Lana de Islandia

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Lana sistema

http://pontevedraviva.com/opinion/614/lana-islandia-xoan-hermida-opinion/

O sábado tocaba mobilizarse contra o maltrato animal en Pontevedra. Indo cara a manifestación golpeounos a nova da morte de Lana Rocha. Morte coma ningunha inxusta e prematura.

Fáiseme moi difícil pensar nunha mobilización social dos últimos anos na cidade onde non estivera Lana, e aínda que sabiamos do seu fráxil estado de saúde, sempre animaba pensar que así seria unha vez máis para transmitirnos o seu optimismo e as súas gañas por cambialo todo.

Coñecín a Lana cando estaba en Amarante preocupada polo comercio xusto e pola inxusta desigualdade Norte e Sur. Non hai unha causa xusta na que non se implicara: Amarante, Agareso, BenComún, … pero sen dubida non é posible imaxinar a posta en marcha do 15M de Pontevedra sen o empuxe e o animo de Lana. Algúns coma min nunca houberamos compartido tempo e ideas co 15M sen que Lana houbera actuado de amable anfitrioa.

Moitas veces se ten falado do carácter ‘liquido’ do 15M ou como di Sousa Santos ‘o movemento dos indignados é unha presenza’. Eu sempre defendín que o importante do 15M non era as súas inevitables diferentes letras senón a musica que nos convocaba e o ‘paraugas’ común que non acubillaba en momentos nos que caian (caen) chuzos de punta.

Co tempo o movemento ten ido adquirindo espazos de corporeidade, quizais o máis coñecido e recoñecido sexa a PAH, pero a súa importancia segue estando arredor de si.

Nunca poderemos agradecerlle tanto ao 15M todo o feito por nós, cambiou a idea colectiva que tiñamos de nós mesmos e fíxonos mellores a todas e a todos: algúns incorporándoos ao movemento de cambio pola xustiza global, a outros recordándonos os motivos polos que nos tiñamos incorporado hai anos, e a uns cuantos lembrándolles que a indiferenza non nos fai neutrais senón que nos converte nuns cínicos. Non deberiamos esquecer que antes da corrupción económica ou política existe unha moito máis grave: a corrupción moral, iso que o doutor Da Barca, personaxe da novela de ‘O lapis do Carpinteiro’ de Manuel Rivas, diagnosticaba como a ‘suspensión da conciencia’.

Lana era a imaxe fiel do movemento e tiña os tres valores máis importantes da decencia ética e da rebeldía cívica: alegría para encarar a existencia, xenerosidade para entender o que nos une, e laboriosidade para abordar os grandes retos.

Por iso, cando empecei os traballos previos da tese doutoral sobre ‘Altermundismo e movementos sociais en Galicia’ non dubidei en incorporar a Lana ao grupo de persoas entrevistadas para enmarcar a liña de fondo da mesma, xunto con Boaventura de Sousa Santos, Xosé Manuel Beiras, María Xosé Agra, Xosé Cuns, Lidia Senra, Manuel Dios, Xosé Veiras, Manoel Santos, ... entre a súa perplexidade e estrañeza. Agora que a tese camiña cara ao final teño claro que estará presente na súa defensa e na súa publicación.

Lamento non ter falado máis con ela, sempre confortaba o espírito e animaba as gañas de continuar esta desigual batalla contra o sistema.

Algún tempo gustoulle que lle chamaran Lana de Islandia. Un tempo en que todos e todas queriamos ser islandeses. Tempo de utopías e de soños. Tempo tamén de realidades.

Hoxe pola contra asistimos a tempos duros e de zozobra. Canta falta nos faría a súa alegría. Botarémoste de menos.

Información adicional