En realidade sempre houbo un único proceso

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Mareas

Xoán Hermida

O actual alcalde de Compostela, a súa vez unha das voces mais respectadas no ámbito do que poderíamos chamar esquerda nacional, Martiño Noriega, afirmaba, hai uns días, nunhas declaracións que non ‘nos podíamos permitir dous procesos de confluencia’.

Non creo que ninguén, a non ser que teña escuras intencións, poida estar en desacordo con Martiño Noriega na necesidade de que o espazo que hoxe representa política e socialmente o movemento de ruptura democrático deba concorrer unido, e non dividido en dúas candidaturas, aos próximos procesos electorais.

Non obstante, creo que nunca houbo máis que un único proceso.

 

Asistimos a nivel global a un proceso de transformación económica e social de gran calado, soamente comparable coa invención da escritura ou da imprenta, coincidente no tempo cunha crise democrática a nivel local, que comporta unha mutación na percepción que a xente ten da política e nas pautas de aproximación á mesma. Non se trata soamente do típico movemento turnista entre partidos e tampouco a un movemento pendular que, tras un breve etapa de turbulencias, volveria ao seu punto de orixe.

E por iso a dificultade que teñen/que temos de interpretar os acontecementos na súa globalidade e de dar solucións acertadas máis aló de éxitos, máis ou menos, puntuais.

Este período de transito, que vai prolongarse temporalmente máis do que algúns xa sospeitabamos, non acaba máis que comezar e polo tanto ninguén esta en condicións de albiscar cales van ser os seus efectos, aínda que xa sabemos que todo o que hoxe existe e interpretamos como realidades tanxibles no campo das estruturas, configuracións ou modelos; son transitorias e van ser superadas, como foron superadas as estruturas, configuracións e modelos que parecían firmes hai escasos anos.

Este tempo de transito, vai ter momentos de calma (‘adagio’) no que parece que non pasa nada, e mesmo hai unha sensación de volta ao pasado, e momentos de aceleramento (‘andante’) onde todo se precipita.

Vimos de vivir unhas eleccións xerais que se resolveron en táboas no enfrontamento entre o vello réxime e as súas elites decadentes e a nova democracia e as elites emerxentes, nun resultado, que como moi ben explica Iñigo Errejón, quedou a medio camiño entre o tempo pasado e o futuro e que agora vai ter unha segunda volta ao que é ao pobo a quen lle corresponda desempatar.

Tal é así, a aceleración por momentos dese ‘tempo’ que esas eleccións xerais, e o seu momento previo, estiveron marcadas en Galicia, por un debate que hoxe desapareceu da axenda coma se nunca existira.

Durante uns meses o debate xirou arredor da conveniencia (a necesidade para algúns) da incorporación do BNG ao movemento de cambio. Creáronse mesmo dúas plataformas ao respecto, Pola Unión e Encontro por unha Marea Galega, hoxe desaparecidas do foco político. Afirmábase que sen a presenza da estrutura do nacionalismo político organizado, fronte aos que asegurabamos que os axentes principais eran Podemos e as Mareas, era imposible construír un proxecto que chegaran a todo o país. Asegurábase, fronte aos que diciamos que había que seguir o proceso iniciado no 15M, que sen o BNG non se sacarían de ningunha maneira máis de 2/3 deputados no congreso. Concluíase que era no nacionalismo ideolóxico, e non no soberanismo cívico como algúns defendiamos, onde estaba a capacidade ou non de vertebrar un proxecto nacional.

Como digo, eses ‘intensos’ debates que nos ocuparon todo o verano e parte do outono esvaecéronse de súpeto e, salvo grupos resistencialistas, a xente pasou, con toda normalidade, a outra cousa, á ‘cousa’ na que estaba a maioría da xente.

Retomo. Proceso sempre houbo un, o que arrancou simbolicamente no 15M, cun relato claramente democrático, que foi materializándose en diversos ensaios políticos, nacemento de novos partidos ou experiencias como AGE en Galicia, e que tivo un punto de configuración cidadá en algunhas das mareas municipalistas que se vertebraron para as eleccións locais do pasado ano.

Estas Mareas conxugaban unha nova epistemoloxía transversal (xa presente en AGE) unha nova ontoloxía democrática (formulada por Podemos) e unha metodoloxía participada (asemblearismo, códigos éticos, primarias abertas, ...) apuntadas con anterioridade pero recepcionadas polas cúpulas dos partidos, en xeral, entre o rexeitamento inicial e a posterior aceptación ‘por imperativo social’.

Volvamos por un momento ao verano/outono de 2015.

Os debates intensos de que siglas partidarias deben sumarse á candidatura de cambio, cun claro despreocupación pola incorporación da cidadanía organizada en movementos sociais e colectivos de resistencia, tivo unha primeira vítima: a relegación das mareas municipalistas (o proceso) a un segundo plano.

Os partidos tomaron, lexitimamente, o papel de vangarda do proceso; e apropiáronse, ilexitimamente, do capital simbólico das mareas, relegando a estas a ser a base activista dunha coalición electoral da que era propiedade de outros.

Desaparecía o proceso (o único que existira ata ese momento) e aparecía o instrumento (En Marea). Ben é certo que se alegou falta de tempo, premura, diferenzas difíciles de cadrar á hora de excluír a axentes políticos e relegar aos procesos participados pola xente.

Todas as escusas, as reais e as imaxinadas, poden ser debatidas e admitidas, pero o resultado obxectivo é que o proceso morreu e En Marea converteuse nunha emenda á totalidade ao xeito de facer as cousas polas Mareas (ao proceso).

A segunda vítima foi o debate político: o 15M interpretaba a desafección pola política pero era o punto de arranque da (re) politización dunha maioría social convocada a construír unha nova democracia. Esa politización tiña como elementos a afirmación un novo relato construtivo, a (re)invención dun novo programa para a maioría, e a participación nun único espazo común fraterno (onde non houbera afluentes definidos senón mareas revoltas e vivas). O debate político deu paso ao debate xurídico e organizativista, e con el perdemos todas.

Volvo ao tema de inicio. O pasado xaneiro membros da mareas municipalistas puxemos en marcha Mareas en Común. Non se trataba de construír unha nova ferramenta contra os partidos que configuran en En Marea, se trataba, en primeiro lugar, de vertebrar o polo cidadanista complementario aos partidos e facer o traballo que por múltiples motivos, entre eles a falla de músculo cidadá, fora incapaz de facer o Encontro por unha Marea Galega con anterioridade ás xerais.

Temos pois dous espazos, necesariamente complementarios: o espazo partidario (En Marea) e o espazo cidadanista (Mareas en Común), pero non temos, nin debemos ter dous procesos.

A día de hoxe, e ese era o segundo obxectivo de Mareas En Común, temos un proceso de Mareas Vivas calendarizado, aberto e cunha metodoloxía participativa. Doutro lado temos un desexo, explicitado polos seus propietarios, de democratizar En Marea.

En última instancia seguimos tendo un proceso. A democratización de En Marea pasaría necesariamente por cambiar as regras de xogo, facer propietarios ás cidadás e decidir todo en votación de censo único baixo o principio democrático radical de ‘unha persoa, un voto’.

Deixémonos do fetichismo das palabras. Chámese así ou non, iso é a Marea Viva formulada por Mareas en Común. Logo pois, volveriamos a ter un único proceso onde conflúan dous espazos.

A política de confluencia móvese, cada día máis, entre ‘finxe ata que sexa certo’ e ‘mínteme como se fora certo’. Moitas estamos dispostos a teimar no primeiro e deixarnos autoenganar no segundo, pero a maioría social ten un límite, que ten que ver coa súa vida diaria e as súas angustias vitais.

De éxitos electorais esta cheo o universo dos fracasos políticos. Por suposto que so pode haber un proceso: o democrático.

_______________________________________________________

Artigo publicado en

Galicia Confidencial   http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/29213-realidade-houbo-unico-proceso 

OBenComún http://obencomun.gal/2016/05/05/en-realidade-sempre-houbo-un-unico-proceso/