Un 'sinsentido'
- Detalles
- Categoría: Sen categoria
- Publicado o Domingo, 19 Agosto 2012 11:42
"Son gritos en el cielo, y en la tierra son actos" Gabriel Celaya
Xoán Hermida
Hai un ano o 15 M puxo enriba da mesa a desafección que unha boa parte da sociedade tiña pola política.
Daquela un grupo de persoas puxemos en marcha a Iniciativa BenComún entendendo que esa desafección interpelaba en primeiro lugar á esquerda e ao nacionalismo, aos seus militantes e dirixentes, pero tamén a súa base sociolóxica.
Coincidiamos xentes diversas en procedencias culturais ao pensar que conectabamos cun amplo sector social que demandaba:
- Maior radicalidade democrática cara adentro en forma de proxecto onde as persoas sexan as protagonistas e non os grupos (frontismos) nin os profesionais (partidos clásicos) e cara afora (apertura á sociedade en forma de primarias, limitación de mandatos, listas desbloqueadas, referendos,...)
- Renovación. Unha esquerda democrática renovada e cun proxecto de reforma crible e practicable para non volver a defraudar á sociedade
- Ampla unidade que abarcara socialmente aos sectores afectados polo control monopolista (95% da poboación) e politicamente polos sectores da esquerda e do progresismo non de esquerdas, todos cunha visión galeguista e partindo da propia autoorganización nacional cívica.
Neso estabamos, mesmo construíndo instrumentos políticos plurais para o futuro inexistentes ata o de agora, cando estourou a segunda forza da oposición galega (BNG) e entrou en crise estrutural a primeira (PSdG).
Prometiámonolas moi felices todos e todas, cando empezou un proceso delirante. A maioría que viña do BNG e que foran capaces de poñerse de acordo nun programa de renovación do mesmo, non eran agora capaces nin de xuntarse para falar.
Uns empezaron a botarse ao monte e outros ao río. Uns puxéronse a rehabilitar 'zoombies' políticos e outros a facer a viaxe imposible cara ao centro.
E namentres a maioría, situada na esquerda galega renovadora, dividida en dous polos e cunha parte, nada desprezable, aínda no BNG.
As similitudes coa transición non fan máis que aparecer, ao fin e ao cabo estamos ao final do ciclo político aberto pola mesma, e como daquela tratase de apostar nin polo tacticismo reformista nin polas proclamas rupturistas inconcretables, senón por unha aposta estratéxica de ruptura sustentada nunha táctica de reforma programática e de acumulación de forzas.
Convén pararse un momento e facer balance.
Un ano despois que temos no debe:
- a esquerda renovadora máis dividida que nunca e con moitas dificultades de dirixir o proceso e marcar a axenda;
- o intento de 'remaque' de dous proxectos fracasados: Coalición Galega e BNPG;
- en lugar de unha fronte a posibilidade dun proxecto sustentado en dous frontes (Anova-EU);
- en vez de un partido comunista dous partidos comunistas e medio;
- o proceso de converxencia hexemonizado desde os extremos;
- o sometemento de unha nova xeración de lideres políticos esmagada por persoas que levan varias décadas dirixindo a esquerda e o nacionalismo.
Un ano despois que temos no haber:
- a quebra e superación da dicotomía nacionalismo versus non nacionalismo en base a unha concepción nacional e galeguista;
- un proxecto novo, aínda que moi limitado e con moitas incógnitas por resolver (Compromiso por Galicia );
- unha maior pluralidade política por asentar;
- a demanda social de amplas unidades electorais de progreso (en defensa do Ben Común) e galeguistas (en defensa e ampliación do noso autogoberno);
- a diferenciación entre uniformidade (proxecto único) e unidade (proxecto electoral).
En todo caso temos diante de nos unha oportunidade xa case perdida e o que ao inicio se plantexaba como unha carreira de 110 metros valados agora tornouse nunha carreira de fondo, máis próxima aos 10.000 metros lisos.
Nesa nova distancia a unidade é un valor importante, pero pouco crible para os que non hai máis de cinco meses fixeron unha voadura incontrolada do proxecto máis unitario que deu e seguramente dea a esquerda galega, e pouco consistente sen a participación case segura do propio BNG ou do PSdG.
Agora ben, convén deixar de enredar e aclarar se a aposta pola unidade é real ou se trata dun xogo de tacticismos para desgaste do rival. Anova anuncia abrir o abano a EU sen ter pechado os pactos previos con CxG. EU lanza unha mensaxe anti-capitalista que deixa fora a CxG pero non ten récelo en falar con seitas como o Partido Humanista. CxG en lugar de liderar un proceso de unidade común se ensimesma arredor de si.
Toda vez que a unidade do conxunto da oposición é imposible a formula máis que evidente seria unha coalición preelectoral CxG-EU-Anova. Calquera posibilidade mínima de obter resultados pasa pola suma aritmética destes tres proxectos políticos. Nunha alianza electoral que tendo a esquerda como o seu motor de ideas fora unha candidatura de expresión democrática e galeguista. O demais é dar voltas a agulla de marear.
Aínda así, ollo ! Nesa nova distancia o valor da renovación seguramente sexa un valor máis seguro.
A cidadanía non validaría contradicións entre o que se di e o que se fai. E aquí quen máis fácil o ten para saír do embrollo é EU que non prometeu nada que non poida asegurar. Calquera acordo pre-electoral entre CxG, EU e Anova, necesitaría dunha explicación crible por parte dos que ían construír 'desde abaixo' e dos que afirmamos que as primarias eran unha peza chave na formulación das novas formas de facer política.
Algúns levamos un ano apostando pola construción de algo novo, foi un tempo de traballo e ilusións, e tamén de tempo roubado e miserias observadas, aínda que de seguro terá o seu resultado, se non o 25 de novembro, no futuro.
O país necesítao, a xente demándao. Aínda estamos a tempo !