A paisaxe despois da batalla

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

As últimas enquisas publicadas, tras a chegada ao goberno central do PSOE, veñen a apuntar que a disputa da hexemonía no campo simbólico da dereita vai estar rifada despois da freada en seco que a moción de censura propiciou a Cs.

No campo da esquerda a hexemonía parece decantarse máis claramente a favor do PSOE. Parece que a historia non se repite pero ten parecidos razoables, e a sombra de Anguita proxéctase sobre Iglesias cos mesmos erros no plano das alianzas e da ontoloxía de a quen querer representar, e sobre todo un dato definitivo: pasar en pouco tempo de ser o líder mellor valorado ao peor valorado, mesmo entre os seus votantes.

 

Pódese alegar que o estado de opinión é moi cambiante (é certo) e que as enquisas están condicionadas pola elección do novo goberno (certo tamén).

Creo, non obstante, que os erros de Podemos, previos á moción de censura, son tan de carácter acumulativo nos últimos dous anos que ou hai unha profunda reformulación e un cambio de liderado ou a previsión máis segura é un Podemos nos niveis electorais de IU de 2014 (antes do xurdimento do propio Podemos) e, o que peor, con menos aguante colectivo para unha travesía de deserto.

Pola súa parte o CIS de xullo, que ven a confirmar esas tendencias, xa compendia todos os peores augurios que algúns viñamos predicindo. Primeiro que na medida que Podemos, e despois Ciudadanos, renunciaron a ocupar os seus respectivos espazos centrais, póndose a xogar á extrema, están a facilitar a hexemonía das forzas tradicionais.

Por iso, a pesar de lecturas interesadas, todo indica que as forzas do cambio (Podemos no estado e EnMarea en Galicia) perden peso electoral polo desenfoque discursivo (abandono das prioridades democráticas propias de tempo onde existe crise de modelo político por outras máis propias da esquerda de antes da caída do muro de Berlín). 

Son dos que creo que debe existir unha política propia de carácter nacional (incluído a existencia dun grupo parlamentario galego). Agora ben, tan peregrino é culpar ao actual portavoz do descenso electoral como de centrar o tema na inexistencia de proxecto institucional propio. Iso seria como pensar que Podemos afúndese pola súa falla de proxecto patriótico español (e parece que iso non é o caso).

Estamos nun retroceso xeral, sen limites espaciais, do que sen dúbida a maior responsabilidade é dos que centraron nos últimos cinco anos o foco  mediatico (o que Errejón definía como 'núcleo irradiador’).

En todo caso xa estamos no momento de 'non retorno' e todas teremos que elixir campo de xogo, non queda outra,  aínda que non motiva moito a paisaxe despois da batalla.

Triste será que ao final de 'rupturismo' á nova política so lle vai quedar uns retrovisores rotos e un divorcio non civilizado. En ambos casos pouca cultura democrática.