Pedir desculpas e cambiar de partituras

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

encrucillada

Xoán Hermida

Non vou entrar nos acordos existentes entre EU, Anova e Equo para asinar a coalición electoral que propiciou o nacemento de AGE, por outro lado lexítimos todos.

Como ben sabe calquera seguidor da crónica política os ecosocialistas chegamos tarde a AGE. Fixémolo despois dunha travesía que nos teriamos evitado de vir a maioría das entrañas do BNG e de coñecer, coma coñecemos hoxe, o dano que a 'cultura nacionalista-esencialista' fixo e fai á esquerda deste país. É verdade que estabamos advertidos pero pecamos algo de inxenuidade e moito de soberbia ao pensar que íamos ser capaces de endereitar un rumbo deseñado de antemán.

Non se trata agora aquí de recorrer a iso tan noso do ‘xa o diciamos nós’, cousa que non faremos, nin creo que corresponde que o fagan outros que miran a ‘palla no ollo alleo e non a trabe no propio’. En todo caso, Espazo Ecosocialista é corresponsable, na parte alícuota que nos corresponde, das luces e das sombras da experimentación na procura de novas vías, unha vez que o único que había na esquerda nacionalista e nos progresistas autonomistas era unha vía morta.

 Sumámonos a AGE pola urxencia de unir a esquerda e derrotar a dereita. Pola necesidade de sinalar o terreo de xogo onde entendiamos que se tiña que xogar este partido: no da esquerda nacional, no da ruptura democrática, no do soberanismo cívico.

Chegamos sabedores das nosas limitacións e das nosas intencións. Namentres os outros partidos configuraban as listas, nós pedimos pechalas.

Á marxe dos acordos que posibilitaron o nacemento de AGE e aínda que somos conscientes de que se fixeron, seguramente non podía ser doutro xeito, pola formula da vella cultura da cota partidaria, entendemos que nese momento onde as urxencias o ocupan todo, esa era a única forma de encetar o camiño.  

É de lealdade (principio básico da cooperación) que se faga todo o posible, como esta a facer EU, para que os acordos se cumpran. Agora ben, AGE debía aproveitar esta 'oportunidade' para ir mais aló das urxencias, construíndose na transparencia e na nova cultura política da cooperación transversal no nacional, radical no democrático e cidadá no participativo.

Non nos equivoquemos, os cen días de graza xa pasaron e o electorado debe ­–e ten que ser– moi esixente xa que do que se trata é de vencer á dereita e non so crecer electoralmente.

Chegou o momento de empezar a pensar nunha nova etapa de AGE, na procura de diferentes metodoloxías participativas e mesmo coa entrada de novos axentes políticos e sociais, tamén de cidadanía a titulo individual, que rache co actual formato bipolar.

Máis dunha vez teño comentado que a presenza do 15M non foi importante na súa letra corpórea, coa que se pode coincidir ou non, senón na súa música, no seu espírito, na beleza da construción dunha nova democracia. Por iso é tan importante que a esquerda cambie de partitura e namentres o facemos entre todas as persoas que queiran participar … pedir desculpas cando se comenten erros e aprendemos colectivamente a ensaiar novas solucións para vellos problemas.