vintetrés anos e cinco meses despois
- Detalles
- Publicado o Domingo, 31 Xullo 2011 17:38
23 anos e 5 meses poden ser moito ou pouco depende de como se mire.
Se chegas a Bohemia desde o que no seu tempo foi a DDR observas pequenos pero importantes cambios.
Tiven a ocasión de facer parada en Berlín antes de volver a Praha.
Berlín é desas cidades que impresiona pola súa forza, pola planificación das súas avenidas. Nela observase unha boa parte da historia da Europa do século XX. Como en substratos mantén vivo os barrios prusianos de inicios do século pasado, as construcións do III Reich ou a diagonal Karl-Marx-Alle construída desde Alexanderplatz e que vertebra o urbanismo desarrollista do antigo Berlín Este.
Os berlineses teñen sabido gardar a esencia da cidade tal cal podémola imaxinar durante ese convulso século XX, mesmo converter en reclamo turístico partes do muro ou o punto de transito (Check-Point-Charlie) entre as zonas de ocupación aliada británica, norteamericana e soviética.
The East Side Gallery en Mühlenstrasse é un verdadeiro museo de arte contemporáneo feito sobre os máis de 1.200 metros de muro que foi intervido artisticamente por varias decenas de artistas de varios países no 1.999. Encontrase na zona Fridrichshain, antiga zona industrial de Berlín oriental
Agora ben, é moi difícil, máis aló do plano urbanístico, atopar os restos da DDR. Quizais non fora o mellor dos mundos e as ansias de liberdade e as demandas nacionais tíñanlle posta data de caducidade, pero o primeiro estado antifascista alemán merecíase un final máis glorioso que non bazares de souvenirs. Desmantelar as conquistas sociais e privatizar o sector público era o pago por abrazar o capitalismo, pero creo que ocultar as luces e amosar so as sombras da DDR volverase tarde ou cedo contra a propia cidadanía alemá e por extensión europea.
Tiven ocasión de entrar no antigo cuartel da Stasi, hoxe convertido nunha especie de exposición permanente dos servizos secretos da Alemaña oriental, obviamente nin se me ocorreu visitar o museo da DDR onde se anuncia unha especie de salón dos horrores estéticos e morais do antigo réxime. Xúrdeme a pregunta de se a DDR sería o único país do mundo que vixiaba aos seus cidadáns. Mirando as fichas feitas artesanalmente a man penso en canto traballo burocrático se teñen aforrado os estados coa invención da informática.
Antes de entrar na República Checa (caio na conta de que o país no que estiven hai case vintecatro anos –Checoslovaquia- non existe e a disolución do mesmo se fixera civilizadamente), parada nunha cidade destruída nas postrimerias da segunda guerra mundial e reconstruída na postguerra: Dresdem. Cantos posibles descendentes dos máis de 35.000 mortos nunha noite de bombardeo británico-norteamericano sobre unha cidade arraxada, cando o inimigo xa está practicamente derrotado (horrores da guerra!).
Chegamos a ansiada e recordada Praha. O calexeiro ten mudado algún nome ás rúas pero estas seguen a ser ás mesmas. Segue a ter esa mestura de cidade romántica e melancólica, con ese punto de xa ter vivido os seus mellores momentos. Cidade misteriosa, ideal para unha escena de espionaxe.
En xeral Praha segue a ser a mesma. Iso si con máis trafico, máis turistas e máis publicidade de marcas. Pero Phaha ten cambiado: ten perdido o silencio.
Agora é unha cidade ruidosa e turística. O ruído o invade todo e choca coa fantástica estrutura arquitectónica da cidade.
O turismo ten invadido o centro da cidade e os habitantes de Praha teñen perdido o poder disfrutar da súa cidade para sacar proveito económico dela.
Antes as horas en punto eran unha pausa na que os praguens@s contemplaban o funcionamento do reloxo astronómico da praza Staromstske, agora son os turistas quen disfrutan dese pequeno pracer e os habitantes da cidade teñen desaparecido.
A taberna de U Fleku, onde polas noites se xuntaba a xente a charlar e a falar, hoxe é un magnifico restaurante para estranxeiros. E así ten pasado en xeral nos lugares de lecer da cidade.
Nalgún momento teremos que pensar sobre como os habitantes das cidades europeas temos perdido os hábitos sociais e como as mesmas se están convertendo en parques temáticos onde no leste se pode contemplar os restos do modelo soviético e no oeste poderase en pouco visitar os restos do que foi noutrora o estado do benestar.
Polo demais todo igual, sen rastro do anterior. Puiden achegarme á escola do PCCH onde estiven varios meses e ver como agora é unha escola de telecomunicacións e de deportes da universidade católica Karlova.
Aquí, a diferenza de Berlín, o rastro do anterior réxime xa so se pode atopar nas infraestruturas e nos dereitos sociais que aínda quedan en pé.
O anticomunismo é máis palpable que en Berlín, aínda que curiosamente o Partido Comunista de Bohemia e Moravia é o partido marxista-leninista con maior porcentaxe electoral de Europa, por riba mesmo do Partido Comunista Portugués.
Observo diante do hotel o monumento levantado ás vítimas do stalinismo (segundo os termos oficiais do comunismo, onde se inclúe o período da primavera de Praha). Para cando unha ás vítimas do nazismo (neste caso a ninguén se lle ocorre dicir vítimas do capitalismo, pois soamente no caso do socialismo se pretende identificar un sistema económico-social cun réxime determinado). Necesario, pois as vítimas recoñecidas polas autoridades durante os case 40 anos de totalitarismo comunista non supera un par de centenares, pola contra os pouco máis de cinco anos de ocupación nazi, consentida polas democracias europeas no tratado de Múnich, ascenden a 38.000 persoas.
Regresou coa posibilidade de volver algún día á cidade que intentou, por un breve momento histórico, demostrar que é posible construír a igualdade sen renunciar á liberdade.