Nós, os arraianos

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

20060915145557-compromiso1

Xoán Hermida

Deixamos a política hai anos, non porque non nos interesara senón porque a política convertérase nun espectáculo indecente, cargado de demagoxia cando se estaba na oposición e de mera xestión aséptica cando se estaba no goberno.

A economía política pasara a ser unicamente economía ( “gato branco, gato negro; o importante é que cace ratos” ) e despois converteuse en política económica ao servizo dos oligopolios, coñecidos popularmente como ‘mercados’.

Decidimos refuxiarnos durante un exilio interior nos movementos sociais porque eran os únicos sitios onde se podía transformar o mundo propio como forma de preparación do que tiña que ser de novo a transformación colectiva.

Non estabamos cómodos en ningún sitio. Eramos nacionalistas para os españolistas e españolistas para os nacionalistas. Radicais para os reformistas e reformistas para os radicais. Liberais para os totalitarios e estatalizadores para os liberais. Neocomunistas mal vistos pola terceira vía e socialdemócratas para os marxistas[guion]leninistas.

Namentres os proxectos sociais avanzaban, paseniñamente co noso esforzo, a política partidaria degradábase a pasos acelerados.

Os nosos fillos medraban en galego na ‘intimidade’ namentres que algúns de os dos sumos sacerdotes do ‘nacionalismo auténtico’ desertaban ao castelán.

Construímos relacións afectivo-sexuais sustentadas na harmonía, na cooperación domestica, na libertade,… e ademais reciclabamos e reutilizábamos.

Todas esas cousas, que como todo o mundo sabe, son pequeno burguesas !

Unha vía subterránea de cambio ía avanzando ata que estourou no movemento da indignación. A primeira reacción dos burócratas establecidos e dos intelectuais orgánicos foi a de buscar un explicación conspirativa. A seguinte, patética por infrutuosa, a de intentar darlle a “orientación precisa, a madurez necesaria e por suposto galeguizalos”.

Non entenderan nada !

Nós, os arraianos, decidimos dar un paso adiante e lanzarnos a recuperar o espazo da política. Xa sabiamos que os ataques ían ser contundentes e as dificultades maiúsculas.

Sabiamos que a química da política (as ideas) terían un efecto corrector na indesexable, pero necesaria, física (a dos acordos, da negociación,...) pero como dixera o Che Guevara estabamos dispostos a ‘endurecernos sen perder a tenrura’.

Hai un tempo para denunciar, criticar e analizar que nos volve nuns cínicos nihilistas se nun momento determinado non se pasa a unha fase construtiva e propositiva e se demostra de xeito empírico que é posible construír a política desde novos parámetros e construír a nación desde novos horizontes.

Eramos conscientes, como xa nos advertira o desaparecido compañeiro Manolo Crisanto, que en política os matices son moi difíciles de explicar e que ao igual que nunha guerra estar entre liñas inimigas é a forma máis fácil de que te tiroteen desde os dous bandos.

Aínda así confiamos en nós e sobre todo confiamos no país e nas súas xentes, conscientes de que a política do século XXI ten por forza que ser cooperativa.

Nós, os arraianos, aquí estamos, a campo aberto e esperando que se produzan desercións nos dous bandos, que saian das trincheiras para construír, xunto con nós e moitas e moitos que nunca estiveron no lodo, o presente. E albiscar baixo un precioso ceo raso estrelado de primavera o futuro.