España como problema, Catalunya como solución?

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

banderas 2

 Xoán Hermida

Cando se iniciou por parte da sociedade civil catala o movemento de autodeterminación, tras o proceso fracasado da vía de reforma estatutaria para modificar as relacións de Catalunya con España e de paso forzar unha vía federalizante no estado, dúas foron as lecturas que del se fixeron. Unha en clave de democracia radical a outra en clave exclusivamente nacionalista.

 As forzas, e as análises, que a interpretaban na primeira das claves concibiron o conflito catalán como un movemento máis, de seguro o máis importante, dentro do esgotamento do modelo constitucional do 78 e polo tanto, ao igual que o facía o 77% do electorado catalán, tratábase de dar unha resposta catalanista e democrática, de carácter transversal, que tiña unha dobre característica e un efecto engadido. A dobre característica era a reivindicación dunha nova interpretación democrática,  co dereito a decidir como elemento forza, á vez que construír unha nova relación entre Catalunya e España non en base á subordinación ‘autonómica’ senón de relación de soberanía entre dous estados  iguais (concretárase despois a mesma nun modelo federal, confederal ou de dous estados independentes). O efecto engadido sería que este movemento funcionaría como efecto dominó nun proceso constituinte en todo o estadoaberto simbolicamente polo 15M.

 A interpretación exclusivamente ‘nacionalista’ reducíase máis ao ámbito dos dereitos nacionais, limitando o conflito a un proceso soberanista clásico onde o elemento democrático pasaba a segundo plano.

O perigo desta segunda interpretación -que é a que a clase dominante catalá foi quen de impoñer- é, tal como xa puidemos comprobar, unha redución dos apoios sociais (fronte ao 77% de cidadanía que apoia o dereito a decidir esta vía so é apoiada polo 45% do electorado exclusivamente independentista), unha hexemonía da dereita política e económica catalá fronte ao motor cidadanista, e unha fractura nas forzas do catalanismo político.

 

A tramitación da lei de referendo – cabe lembrar aqui a ampla maioría co que se tramitou a Lei de Consultas no 2014- no Parlament ten moito de preocupante. En primeiro lugar porque dana a imaxe da democracia catalá e do seu nivel político que moitos mirabamos con envexa, ata o punto que a fronteira política que separaba a península de Europa sempre a visibilizabamos no Ebro e non nos Pirineos. A segunda porque amosa que a práctica democrática, tan necesaria salvagardar nun proceso independentista porque é a proba de como se vai tratar as minorías políticas e nacionais a partir do momento da secesión, queda moi tocada diante da opinión pública. A terceira, e a máis grave, porque cando se vulneran os dereitos das minorías parlamentarias e se incumpre a propia lexislación e armazón xurídico catalá correse o risco de entrar nunha deriva totalitaria irreversible.

 

Toda persoa que saiba un mínimo de politoloxía comparada sabe que, agás nun proceso revolucionario puro -non vexo a Puigdemon encabezando a toma do propio Palau da Generalitat que el mesmo ocupa-, non é posible facer un referendo sen as mínimas garantías democráticas, polo tanto negociado despois dun proceso de ampliación de hexemonía cualitativo,  e que esta sexa aceptado pola comunidade internacional e unha parte determinante da sociedade catalá. Sen entrar en outras consideracións con respecto ao Estado e a Unión Europea.

 

Soamente a recuperación por parte da sociedade civil do proceso de autodeterminación, fronte as elites neoliberais, vai permitir reconducir o Proces e que este contribúa ao proceso de cambio de réxime en España. Do contrario non hai que ser moi brillante para saber cal será o que ven a continuación: eleccións autonómicas anticipadas nun contexto de bipolarización extrema e a rengron seguido eleccións xerais cunha abafante hexemonía da dereita española. A xanela de oportunidade, que xa custaba manter aberta no último período, pechada para os próximos anos e unha democracia española aínda máis xibarizada.

 

__________________________________________________________________________

 

 Artigo publicado en

 

Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/63910-espana-problema-catalunya-solucion

OBenComún http://obencomun.gal/2017/09/08/espana-como-problema-catalunya-como-solucion/