Aquel 15 de xullo, este 15 de xullo
Xoán Hermida
Cando o 15 de xullo de 2014 lanzábase o manifesto da Marea Atlántica, moitas activistas de diferentes cidades e vilas galegas recibíamos o chamado como propio, coa mesma ilusión que poucos anos antes recibiramos ao 15M, e coa esperanza de que servira de impugnación total ao xeito de construír a política desde os partidos.
A calor daquel manifesto naceron novas mareas (non moitas como se di, pero unhas cantas). Os partidos, que ata ese momento se encargaran de marcar os marcos xeográficos do movemento de cambio (espazo AGE), foron arrastrados polo efecto Podemos e foron aceptando, non con moita convicción, ás novas dinámicas.
O período entre ese verano de 2014 e as eleccións municipais do 2015 foi un momento de experimentación política, agrupamento cidadá e construción colectiva extraordinario. Moitas das persoas que hoxe conforman o movemento de cambio incorporáronse por vez primeira á militancia política en termos organizativos ao igual que durante o 15M o fixeran en termos cívicos. Durante eses meses a forza das activistas asegurou que ás forzas partidarias non lles quedara outra saída que a aceptación do novo marco de relacións impulsado polas agrupacións municipalistas.
O éxito das mareas nas grandes cidades e o relato da transversalidade democrática (situado naquel momento en primeiro plano por Podemos), mantivo o impulso ata as eleccións lexislativas do 20D. Non obstante os aparatos partidarios xa empezaran a recuperar o terreo perdido e coa legalización da coalición EnMarea fixeron un acto de apropiamento indebido do marco simbólico das mareas.
O 2016 iniciase con dous acontecementos chave:
Por unha banda, unha nova maioría rexeneracionista no congreso dos deputados que apuntaba a unha saída rápida de Rajoy da Moncloa e que debería facilitar meses despois a saída de Feijoo da San Caetano.
E por outra, a disposición das mareantes de retomar a iniciativa poñendo en marcha o proceso de Mareas en Común. Viñamos de aprender que a unidade das mareantes era o elemento fundamental para facer fronte a uns aparatos partidarios interesados, en canto puideran, a modificar o relato e retomar o control da situación.
Durante aqueles meses de traballo, con moitas dificultades e atrancos, perfiláronse as liñas políticas da nova EnMarea que nacería o 30 de xullo en Vigo. E aínda que xa en febreiro (no encontro da Pobra) algúns xa advertimos certa intencionalidade de tutelase e o interese de sacar da axenda os debates que non eran de interese para certo grupo, a confianza nas compañeiras era tan grande que deixaba a un lado calquera dubida.
Pero as cousas torcéronse pronto:
A incapacidade das forzas do cambio para facilitar a apertura dun novo ciclo político co PP fora do goberno, abriu o paso para unhas segundas eleccións xerais nun contexto máis difícil para a esquerda que aplanaba o camiño para unha nova vitoria de Feijoo nas inminentes eleccións autonómicas.
Paralelamente a isto os acordos da nova EnMarea saída de Vigo ían ser xestionados por unha coordinadora provisoria dominada polos partidos e que si ben mantívose firme á hora de non aceptar formulacións de coalición de partes para a candidatura (en moi boa medida pola actitude de dignidade mantida por Xosé Manuel Beiras e Luís Villares), rápido empezáronse a introducir elementos que co tempo serian chave para o retorno do control dos partidos sobre as inscritas (dúas velocidades na presentación das listas ás primarias, dualidade de censos, elección dun staff de campaña continuista, non sometemento do programa a referendo entre as bases,…)
Co paso do tempo EnMarea tornaba, cada vez máis, a ser unha nova coalición de partes de sempre (con algunha nova incorporación), e Luís Villares pasaba de ser o candidato ‘extraordinario’ (de consenso dos poderes fácticos internos) a persoa non grata (‘non é dos nosos’).
A cándida inocencia de quen sendo honesto descoñecía as entrañas da política levouno a acometer, con máis voluntarismo que acerto, a imposible tarefa dunha lista de consenso daqueles que lonxe de estar interesados en construír un proxecto de cambio están interesados en manter as súas posicións de mando.
Distinto fora, como queriamos esperar moitas, que a Marea Atlántica houbera liderado unha candidatura co obxectivo de asegurar unha maioría mareante no Consello das Mareas pero, ao igual que nas primarias para elixir as candidaturas ao parlamento de Galicia, as súas prioridades estaban en outro sitio. Houbo un tempo en que moitas lle recoñeciamos ese papel de liderado as atlánticas, a súa capacidade de innovar nas formas e acertar na diagnose, pero pronto saíron a luz contradicións que para moitas fixeron irrecoñecible o seu espírito inicial coa conseguinte perda de liderado foi enorme máis aló da cidade atlántica (con seguridade unha das máis amargas , por inesperada, que moitos nos tocou vivir neste periodo).
As eleccións internas para escoller o Consello das Mareas deron como resultado unha conformación moi segmentada, lonxe da hexemonía de calquera das candidaturas que concorrían. Resultado que de seguro ten que ver coa insatisfacción das inscritas de EnMarea de verse representado na súa totalidade por ningunha das candidaturas, ben fora pola súa composición ou polo seu programa.
Estes meses a nova Coordinadora de EnMarea, saída da elevación desa pluralidade do órgano político de EnMarea ao seu órgano executivo, fixo un traballo non remunerado de estruturación (extensión, protocolorización, regularización,…), de participación (mareas sectoriais, encontros coas inscritas, referendo sobre a moción de censura), e transparencia (envío de información de acordos) que desde o punto de vista de compromiso humano só cabe agradecer e valorar.
Agora tratase de asegurar catro cuestións para o período que vai ata o próximo período electoral (municipais 2019, autonómicas 2020, xerais -?-):
- Confeccionar un relato de cambio para o noso país, aberto e integrador, que permita achegarse a EnMarea á maioría social deste país que aspira a unha nova democracia que asegure a súa dignidade e a súa felicidade.
- Fortalecer o proxecto nacional, non explicado o mesmo como un feito froito dun esencialismo de carácter ideolóxico, senón sustentado nun soberanismo cívico de carácter democrático e artellado en forma de rede de proxectos cidadanistas municipais.
- Asegurar a democracia e a transparencia interna en EnMarea (a esquerda galega necesita a súa particular perestroika e glasnov que non quixo facer aproveitando a crise dos contenedores partidario-ideoloxicos previos ao 15M)
- Asegurar o compromiso ético da política como frontispicio da mesma. En poucos anos temos observado como en máis de unha ocasión vulneramos os propios principios que dicimos defender (como di un compañeiro mareante: “un minuto de silencio polo código ético”).
Esas son as cuestións que ten que abordar o próximo plenario de EnMarea. O demais retórica para cada parroquia.
Si algo temos aprendido nestes anos é:
$ 1. Que a democracia real é traballosa. Conleva tempo de adicación, perda de enerxías, mesmo algún que outro desgusto tamén, pero é o camiño necesario porque é o único transitable desde a honestidade.
2. Que construír é difícil, e destruír é moi fácil. A irresponsabilidade das persoas que antepoñen os seus intereses persoais (na maioría dos casos ligados a unha remuneración) ao común é moi fácil de ocultar con grandes proclamas ideolóxicas para o cal faise necesario a procura do inimigo interior (noutro tempo o non xenuinamente esquerdista ou nacionalista, hoxe o non autenticamente rupturista).
$ 3. Que cando se perde a perspectiva estratéxica, os movementos tácticos van enfrontando a sectores próximos para obrigar a aliarse, dunha banda e doutra, con aliados conxunturais.
Espero que o tempo me quite a razón e que por unha vez teñan razón as compañeiras de optimismo infinito.
______________________________________________________________
Artigo publicado en
Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/61566-15-xullo-15-xullo