Sacristan re-visitado

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

“Quen de verdade ten a palabra son os movementos potencialmente transformadores, desde as franxas revolucionarias do movemento obreiro tradicional ata as novas comunidades amigas da Terra. Só cando unhas e outras coincidan nunha nova alianza se abrirase unha perspectiva esperanzadora. Namentres, intentaremos entender o que pasa e aplanar o camiño, polo menos o que hai que percorrer coa cabeza.”

Carta da redacción Mientras Tanto, n.º 1 (1979)

 

As dinámicas nas que nos vemos inmersos fan que sexa moi necesario e recomendable abandonar alúmenos durante  48 horas o activismo frenético e facer un oco para a reflexión e o pensamento. Que pracer para as neuronas poder mergullarse unha fin de semana con INTEGRAL SACRISTAN.

Un luxo repleto de textos e entrevistas arredor do maior filósofo español despois de Ortega y Gasset, que me confirma no meu perfil italianista no social que se complementa co perfil necesariamente afrancesado no republicano.

Varias notas críticas que vos deixo:

1. A ética como elemento central do pensamento filosófico e da intervención política. Os filósofos que so interpretan o mundo, tal como denunciaba Marx, non son do noso interese. Canto se necesita dos filósofos ao fronte das direccións dos partidos para que a proposta táctica necesaria do día a día non someta á estratexia ‘utopista’. Os pensadores activos nas executivas dos partidos a principios do século XX desapareceron das mesmas a finais do século pasado, agora que estamos nunha etapa de reconstrución é necesario que volvan ao fronte da mesma.

2. A fortísima formación filosófica sustentada de xeito crítico na potente tradición alemá (Kant, Hegel, Marx, Heidegger) lonxe da tradición francesa atractiva para modismos de época pero igual de inconsistente como pouco duradeira. Construcións de pensamentos poliédricos non por elo menos sólidos, cando algúns neste país están abonados á preguiza intelectual que leva inevitablemente ao conservadorismo político.

3. Marxismo vivo como ferramenta científica ao servizo dunha estratexia de cambio. Capaz de comprender ao pensamento filosófico de Marx non como unha escola (pechada e doutrinaria) senón como un todo complexo e dinámico. Capaz de entender que na súa análise científica as relacións entre forzas produtivas e relacións de produción van máis aló da loita económica, que se trata de forzas produtivas-destrutivas e que se trata, a súa vez, de relacións de produción-sociais onde entra toda a vida cotiá do individuo.

4. Apropósito dos liderados éticos e intelectuais. Existe na esquerda do noso país un desprezo polo pensador 'individual’ fronte a mitificación da elaboración 'colectiva’. Unha falsa dicotomía máis !. Acaso é posible construír elaboración colectiva sen a suma de elaboracións individuais? Seria impensable Enric Tello,  Mª Dolors Calvet, Joaquim Sempere, Jesús Mosterin, Elena Grau, Francisco Fernandez Buey, Antoni Doménech, Daniel Raventos, Dolores Juliano, Miguel Candel, Manuel Cruz, Joan Martinez Alier, Maria Rosa Borrás, Emilio Lledo, … sen a escola e a impronta de Manuel Sacristan. Que luxo para a esquerda catala.

5. Necesitamos igual que os cataláns o noso propio MIENTRAS TANTO, non un think tank senón un autentico laboratorio de ciencia social desde onde, ao igual que se fai na química, extraer a esencia orgánica dos compoñentes das loitas cotiás e formular a composición das políticas para o cambio. Envexo a tradición do PSUC, proxecto hexemónico da esquerda catala na transición que foi quen de liderar procesos coa fortaleza dun partido de reforma forte onde convivían mentes brillantes pragmáticas coma Jordi Sole Tura ata mentes máis profundamente radicais como as do propio Manuel Sacristan.

6. A intuición e a reflexión sobre as novas contradicións que aínda ninguén era capaz de avistar na década dos oitenta. As contradicións dos modelos desarrollistas e industrialistas coa natureza e coas condicións de vida dos seres humanos (e non humanos). Os limites de crecemento. O ecoloxismo, o pacifismo e o feminismo non como adxectivos cualificativos do socialismo senón como elementos nominais do proceso de cambio e polo tanto dos novos suxeitos revolucionarios que apuntará varios anos despois o altermundismo.

En fin un autor, mestre e revolucionario que sinalou desde a súa tradición italianista filosófica (Gramsci) e política (Togliatti) cal debería ser a política do século XXI inzada polas novas contradicións dun modelo de desenvolvemento capitalista onde a supervivencia do planeta pasa por un cambio de modelo sustentable e pacifico, cun cambio necesario de modelo enerxético e produtivo, rachando coa dinámica baseada na dependencia de enerxías de materias fósiles e a industria armamentística; onde os de abaixo xa non son soamente produtores senón fundamentalmente consumidores, e onde os oligopolios acaban coa propia liberdade económica que se converte nunha falacia.

Información adicional