Un proxecto nacional cunha proposta para un estado [en tránsito]
- Detalles
- Categoría: Sen categoria
- Publicado o Domingo, 17 Febreiro 2019 12:07
Xoán Hermida
O estado (español) asiste a un episodio de tránsito (con características constituíntes) atravesado por un esgotamento do seu modelo político e un violentamento do seu armazón xurídico que indica con claridade unha crise democrática de gran calado e difícil resolución.
Esta é unha realidade que algunhas das forzas políticas progresistas esquecen con moita frecuencia, asentadas en análises e estratexias máis propias dunha contenda clásica asentada nun predominante eixo esquerda-dereita propia dunha realidade de estabilidade institucional. O máis curioso do caso é que entre esas forzas políticas algunhas mesmo naceron á calor da orfandade de representatividade que medraba arredor da crise democrática.
Asistimos a unhas eleccións xerais anticipadas que apuntan á apertura dunha etapa distinta no marco dese episodio de tránsito. Etapa que polos erros da esquerda, en xeral, e das forzas do cambio, en particular, todo apunta que vai estar dominada por forzas involucionistas (na formulación política) e reaccionarias (nas propostas programáticas).
Eleccións que veñen precedidas polo cambio de goberno en Andalucía tras catro décadas, ininterrompidos e sen renovación, de gobernos do PSOE e tras o fracaso do diálogo nun conflito como o catalán que afecta ao propio esgotamento do modelo constituínte no seu aspecto territorial.
Para moitos cidadáns existe unha certa fartura dun periplo político que pasou por diferentes fases: indignación polo estado de corrupción xeneralizada; ilusión arredor da posibilidade de vertebrar un marco discursivo diferente ao ofrecido polo bipartidismo durante máis de tres décadas; frustración ao observar como froito de maximalismos estériles e unha ambición desmedida se repetían as eleccións e instalábase, desde a minoría, a corrupción e os recortes; expectativa diante dunha moción de censura que chegaba tarde e sen un programa político claro; e por último, unha terceira repetición electoral.
Por iso, máis alá da valoración que en termos de contenda social poidamos ter, desde as forzas progresistas, do que se xoga nestas eleccións, non deberíamos perder de vista que estas eleccións prodúcense nun momento de forte fatiga cidadá e son interpretadas, por unha parte importante do electorado (que pode ser decisiva), como unha oportunidade para desbloquear unha situación que esta enquistada hai moito tempo.
Son pois, unhas eleccións complexas e difíciles de encarar para as forzas do cambio que precisan reformular un novo horizonte no plano social, ambiental e de liberdades civís e colectivas, sen perder de vista que a liña condutora argumental, na que nos movemos hai uns anos ten como principios reitores a calidade da democracia, o rexeneracionismo político e a maiores esixencias en canto a estándares éticos. Esa liña argumental central, utilizada e posteriormente abandona por outros, debe ser o núcleo do contrato electoral con que En Marea concorra a estas eleccións xerais.
Unha contrato que interpele á cidadanía desde a participación das máis (lonxe de acordos copulares ou decisións entre bastidores dos profesionais dos partidos), que dialogue coa sociedade desde o compromiso do cumprimento dos acordos con ela acadada, e que sele co pobo a declaración co maior alto gradode imperativos éticos esixibles.
Contrato de En Marea que necesariamente pasa por elaborar unha oferta electoral cun programa de cambio pensado para as maiorías (social), vertebrado para unha realidade colectiva (nacional) e cunha proposta para un estado en tránsito (democrática).
Oferta electoral que para que sexa recoñecible obriga a emanciparse definitivamente do discurso subordinado o PSOE non eixo esquerda-dereita (no que esta atrapado Unidos Podemos hai tempo), a compoñer unha proposta para o conxunto da sociedade galega e o seu papel na reconfiguración do estado máis alá do eixo nacional interpretado desde unha dimensión reactiva/defensiva (tal como a formula o BNG).
Nestas eleccións presentaranse múltiples ofertas electorais que se autoreferencian na esquerda e, algunhas menos, que se sinalarán como nacionalistas. Todas co obxectivo explícito de frear o avance da dereita. Todas cun difícil problema de credibilidade discursiva, pois sendo o obxectivo loable é inútil de abordar desde eses parámetros. Primeiro, porque a dereita non avanza senón que afianza a súa hexemonía electoral a partir do retroceso das posicións da esquerda e da desmobilización do seu electorado. Segundo porque non existe un proxecto para un estado que precisa de amplas maiorías constituíntes realizable só desde a esquerda, igual que non existe un proxecto nacional para as maiorías sociais desde un nacionalismo pensado so para minorías autoreferenciables.
En Marea ten que ser capaz de situar unha proposta de estado desde un nítido proxecto desde e para a cidadanía galega, e xunto con outras forzas aliadas, sente as bases para a medio prazo reverter a actual etapa de hexemonía da forzas involucionistas, volvendo a colocar o episodio de cambio na folla de ruta das forzas de progreso.
Unha proposta nacional en toda a súa dimensión que necesariamente pase por abordar con valentía e sen prexuízos estes cinco eixos:
- Un proxecto para o conxunto dos galegos e das galegas, indistintamente da súa referencialidade (unívoca ou múltiple) nacional.
- Unha nova interpretación da democracia e as actualizacións lexislativas derivadas dela.
- Un modelo de reforma de estado (incluída a política de alianzas e a estratexia da súa posta en marcha).
- Un programa de reindustrialización verde e de redistribución da riqueza e dos mecanismos de cohesión social e territorial.
- Unha redefinición do concepto soberanía no século XXI.
Sabendo que o ciclo electoral que se abre comeza, pero non remata, nas xerais, senón que inclúen europeas e municipais fundamentais para asentar un proxecto, e teñen como estación termino as autonómicas de 2020.
So acreditando no que se fai, confiados no noso pobo e con liberdade pódese volve ao bo camiño e abordar o futuro con esperanza.