Reconstruír e/ou anovar

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

notas

 

Xoán Hermida

Cando hai uns meses iniciouse o proceso de reconstrución da esquerda galega, froito fundamentalmente da ruptura do que fora ata ese momento o espazo común da esquerda nacionalista pero non só, algúns xa advertiamos que este ía ser un proceso longo e complexo pois non era alleo á crise global que sufría unha esquerda produtivista, corporativista e etnocentrista ben sexa na súa versión comunista ou socialdemócrata.

Un proceso que tiña que ver con problemas metodolóxicos, salientados reiteradamente en diversos foros e debates, pero fundamentalmente epistemolóxicos, e polo tanto imposible de abordar na súa reconstrución sen anovar os paradigmas e os parámetros nos que se asentou a propia esquerda nas ultimas décadas.

Estabamos pois diante dun proceso que requiría presentar unha oferta electoral ás eleccións autonómicas en cernes pero sendo conscientes de que a necesidade da reconstrución e renovación da esquerda galega ía por forza mais aló da data das eleccións.

Os resultados electorais de Alternativa Galega pode ter uns efectos secundarios para a esquerda, mesmo non desexados por inesperados, pois os mesmos axudan a acelerar o proceso de reconstrución da mesma pero poden dificultar a necesaria renovación ao impoñerse as lecturas máis triunfalistas, e polo mesmo as máis conservadoras.

Sen dubida, o resultado electoral de AGE ten que ver cun proceso de reagrupamento plural de forzas, que cada unha pola súa conta sumarían cero, xunto dun forte liderado político e ético, que sen dubida ten animado a moitos novos votantes e a votantes das forzas da esquerda tradicional xa desencantados a participar nos actos multitudinarios da campaña e a saír dun case seguro abstencionismo.

Pero os resultados non arranxan os problemas que a propia esquerda tiña previamente. Non debemos esquecer que algunhas das cuestións fundamentais das novas formas de interpretar a política eran rexeitadas por algúns dos grupos xa existentes que hoxe conforman AGE ou que o proceso de construción de Anova fixo aflorar as propias contradicións, aínda sen resolver, entre as novas demandas e os vellos métodos.

É obvio, que o resultado de AGE, paralelamente ao desgaste do BNG e a imposibilidade de asentarse novas forzas no espazo do nacionalismo, fai que se produza un impulso a este proceso de reconstrución baixo un novo paradigma: ‘a unidade das esquerdas arredor dun proxecto nacional inclusivo’, fronte o paradigma que representou o BNG durante case tres décadas: ‘a unidade nacionalista cun abano esquerda-dereita aberto’.

Ademais o feito de que as eleccións autonómicas galegas coincidiran coas vascas, onde IU concorreu illadamente e fora do marco plural da esquerda nacional que representaba EH-Bildu, pon mais en evidencia a comparativa entre o resultado negativo onde unha forza se presenta soa e sen proxecto nacional e o resultado positivo onde esa mesma forza o fai de xeito colaborativo con forzas nacionais/istas, seguindo o exemplo catalán ou aragonés.

Non podemos albiscar como será a recomposición das forzas políticas galegas nos próximos anos pero do que si podemos estar seguro que, con AGE ou sen AGE, a estrutura de partidos políticos en Galicia contará cunha cuarta forza, e esta estará situada na coordenada da esquerda nacional. O paradigma da unidade do nacionalismo, tal como foi concibido ata o de agora, fracasou, ben sexa na versión crúa da UPG ou na versión amable do Quintanismo.

Non obstante este impulso ao proceso de reconstrución debería facernos ser prudentes á hora de abordar o proceso de renovación. Seria un erro que o éxito electoral de AGE se convertera nun obstáculo no necesario proceso de renovación da esquerda.

AGE ten retos propios coma é a consolidación do seu proxecto político, organizativo e social partindo para isto do recoñecemento da propia pluralidade política interna e da propia pluralidade social externa.

O resultado de Alternativa Galega non podería interpretarse correctamente senón entenderamos que a cidadanía desbordou os efectivos partidarios e corresponde ás forzas que compoñen AGE dar resposta correcta ás demandas dun electorado que vai ser moi esixente.

Pero o fortalecemento de AGE necesita do fortalecemento das partes, fortalecemento no senso renovador das ideas, no desenvolvemento dos seus proxectos políticos e no fortalecemento dos seus elementos organizativos, entendendo isto de xeito cooperativo pois o fortalecemento de cada unha das partes supón o fortalecemento do conxunto e viceversa.

Esquerda Unida terá que abordar, dunha vez por todas, as claves do seu proxecto nacional para que o federalismo pase de ser un recurso literario a ser unha realidade, Anova necesita facer o traballo pendente de desapego cultural da súa orixe, Espazo Ecosocialista e Equo teñen por diante un proceso de madurez orgánico sen os cales calquera das supostas novas ideas que representan careceran de credibilidade. E todos teñen que repensar a esquerda galega do século XXI no plano cooperativo na diversidade política; nas novas pautas culturais de entender a relación da persoas coa produción e destas coa natureza; a redefinición do soberanismo, entendido nun marco global que require de plantexamentos de soberanías compartidas; e fundamentalmente, camiñar na radicalización da democracia como elemento clave da relación coa cidadanía na que reside as políticas de cambio.

Sabéndose parte dun proxecto plural compartido entre eles pero compartido fundamentalmente coa sociedade. Na construción dun movemento político-cívico sustentado nos partidos que o conforman e nas organizacións sociais as que ten que representar, nunha dinámica bidireccional.

E todo isto sen perder de vista a evolución da propia esquerda europea e global necesitada de novos paradigmas, de novas linguaxes, de novos conceptos e de alternativas globais, sustentables e aplicables para a maioría da cidadanía global.

E sen perder, o máis importante, que a política componse dunha serie de tácticas encamiñadas a facer máis feliz a vida da xente, ao servizo dunha estratexia conducida á situar por riba de todo a beleza.

 

Enlaces relacionados:

A beleza segundo Nichi Vendola da sinistra italiana

http://www.youtube.com/watch?v=lmXK1GjHEzc&;feature=related

A beleza segundo Luis E. Aute (en voz de Miguel Bose)

http://www.youtube.com/watch?v=FJ9fjviHh-0&;feature=related

 

Podese ler tamén en Praza Pública http://praza.com/opinion/664/reconstruir-eou-anovar/

Información adicional