No Día Internacional de recordo das vítimas do Shoáh

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Sohah

 

Xoán Hermida

“Solo le pido a Dios que la guerra no me sea indiferente”.

Seguramente este sexa o himno pacifista máis recoñecible en idioma castelán. Del téñense feito diferentes versións por múltiples artistas.

O que seguramente non saiba moita xente é que o seu autor é León Gieco, coñecido como o Bob Dylan latino.

Tampouco saberá moita xente que León Gieco é xudeu arxentino e que o seu sobriño de 19 anos é un dos secuestrados e asasinados por Hamas tras o acto de terror do 7 de outubro pasado.

Todo isto non o saberán porque a pesar da propensión dalgún sector a apoiar ‘todas’ as causas humanitarias, ningún das decenas de autores que teñen cantado esta canción se prestaron a condenar o acto ou amosar a súa solidariedade co autor.

O 27 de xaneiro conmemórase todos os anos o recordo as seis millóns de vítimas do Shoáh (holocausto). Unha data que ningunha persoa de boa vontade debera esquecer.

Aínda non fora instituido pola UNESCO (no 2005) pero lembro que en xaneiro de 1988 asistín en Praga a un acto conmemorativo da liberación do campo de concentración Auschwitz-Birkenau polas tropas soviéticas. Hai que dicir, en honor a verdade, que aqueles réximes que existían na esfera soviética, a pesar do seu totalitarismo e represión aos dereitos civís, tiñan no seu ADN da memoria política e antifascista a Shoáh e o xenocidio dos xudeus en Europa como un elemento cardinal.

Un día antes da celebración da Shoáh o Tribunal Internacional de Xustiza (ligado a ONU) ditaminou arredor da demanda presentada por Sudáfrica contra Israel por xenocidio.

A coincidencia das datas debería facernos reflexionar sobre dúas cuestións. Unha ten que ver coa banalización das palabras, non sei si como paso previo ou non á banalización da violencia (Hannah Arendt), e, a outra, coa provocación as millóns de persoas xudeas, xitanas, ucraínas, armenias, bosnias, ... que neste caso si foron nalgún momento vítimas dun xenocidio, ou sexa vítimas dun plan diseñado para a súa eliminación étnica.

Por iso este ano decidín asistir ao acto conmemorativo da Soháh que celebrou a Asociación galega de amizade con Israel e a Comunidade xudea de Galicia.

A miña sorpresa foi que o acto celebrouse no medio de medidas de seguridade definidas pola delegación do goberno.

Resulta unha vergoña democrática e unha proba real da existencia de antisemitismo na sociedade, que un acto en lembranza das vítimas do holocausto téñase que celebrar, entrado o século XXI e nunha sociedade que se recoñece como democrática, cuns furgóns da policía na entrada.

O acto transcorreu nun ambiente de humanismo e pacifismo real que eu non respiraba hai moito tempo, e á vez, nunha especie de clandestinidade e persecución indecente.

A Asociación galega de amizade con Israel ten entre os seus obxectivos:

-       “denunciar e traballar contra a perversa banalización da Shoáh (holocausto)”;

-       combater a “xudeofobia”;

-       “espallar o inmenso legado ético e cultural do pobo xudeu”;

-       “achegar á sociedade galega información alternativa ao empobrecedor ‘pensamento’ único que domina os medios de comunicación ao respecto do conflito árabe-israelí”;

-       defender a “lexítima causa (a existir) de Israel”.

Todas, como se pode comprobar, causas non so lexítimas senón defendibles desde un ideario de progreso.

Teño xa escrito noutros artigos sobre islamofobia (1) e antisemitismo (2). A miña posición xa está argumentada e é coñecida suficientemente.

Tamén é coñecida a miña posición favorable a que na area xeográfica coñecida como Palestina poidan convivir, si é posible en dous estados, os árabes palestinos e os xudeus palestinos.

Pero quero volver sobre o ditame emitido polo TIX.

O ditame dado a coñecer o 27 de xaneiro polo Tribunal Internacional de Xustiza (vinculado á ONU) diante da demanda presentada por Sudáfrica conten tres aspectos a ter en conta:

1. A propósito da competencia ou non. O TIX recoñécese competente para xulgar a demanda presentada por Sudáfrica.

2. Sobre medidas cautelares solicitadas. O TIX non contempla ningunha esixencia de alto ao fogo, recoñecendo deste xeito o dereito de Israel a súa lexítima defensa.

3. Sobre obrigas e recomendacións. O TIX solicita do goberno israelí que adopte tódalas medidas que aseguren a axuda humanitaria e ampare á poboación civil.

Cabe lembrar:                          

- Que O TIX ordenou no 2022 a Rusia parar a agresión a Ucraína. E pese a ser vinculante Putin seguiu adiante. A esquerda non dixo nin alzou a súa voz nin se mobilizou.

- Nos últimos 10 anos o goberno de Siria matou, cos axuda do exercito ruso, a máis de 300.000 habitantes. Isto supuxo un éxodo de 5 millóns de persoas que abriu unha crise na UE e favoreceu o auxe da extrema dereita. A esquerda volveu a optar polo silencio.

- Hai tres meses un grupo terrorista islamista, que tiña que dedicarse a xestionar a franxa de Gaza, tal como obrigar os acordos de paz de Oslo exercendo de goberno de facto de Gaza, invadiu Israel, matou preto dun millar de persoas, secuestrou un par de centenares e violou mulleres. A esquerda, aínda coas imaxes do horror presente, si se manifestou pero contra Israel.

O goberno de Sudáfrica, onde existe o maior numero de violacións e feminicidios do mundo, xunto con México e os países musulmáns (incluída Gaza), denunciou ante o TIX a Israel por xenocidio.

Como debe ser a credibilidade dos funcionarios da ONU en Gaza, na influencia ideolóxica de Hamas (o mesmo día coñecíase a noticia que varios deles colaboraran nos atentados do 7 de outubro) que as súas declaracións e informes non foron determinantes para o Tribunal da propia ONU, que á marxe das obrigas humanitarias non esixe a Israel parar a súa incursión militar (como se o fixera outra veces, a última no caso da invasión de Ucraína por parte de Rusia).

Cabe lembrar que este é o primeiro conflito nos últimos tempos nos que a ONU desatende as súas obrigacións e decide externalizar a xestión dos datos do conflito a un dos actores do mesmo (Hamas).

Resulta curioso escoitar falar en todo momento do Ministerio de Sanidade de Hamas cando de non existir ningún goberno árabe na zona non podería existir tal ministerio. Por outro lado resulta chamativo que non se faga referencia ao ministerio de sanidade da ANP (autoridade política recoñecida por todas as partes) e si dun grupo terrorista (imaxinémonos, por un momento, que na época da violencia en España se dera credibilidade a un suposto ministerio de sanidade de ETA para contabilizar as vítimas do Estado).

A solución de dous estados en Palestina, un árabe e outro xudeu, foi a base das resolucións da ONU no 47, no 73 e no 93, e nas tres ocasións foron os árabes os contrarios a esta solución.

A día de hoxe a insistencia de Guterres, Borrell ou Albares nesta proposta parece fora da realidade e non porque sexa rexeitada por Israel senón porque Hamas, tal como lembraba hai dous días un dos seus portavoces, ten como obxectivo a desaparición do estado de Israel, e (textualmente) "botar aos xudeus ao mar". Non aclarando si con violación previa ou non.