Canto de ampla debe ser a fronte ampla ?

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

El-camarote-de-los-Hermanos-Marx

Xoán Hermida

Canto de ampla debe ser a fronte ampla ?. Esta debería ser a cuestión a resolver para non errar nos límites e obxectivos que debe ter un instrumento antisistémico (no senso anticapitalista, non noutros) para un episodio constituínte (nas dimensións nacional, estatal e mais europea) no que estamos.

Imos deixar nunha banda as terminoloxías para non acabar nun debate hermenéutico metapolítico que non nos conduza a ningures. Unidade da esquerda, unidade nacionalista, unidade popular, unidade nacional, unidade democrática...

Por preferir, prefiro unha mestura das dúas últimas, unidade nacional e democrática, porque enlazan de xeito máis claro o substrato no que se resolven as contradicións e o nó gordiano das mesmas, pero en todo caso si que poderemos poñernos de acordo nos suxeitos políticos e sociais concernidos.

Os suxeitos políticos deberían ser os situados na esquerda do eixo social (esquerda-dereita), e dicir todas aquelas forzas políticas que non son as elites do réxime (PP-PSOE-CiU) ou partidos neopopulistas (UPyD, Vox…). Deberían vertebrarse en combinacións xeográficas complementarias desde o eixo nacional (independentismo-estatalismo) que teñan a votande de recoñecela como suxeito político soberano e a obriga de vertebrar politicamente, no noso caso, Galicia. Construír un espazo propositivo no eixo democrático (arriba-abaixo) onde teña participación a cidadanía agredida (o “99% de abaixo fronte ao 1% de arriba”, tomemos isto como consigna, pois a realidade non é tan desequilibrada).

Chegados aquí, é lóxico preguntarse se teñen cabida nesta fronte ampla socialdemócratas de esquerda, comunistas nas súas respectivas tendencias, ecosocialistas e verdes, libertarios e autoxestionarios, altermundistas… que teñen modelos socioeconómicos e políticos diferentes, cando non enfrontados. Por que non han ter cabida na mesma fronte ampla independentistas (nacionalistas) e federalistas (estatalistas) cando a única diferenza está na solución concreta para un momento concreto a unha cuestión que ten a súa solución democrática no dereito colectivo a decidir?

Alternativa Galega de Esquerda superou esa división na transversalidade nacional. Fíxoo na máis importante das convocatorias (na galega) e, o máis decisivo, foi avaliada electoralmente por milleiros de votantes.

Volver a debates propios dos anos setenta e oitenta do século pasado non axuda a avanzar, e o único que amosa son intereses dunha casta de políticos que fracasaron liderando a esquerda na transición e que están dispostos a facernos fracasar unha vez máis.

En todo caso deberían lembrar que a historia acontece primeiro como traxedia e despois como farsa.

 

[Que non falte o humor]: Así as cousas estas son as posibilidades: non presentarse; presentarse nunha fronte ampla político-social; concorrer só cos 'federais' (deixando de lado os confederais e os da esquerda nacional); concorrer só cos verdes; concorrer só cos comunistas; concorrer só cos socialdemócratas; concorrer só cos nacionalistas; concorrer só con verdes e nacionalistas, pero non con comunistas; concorrer con comunistas e federalistas, pero non con verdes; concorrer con verdes e comunistas e non con nacionalistas... no caso de que os comunistas foran da Terceira Internacional e non da Cuarta, reiniciaríase o proceso decisorio.

Información adicional