Renovación e Utopismo

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

metafisica

 

Xoán Hermida

*intervención preparada para as Xornadas ‘a política pode ser outra cousa’ realizadas por Ames Novo 

A política pode ser outra cousa?  Por suposto que a política pode e debe ser outra cousa. Niso acreditamos moitos e moitas. Dous son os elementos centrais para que a política poida ser outra cousa. A renovación da política e a recuperación do utopismo.

A renovación como clave de gañar o futuro

Gañar o futuro significa recuperar para a política a maioría social de persoas desafectadas e que se cansaron de falsas promesas, primeiro, e de xustificacións calculadas, despois. Estamos a falar de persoas que poderiamos ser calquera de nos e máis, nalgún momento ou mesmo neste momento, nos mesmos.

Necesitamos pois unha esquerda renovadora. Triplemente renovadora. Renovadora nas ideas, nas linguaxes e nas practicas. Se tiveramos un proxecto renovador unicamente nas ideas teriamos, no mellor dos casos, un excelente ‘thin tank’. Se tiveramos un proxecto renovador soamente nas linguaxes teriamos o que podería definirse, parafraseando ao amigo Manuel M. Barreiro, ‘novísima vella esquerda’. Soamente un nova praxe ancorada na radicalidade democrática permitirá construír un proxecto renovador.

A unidade como clave da renovación

Non é posible renovar nada sen unidade. Necesitamos saber que temos diante de nos un inimigo moi poderoso que require de unir forzas desde a diversidade, desde as diversas visións culturais. Se nos miramos aos ollos os que estamos aquí e moitos mais dos que non están aquí que conforman a maioria social e nos preguntaramos polas nosas preocupacións vitais, polas nosas necesidades individuais, polas nosas urxencias colectivas, seguramente acabariamos todos e todas falando desde as mesmas coordenadas culturais e proxectando o mesmo programa político: o da defensa do bencomún e a xustiza social, o da conservación do noso planeta e a súa biodiversidade, o da necesidade de ampliar as nosas liberdades individuais e colectivas. Reforma ou revolución, soberanismo ou federalismo, nacionalismo ou altermundismo, socialdemocracia, comunismo, ecosocialismo, ... non deixan de ser etiquetaxes perigosos en mans dos gardiáns das esencias, dos dogmáticos ideolóxicos/teolóxicos ou escusas para aqueles que necesitan, por intereses inconfesables, poñer por riba a diferenza da cooperación.

Non é posible construír ningún espazo renovador desde o illamento, desde a esencia. Necesitamos contaminarnos como reactivo para construír un proxecto físico forte e químico creativo.

Reivindicar o utopismo

Necesitamos recuperar o utopismo. Pero para iso debemos partir do recoñecemento da realidade. Non estou a falar de resignación. Tratase de saber que tempo nos tocou vivir.

Recoñezamos que tivemos mala sorte. Que nos tocou vivir unha situación para nada ideal: 

-      Tocounos vivir nun mundo onde se desmoronaron os grandes ideais emancipadores despois do fracaso da primeira alternativa postcapitalista global e de que a socialdemocracia pasara de perseguir unha alternativa socialista democrática a amortiguar os efectos mais perversos dun sistema que fixo propio;

-       tocounos vivir a degradación das elites políticas, da direccións dos partidos desaparecían, pouco a pouco, os filósofos e pensadores e aparecían os burócratas do marketing e da xestión;

-       tocounos vivir un proceso de deconstrución política de Europa e de construción dun mercado oligopólico neocolonial e etnocéntrico;

-       tocounos ver como o ditador morría na cama e herdabamos unha democracia de baixa intensidade e a peor dereita das posibles;

-       tocounos ver como o espazo da alternativa o hexemonizaba un partido no mellor dos casos progresista pero que de ningunha maneira podería considerarse de esquerdas;

-       tocounos ver como o proxecto político autonómico era ocupado pola dereita rexionalista e populista namentres que a esquerda renunciaba a construír un proxecto nacional amplo e se puña a construír un proxecto nacionalista ideolóxico excluinte e reducido.

Non hai que darlle máis voltas, é a época que nos tocou vivir. 

Pero xunto todo iso tamén nos tocou vivir unha época de transición que necesita de grandes ideais políticos e de reivindicar o utopismo como motor de cambio social.

Non debemos esquecer que os anteriores sistemas sociais tardaron centos de anos en ser superados. Que aínda agora a raíz do relativismo de Albert Einstein e da física cuántica comezase a cuestionar o paradigma da ciencia moderna occidental construída nos últimos 500 anos.

Seguramente sexa difícil imaxinar un mundo sen capitalismo pero como tan brillantemente sinala Boaventura de Sousa Santos máis difícil é imaxinar un capitalismo sen fin.

Así pois, renovación e utopismo como motores do cambio aquí en Ames, en Galicia e no mundo. Sen esquecer nunca que a boa política a conforman tácticas encamiñadas a buscar a felicidade das persoas e estratexias elaboradas para a busqueda da beleza.

 

Podese ler tamén en Praza Pública http://praza.com/opinion/845/renovacion-e-utopismo/ 

Información adicional