Dereito a decidir todo

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

dereito a decidir todo

 

Xoán Hermida

Nunha recente peza xornalística marabillosa publicada en La Vanguardia, Anxo Lugilde entrevistaba a un dos nosos escasos sabios locais, Xoán López Facal , e este afirmaba “Catalunya é Catalunya e Galicia é Galicia. Nos envexamos a Catalunya politicamente e pola forza da súa sociedade civil. Aquí temos un ambiente cutre".

É verdade que sabendo moi ben coma di Facal Galicia é Galicia e polo tanto non serven (non serviron nunca) mimetismos, hoxe a esquerda galega mira con ollos de envexa e esperanza a Catalunya. Pero non sempre foi así, senón máis ben todo o contrario.

Se exceptuamos a corrente cultural 'italianista' do nacionalismo de esquerda democrático que representou no seu momento Esquerda Galega, a practica totalidade do nacionalismo galego sempre foi máis admirador do modelo vasco que o catalán.

Nun artigo meu publicado hai vinte anos (O Correo Galego, 25 de xullo de 1994) titulado ‘Entre o modelo vasco e o modelo catalán’ comentaba como o BNPG-PSG, posteriormente o BNG, apostaran por mirarse no espello da esquerda vasca namentres que o fraguismo tiña no pujolismo un das súas iconas a imitar.

Lamentablemente a esquerda galega na súa maioría prefería mirarse nun escenario de maior conflito e tamén máis ‘heroico’ namentres que desprezaba a experiencia cívica catalá de acumulación de forzas.

A esquerda galega preferiu un modelo como o vasco asentado en espazos confrontados e practicamente impermeable en lugar de un modelo como o catalá asentado na trasversalidade identitaria aberta e inclusiva. Cando o sentimento identitario unívoco é tan baixo como o é o galego en Galicia, é un suicidio buscar referentes en modelos que requiren un grao de resistencia identitaria e sacrificio persoal moi elevado.

O resultado esta á vista: unha perda constante de cidadanía que se referencia única ou prioritariamente como galega, perda constante de galego falantes e porcentaxes de independentismo nas sondaxes a niveis de Andalucía.

A política catalá, pola contra, asenta as súas raíces en dúas correntes culturais catalanistas moi potentes desde a república: a liberal burguesa que representou, e volve a representar tralo fin do pujolismo, ERC; e a socialista obreira que representou o PSUC, e tras o fin da formula PSC, volve a representar ICV.

Correntes asentadas, confrontadas no social pero unidas nun catalanismo cívico, que foron quen de construír unha identidade catalá común coas raíces ancoradas na hexemonía social e nunha ampla maioría electoral.

A ‘crise’ catalá ten moito que ver coa decepción da reforma do Estatut, nas trabas iniciais, nas dificultades de negociación bilateral para desenvolvelo e na sentencia amputadora do constitucional.

Hoxe existe unha cidadanía propietaria do proceso, disposta a non ceder o protagonismo a ningún partido en concreto e consciente de que unha vez postos a decidir debe facelo sobre todo.

Ese é o grande exemplo para Galicia e as súas forzas políticas en xeral e para a esquerda galega en particular: o exemplo do soberanismo cívico. De constituírnos nun colectivo nacional de cidadáns e cidadás disposto a batallar pola radicalidade democrática como un elemento sumo de decisión colectiva sobre os asuntos políticos.

Non se trata dun nacionalismo esencialista senón dun republicanismo democrático de carácter nacional, capaz de construír trasversalidades sobre un soberanismo político onde se sintan igualmente cómodos aquelas persoas que lle dan un solución federalista ou independentista á cuestión.

A falla catalá non é so unha cuestión nacional senón que é a placa tectónica sobre a que se reflicten a reubicación estrutural dun armazón político-institucional esgotado. Tratase dunha reestruturación democrática e nacional de nivel constituínte onde se están a xogar os piares territoriais da propia democracia e se de novo coma no ‘aldraxe’ se reconstrúen as regras de xogo con Catalunya e Euskadi, mesmo con Andalucía, deixando fora a Galicia.

Feijoo disposto a seguir a xogar coas cartas marcadas

E namentres todo isto ocorre o goberno da Xunta de Galicia esta a facer trilerismo político e a oposición a preocuparse do cuantitativo e non do importante: a proposta de recorte de escanos no parlamento galego proposto polo Partido Popular entra dentro da estratexia de recorte da democracia e do autogoberno que a dereita sigue desde que chegou ao poder entendendo que o descontento dos recortes sociais so poden ser controlados cun recorte de liberdades públicas.

A dereita ten gobernado nos últimos anos grazas a cometer fraudes electorais evidentes ao calor dos múltiples datos de financiación irregular das campañas electorais do PP, pero lonxe de asumir unha nova perspectiva e un novo dialogo coa cidadanía, o goberno presidido por Feijoo aproveita a súa maioría absoluta para recortar o autogoberno e democracia.

A crise é unha escusa perfecta para que a dereita neoliberal aborde un proceso recentralizador e límite aínda máis os baixos niveis de autogoberno. O Partido Popular pretender recortar a democracia e reducir aínda máis o papel do parlamento galego e a voz do pobo galego representado nel.

Esta máis que explicado por diferentes estudios, e recoñecido polo propio goberno autonómico, que o aforro orzamentario é mínimo. Ademais existen medidas para recortar o gasto sen recortar a democracia: Redución dos salarios dos e das deputadas 30%. Equiparar os salarios dos deputados e deputadas co grupo de funcionarias/os de maior, Reducir as axudas ao grupos nun 25%, Redución de persoas asesoras e pluses nun 30%, redución dos pertos de 200 asesores gobernamentais, supresión de organismos innecesarios e de elección indirecta como as deputacións, …

Por outra banda o cambio das regras de xogo de xeito unilateral ademais de perversa democraticamente ten un percorrido ventaxista miserable.

É o momento da Radicalidade Democrática, decidir todo e poñer en cuestión o máximo posible. A oposición debe levar unha proposta unitaria pero que aborde a fondo os elementos centrais da nosa lexislación electoral e das regras de xogo da actual democracia para facer efectivo un modelo onde a relación voto-persoa sexa proporcionalmente exacta e onde a voz da cidadanía traspase de verdade os muros do Pazo do Hórreo e de San Caetano.

Espazo Ecosocialista para o debate na súa II Asemblea Nacional adica unha boa parte do mesmo ao tema da radicalidade democrática desde o ámbito electoral xeral ata a proposta para os concellos. Unha proposta que xa no seu día foi esbozada por Espazo Ecosocialista e que avanza en modelos de democracia participativa e deliberativa e que bebe das propostas do 15M e da Iniciativa Ben Común. (ver en http://www.espazoecosocialista.org/images/Ampliar_a_democracia._proposta_de_ESPAZO.pdf)

Non é o momento dun debate numérico que a maioría da poboación non lle importa, a esquerda ten que aproveitar a oportunidade para situar na axenda a necesidade de mellorar e afondar na democracia, na súa representación proporcional real, na paridade de xenero, na limitación de mandatos, nas listas desbloqueadas, na ampliación das ILP´s, nas políticas de consulta e referendos,… na radicalidade democrática.

Porque ampliar a democracia é a cuestión central que demanda a cidadanía e non debates palaciegos.

Información adicional