Oda aos miserables (e 2)

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Oda aos miserables ou como facer un achegamento
psicolóxico á militancia política e social


Apartado analítico

Máis dunha vez teño discutido con algúns ‘irmáns de nación’ ou ‘camaradas de esperanzas’ sobre se é no caracter comunista onde hai que buscar os elementos distorsionadores que fan da UPG o problema do BNG ou do PCE o problema de IU.

Obviamente son plenamente consciente de que o modelo stalinista, entendido este como a deturpación das ideas marxianas e mesmo leninianas, ten moito que ver coa idea da vangarda ou do sentido dogmático dos procesos sociais e políticos, pero sempre acabo negando a maior.

Desde o meu punto de vista estas organizacións se comportan así por unha cuestión ‘corporativa’, pois non deixan de ser a estrutura profesional e funcionarial a soldo que teñen a capacidade real de control do conxunto do proxecto e ademais teñen un interese persoal polo seu control practico, máis aló da escusa ideolóxica que se plantexe en cada momento.

Moitas veces se ten estudado o comportamento psicolóxico das persoas nos grupos e mesmo fai tempo que ten agrupado en conxuntos particularizados ás persoas que participan dun proxecto social humano.

Así, existen varios tipos de categorías das persoas que participan nos colectivos humanos. En concreto este perfil ‘corporativo’ se transforma en colectivo tras un proceso de translación do interese persoal de certas persoas que converten as organizacións no seu xeito de vida.

De como chega esta xente a controlar as organizacións deberían tomar nota os colectivos sociais e políticos pois é moi fácil que unha estrutura contratada chegue a obviar a vontade das asociadas ou a secuestrar unha organización composta por persoas voluntarias que teñen as súas vidas e os seus compromisos e so poden adicar á militancia un tempo e unhas enerxías por forza limitadas.

En todo caso estas persoas responden a unha visión filosófica idealista baseada en tres piares centrais:

- Individualismo. Antepoñen os seus intereses persoais ao colectivo, tanto na acción como na reflexión. Para eles o coñecemento é un fin en si mesmo e polo tanto o aprendizaxe te nunha finalidade para o enriquecemento persoal e non para un saber colectivo. Así están plantexando a revisión permanente dos proxectos pois perden a perspectiva do ‘saber colectivo acumulado’.

- Sectarismo. Os outros deben ser como el e o pensamento dos outros reflexo do del e non da realidade. Cando a realidade indícalle o erróneo dos seus análises negan a mesma ou buscan elementos externos culpatorios ou conspiracións e traizóns, non entendendo que ‘cando a realidade a botas pola porta volver a entrar pola xanela’.

- Doutrinarismo. Non teñen en conta o mundo real e por iso están incapacitados para transformalo, o seu dogmatismo se volve conservador por máis que reciten e nomeen a autores filosóficos revolucionarios que na maioría dos casos nunca leron e de seguro xamais entenderon converténdose nunha especie de analfabetos políticos funcionais.

Estes tres piares levan como norma xeral a un serie de comportamentos comúns que merecen ser apuntados:

- Incapacidade para construír. Soen ser persoas que nunca constrúen nada, ao sumo aprovéitanse parasitariamente dun proxecto en marcha e cando non lles funcionan optan, lembrando ao debuxo de Castelao, por poñer ‘tachas a obra sen estar rematada’ e sen solución de continuidade pasan a poñer os seus esforzos en destruír.

- Totalitarismo. Tras toda unha serie de fraseoloxía oca e baleira de contido mesmo apelando a nobres principios (participación, horizontalidade, autoxestión,...) son as persoas máis intransixentes no grupo e menos tolerantes coas opinións diverxentes e nada democráticas á hora de abordar a construción dun proxecto colectivo.

- Envexa, presente en todos eles, ten as súas raíces na frustración persoal e/ou colectiva. Tratase sen lugar a dubidas do sentimento máis miserable existente que leva aparellado o descrédito e a calumnia, na busqueda da destrución do ‘adversario’ político. Os colectivos e persoas que avanzan están no punto de mira deste tipo de comportamento. Non se trata dunha busqueda de xustiza ou motivación porque non se busca o éxito que ten o outro, senón simplemente que o outro non teña éxito.

Ao final estamos diante dun triangulo conformado por sectarismo ( illamento social ), dogmatismo ( fanatismo ideolóxico-cultural ) e interese persoal ( construír un xeito de gañarse a vida ).

As persoas vivimos con contradicións, e parte da vida e da dialéctica (esa ferramenta hegeliana á que Marx puxo do revés e que moitos dos seus seguidores nin coñecen nin comprenden). Os colectivos transformadores móvense entre a realidade (que queren mudar) e o proxecto de futuro ( a utopía ) nun proceso complexo e igualmente dialéctico.

De feito a esquerda sofre unha patoloxía da división fronte ao sistema, confundindo ao aliado co adversario, porque se ben na esfera filosófica (Misión e Principios) e na parte programática (Obxectivos) vive feliz sen contradicións aparentes, unha vez chega á parte política (Visión – proxecto político e estrutura organizativa -) as contradicións flúen con forza.

Aquí é onde os esquemas non serven e as organizacións intelixentes e as persoas honestas teñen que aprender a asumir as contradicións e sabelas encauzar.

E se as contradicións entre a vida e a ideoloxía son abismais non queda outra que cambiar de vida ou cambiar de ideoloxía, ou como din as sagradas escrituras ‘se os teus ollos non te deixan mirar ( a realidade ) arríncaos.’