Estamos diante dun novo Amio?
- Detalles
- Categoría: Sen categoria
- Publicado o Luns, 10 Decembro 2018 00:35
Xoán Hermida
Estes días, con maior ou menor argumentación, tense comparado o plenario de EnMarea do pasado sábado 27 de outubro coa asemblea do BNG de xaneiro de 2012.
É verdade que as similitudes nalgúns aspectos entre ambos acontecementos non deixa de ser chamativa, mesmo na presenza dalgúns dos seus actores principais, pero máis aló destas coincidencias calquera parecido é, como din nos filmes que recrean acontecementos reais, pura coincidencia.
O BNG chegaba á cita de Amio cun modelo esgotado tras unha longa traxectoria e despois de non saber xestionar a derrota tras o seu paso polo goberno. Pola contra EnMarea é un espazo, inzado de multiples contradicións pero cun percorrido aínda breve.
As alturas do xaneiro de 2012, poucos meses despois do 15M, aparecía con claridade a necesidade dunha nova interpretación epistemolóxica da representación política e unha nova dimensión ontolóxica que precisaba de modelos máis amplos e abertos. Hoxe esa nova dimensión paradigmática segue a ser a mesma que inauguraron as mareas municipalistas e a asemblea constituínte de Vigo para a construción dun proxecto nacional democrática de cerne cidadanista.
Non cabe pensar que si o anterior episodio de cambio (a transición) durou máis de 30 anos, o actual que conxuga á vez un cambio de modelo político cun cambio de paradigmático vaia durar menos. As contradicións en EnMarea e no resto das forzas do cambio van continuar por moito tempo.
É posible que si as dinámicas partidarias se impoñen, tal como pasou neste último plenario, moita da xente vaia para casa cansada de facer de “compañeiros de viaxe”. Ben distinto é que EnMarea implosione ou sufra unha escisión pois non existe un construtor alternativo.
As próximas primarias serán decisivas para saber o rumbo que toma EnMarea e a súa influencia electoral. As municipais do 2019 servirán para ver a influencia territorial actualizada.
Desde esa convicción estratéxica agora urxe dinamitar a política de bloques que tanto lle gustan aos partidiños e liberados.
Para iso as candidaturas, as que sexan, que se presenten ao Consello das Mareas deberian estar composta polas ‘mellores’ e por xente que desde a normal pluralidade teña como única lealdade o proxecto común e a soberanía última da cidadanía como colectivo na súa conformación con dimensión nacional.
Non deberiamos repetir a experiencia das anteriores primarias nas que se formulou como unha negociación de partes. A proporcionalidade en listas pechadas cando menos ten como virtude asegurar a pluralidade real sen necesidade de acatar presións nin chantaxes.
Luís Villares tense gañado con creces nestes dous anos a autoridade política e moral para confeccionar a lista que considere máis adecuada sen que ningún lobby ou grupo de presión lle condicione a lista. De isto depende en parte a vitoria nas primarias pero tamén iso aseguraría, no caso hipotético de perder, que as mareantes de base seguirían traballando agrupadas arredor dun movemento para manter o proxecto orixinario da asemblea constituínte de Vigo.