Canto a nós mesmos
- Detalles
- Publicado o Venres, 02 Agosto 2019 18:05
Artigo publicado en Galicia Confidencial
Existe unha sensación clara e rotunda no electorado da esquerda de frustración. A marxe de dita sensación, moitas veces alimentada interesadamente por parte dalgúns medios e creadores de opinión, o certo é que tal como se viña desenvolvendo a evolución política das novas forzas (nomeadamente Podemos) desde o 2016 non era moi difícil imaxinar un desenlace como o que aconteceu o pasado 25 de xullo.
Non se trata agora de afondar nas múltiples causas, de índole variado, que actuaron desde o primeiro momento para que pasara o que pasou. Dalgunhas delas xa teño (e outros teñen) escrito con profusión. A idea central sería que as forzas encargadas de poñerlle letra á música do cambio (15M) non so interpretaron mal a partitura senón que non tiñan interese algún na mesma. Ao final este ciclo alcista das forzas alternativas pechase do mesmo xeito que o anterior (a finais dos 90) cunha esquerda radical repregándose sobre si mesma, desempoando o máis rancio doutrinarismo e illándose social e politicamente.
Desandar todo o camiño para coller a senda verde
- Detalles
- Publicado o Domingo, 02 Xuño 2019 18:00
Artigo publicado en Galicia Confidencial
Un dos mitos sobre os que se asenta a realidade de Podemos, o outro que é a expresión partidaria do 15M, é que nunca unha forza fóra da dicotomía conservadores-socialdemócratas fora quen de ter unha proxección electoral tan forte no contexto europeo. A realidade é que o PCI e o PSUC ao inicio dos 80, o BNG a finais da década dos 90, Syriza en Grecia hai cinco anos ou actualmente varias forzas verdes amosan que as 'excepcionalidades' son máis frecuentes do que parece.
Todas estas experiencias teñen en común ter sido capaces, en diferentes momentos e contextos, de ir máis alá do seu espazo ideolóxico para abordar iso que os clásicos definían como proxecto nacional de clase, transcendendo aos intereses corporativos de orixe e formularse con niveis de transversalidade electoral amplos.
Un proxecto nacional cunha proposta para un estado [en tránsito]
- Detalles
- Publicado o Domingo, 17 Febreiro 2019 12:07
Xoán Hermida
O estado (español) asiste a un episodio de tránsito (con características constituíntes) atravesado por un esgotamento do seu modelo político e un violentamento do seu armazón xurídico que indica con claridade unha crise democrática de gran calado e difícil resolución.
Esta é unha realidade que algunhas das forzas políticas progresistas esquecen con moita frecuencia, asentadas en análises e estratexias máis propias dunha contenda clásica asentada nun predominante eixo esquerda-dereita propia dunha realidade de estabilidade institucional. O máis curioso do caso é que entre esas forzas políticas algunhas mesmo naceron á calor da orfandade de representatividade que medraba arredor da crise democrática.
Asistimos a unhas eleccións xerais anticipadas que apuntan á apertura dunha etapa distinta no marco dese episodio de tránsito. Etapa que polos erros da esquerda, en xeral, e das forzas do cambio, en particular, todo apunta que vai estar dominada por forzas involucionistas (na formulación política) e reaccionarias (nas propostas programáticas).
A segunda desafección
- Detalles
- Publicado o Xoves, 13 Setembro 2018 11:13
Xoán Hermida
«M'han esgotat políticament i personalment», foi a expresión utilizada por Xavier Domènech na súa renuncia a todos os cargos institucionais e orgánicos, que non á política.
Máis aló das motivacións políticas e persoais, que seguramente nunca coñeceremos na súa integridade, a renuncia de Domènech é un síntoma. Un elemento simbólico nunha cadea de feitos que debera preocupar aos dirixentes dunha nova esquerda que viña a substituír na centralidade á vella esquerda socialdemócrata e vai, cada día que pasa, parecéndose máis a aqueloutra que ben por radicalismo ideolóxico ou por acomodarse ao statu quo, conformábase con ser a muleta accesoria no marco dun predominante eixo esquerda-dereita que só favoreceu a construción, e hoxe a reconfiguración, do bipartidismo.
Observo no último tempo cansanzo e desilusión de activistas que confiaron nas forzas do cambio, ben nuns casos reincorporándose despois dun tempo de refuxio nos movementos sociais, ben noutros asumindo por vez primeira un compromiso político na medida que eran seducidos por promesas de poder facer política de xeito máis laico no propositivo, menos corporativo no orgánico e radicalmente democrático no marco do compromiso ético.