulou impediron durante tempo construír proxectos de cambio plurais configurados en rede pola cooperación entre diversos partidos de ámbito nacional. 

A segunda ten sido o empeño en meter no mesmo partido (fronte, movemento ou estrutura) a diversidade plural existente no proxecto de cambio. A esquerda ten que construírse de xeito cooperativo sabéndose parte dun proxecto plural compartido entre eles pero compartido fundamentalmente coa sociedade. Na construción dun movemento político-cívico sustentado nos partidos que o conforman e nas organizacións sociais as que ten que representar, nunha dinámica bidireccional.

8. Partidos con paredes de vidro 

Pero si a política non pode seguir guiándose por ideoloxías do século XIX, menos o debe facer por practicas instaladas no espírito da guerra fría. Necesitamos instrumentos propiedade da cidadanía destruíndo o concepto de club privado de ‘militantes’.

Necesitamos espazos amables para que os que queiran participar se sintan a gusto, entrando e saíndo cando lles pete; pasando inadvertido, o seu apoio ou o seu rexeitamento de tal o cal decisión. A política do século XXI debe aprender do modus operandi das redes sociais. 

Necesitamos transparencia. Lugares abertos. Partidos con paredes de vidro. De igual xeito que nos bos restaurantes a cociña esta á vista, os partidos de hoxe deben ter os seus órganos de dirección no medio do debate público.

Os partidos 2.0 son abertos, transparentes e colaborativos. A dirección política a conforman todas as persoas, aproveitando a novas tecnoloxías para construír un novo asemblearismo máis participativo que o do século XIX-XX, corrixindo a elite totalitaria das minorías activas.  

Pero necesitase abordar a súa construción no fondo e non no aspecto formal. As redes e as TICs son instrumentos non son un fin en si mesmo e non poden nin deben substituír o contacto físico necesario non so para recuperar hexemonicamente as prazas e as rúas senón para a creación de empatías e complicidades necesarias para calquera proxecto colectivo.

9. Cambio global: deconstruír para construír unha nova Europa 

O proxecto de cambio galego non pode perder de vista a evolución da propia esquerda europea e global necesitada de novos paradigmas, de novas linguaxes, de novos conceptos e de alternativas globais, sustentables e aplicables para a maioría da cidadanía global.

Aceptando que poderíase construír unha alternativa hexemónica a nivel nacional, atendendo a unha condicións favorables determinadas; o que si é de todo imposible é promover un cambio sistémico senón se da paralelamente no espazo económico-social onde esta inmersa a economía dun país e as súas relacións financeiras e comerciais. 

E por iso que desde unha posición política europeísta chegou a hora de recoñecer que parece imposible reconducir o proceso de construción monopolista que hoxe representa a actual Unión Europea e soamente un cambio de relacións económicas, comerciais, financeiras e fiscais poden xerar unha Europa nova fondamente social, e para iso necesitamos deconstruír a Europa saída do Tratado de Roma para comezar a construír con outras esquerdas políticas e sociais europeas un novo proxecto fora do dominio dos oligopolios e fora da orbita do Banco Central Europeo e o seu instrumento: o euro.

10. A felicidade como camiño para a beleza 

E o máis importante, que nunca debemos esquecer, a política componse dunha serie de tácticas encamiñadas a facer máis feliz a vida da xente, ao servizo dunha estratexia conducida á situar por riba de todo a beleza.

 

Podese ler tamén en Praza Pública  http://praza.com/opinion/765/10-apuntes-para-renovar-a-esquerda-galega/