Ratzinger e a radicalidade democrática
- Detalles
- Categoría: Sen categoria
- Publicado o Domingo, 17 Febreiro 2013 18:14
Xoán Hermida
Espazo Ecosocialista ven de anunciar que vai presentar unha proposta sobre radicalidade democrática que debulla en medio centenar de propostas un código para poñer en marcha un novo proceso constituínte para o século XXI toda vez contrastado que ademais de estar diante dunha crise sistémica global estamos no esgotamento do armazón político-insittucional do réxime local.
O modelo saído da transición ten os suficientes anos, case os mesmos que durou a ditadura, como para que iso sexa xa motivo suficiente para abordar reformas e cambios substanciais. En constitucionalismo comparado é difícil atopar un modelo tan ríxido, de feito se observamos a constitución americana e as súas vintesete emendas, sairanos a unha media de reforma constitucional cada cinco anos.
Pero ademais, a transición estivo tutelada e baixo vixianza, que xunto unha debilidade da masa crítica necesaria para ir máis aló deixounos un estado de ‘medioestar’ e unha democracia de baixa intensidade sen valores republicanos cívicos.
Agora ben, este final de ciclo coincide con dous acontecementos no tempo.
Un proceso de afloramento de corrupción económica transversal que afecta aos partidos do réxime PP, PSOE e CiU, á Casa Real, á xudicatura e a patronal. Suficiente para darse conta de que a corrupción económica ven precedida dunha corrupción ética e política que obriga a poñer en riba da mesa o recambio das elites políticas e sociais do estado.
Pero o proceso tamén coincide coa renuncia do papa Benedicto XVI, situación pouco habitual nunha institución tan pouco dada aos cambios como a igrexa católica e a súa xerarquía.
Nun artigo meu de hai dous anos a propósito da visita de Benedicto XVI a Santiago de Compostela apuntaba “Seriamos inexactos se situaramos no cristianismo algúns dos seus elementos conceptuais máis reaccionarios. Os primeiros cristiáns non pasaban de ser unha corrente popular e crítica fronte ao poder teolóxico establecido no seu tempo. A evolución posterior da igrexa ten moito que ver co seu ‘agiornamento’ co poder e sobre todo a súa base filosófica na idade media coa reinterpretación que de Platon e Aristóteles fixeron os escolásticos, en particular Agustín de Hipona e Tomas de Aquino. Igualmente hoxe a base filosófica do papado de Benedicto XVI bebe fundamentalmente do pensamento idealista transcendental de Inmanuel Kant, que paradoxalmente era luterano e non católico.”
Digo isto porque Ratzinger a diferenza do seu antecesor é un ilustrado e como tal movese.
Ratzinger é un ultraconservador pero na súa condición de teólogo e pensador repúgnalle o grado de corrupción que se instalara no vaticano na etapa de Juan Pablo II e que empezaba a empezoñar o seu papado.
Cando falamos de radicalidade democrática falamos de cuestións epistemolóxicas profundas pero tamén falamos de cuestións metodolóxicas non menos importantes como a libre elección, a apertura social ou a limitación de mandatos.
Resulta curioso que Ratzinger nun acto sen precedentes na igrexa católica o deixe xusto no seu octavo ano, xusto no que en termos políticos [terreal] soen ser dúas lexislaturas, suficientes para non entrar nun proceso encamiñado cara ao vitalicio.
Paradoxos da vida, Ratzinger que iniciou o seu papado cunha viraxe as posicións máis reaccionarias marcha nun xesto que deixa descolocado a máis de un e a igrexa católica na obriga de abordar unha profunda renovación necesariamente democrática.
Prestará o exemplo?
Podese ler tamén en Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/13267.html