O Povo é quen mais ordena!
- Detalles
- Categoría: Sen categoria
- Publicado o Xoves, 28 Febreiro 2013 10:50
Xoán Hermida
Alternativa Galega de Esquerda presentouse ás pasadas eleccións autonómicas cunha tripla mensaxe: a gravísima situación que necesitaba dunha resposta unitaria, a necesidade da construción dun esquerda alternativa e a demanda cidadá de novas formas de facer política.
Entre o urxente de dar resposta a unha situación que foi cualificada polo seu principal candidato como de ‘emerxencia’, o necesario de frear á dereita política e aos oligopolios que estaban e están desmantelando os resortes de estado social e atacando ao ben común, e o importante de construír unha nova esquerda acertouse no primeiro, intentouse o segundo e aprazouse o terceiro.
AGE irrompeu con forza por unha multiplicidade de factores que o fixeron aparecer como a ‘ultima’ esperanza para unha cidadanía cansa de observar como as vellas forzas políticas instaladas nas institucións parécense cada vez menos a organización preocupadas polas necesidades das persoas e ocupadas no ben común, e cada vez máis a clubs privados encargados de resolverlle a máis de un o seu interese particular.
O proxecto de Alternativa Galega de Esquerda non é froito da casualidade. Durante moitos anos colectivos e persoas viñan alertando da necesidade de novos instrumentos políticos que situados no paradigma dunha nova esquerda nacional superara o debate nacionalismo/non nacionalismo. Ademais da experiencia fracasada entre EU/UG a mediados da década dos noventa, a Posición Soto expresada no seu día polo independentismo, a Rolda de Rebeldía organizada polo Encontro Irmandiño, as Mesas de Converxencia impulsados por EU ou as propostas de renovación e transversalidade formuladas pola Iniciativa BenComún son algunhas das propostas que apostaban por iso e nas que participaron moitas das persoas que posibilitaron o xurdimento de AGE.
Agora ben, o resultado de AGE ten un aquel de carambola a tres bandas que de volver a intentalo seguro que non sae. Por iso é importante que o ‘experimento’ nin fracase polo corporativismo das partes nin defraude pola súa incapacidade de apertura ás demandas reais da cidadanía.
Aínda quedan moitas persoas por saír da desafección e as que votaron a AGE nas pasadas eleccións son electores que deixaron ao PSdG e ao BNG cansos das vellas formas de facer política e polo tanto van ser máis esixentes que ningún outro e van a estar máis vixiantes que os dos outros partidos.
Pronto pasaran os días de graza que toda nova formulación ten e cando isto ocorra, AGE terá que ser realmente o proxecto político da rebeldía cívica que prometeu ser. Construción cooperativa na súa pluralidade e radicalmente democrática e unitaria á hora de tomar as súas decisións.
O grupo parlamentar ten un traballo de denuncia e propositivo moi forte, pero diante dunha crise sistémica e de fin do ‘réxime’ que ameaza con levar por diante os dereitos e liberdades tal como os coñecemos no último medio século, calquera avance pasa por organizar a resposta e a proposta na rúa, se non queremos que o traballo institucional fagocite as propostas e distorsione a rebeldía ata convertela nun mero espectáculo.
Por outra banda, AGE recibiu o apoio de moitos galegos e galegas nas pasadas eleccións, suficientes para que tamén se lles empece a dar espazos concretos de participación. Faise necesario ir construíndo por todo o país asembleas de apoio cidadá a AGE por que esta non debe ser propiedade dos catro partidos que con moito acerto e fortuna conformaron unha coalición electoral para unhas eleccións autonómicas senón unha ferramenta ao servizo da cidadanía que quere ser dona do seu futuro.
Hai uns días o primeiro ministro portugués Passos Coelho foi interrompido por un grupo de persoas ao canto do Grândola: “...o povo é quen mais ordena ...”. Pois iso !
Tamén o podes ler en Praza Pública http://praza.com/opinion/913/o-povo-e-quen-mais-ordena/
... ou versión local en Pontevedra Viva http://pontevedraviva.com/opinion/286/hermida-povo-ordena-aje-pontevedra-opinion/