Fútbol é fútbol

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

futbol moderno

 

Xoán Hermida

Hai uns poucos meses morría o xogador e adestrador serbio Vujadin Boškov. Fora seleccionador da desaparecida Iugoslavia e autor da xenial frase "fútbol é fútbol". Seguramente para Boškov, con razón, nada podería compararse en divertimento, creatividade corporal e harmonía grupal ao  fútbol; pero deixémonos de lerias: hai tempo que o fútbol deixou de ser un deporte para converterse nun gran negocio onde o entramado do fútbol profesional actúa con  tintes mafiosos, polo que debera ser investigado por parte da fiscalía anticorrupción.

En que se ten convertido o fútbol pola liberalización de mercados? Estamos diante doutra burbulla económica que se financia con fondos públicos directos ou indirectos, en concepto de axudas ou subvencións das distintas administracións, cesións de instalacións públicas a empresas privadas, programas de recualificacións urbanísticas, ou simplemente non cobrando as débedas que os clubs teñen coa axencia tributaria ou coa seguridade social.

Durante anos os clubs de fútbol teñen estado gastando máis do que ingresaban coa permisividade de bancos e caixas de aforro, que lles adiantaban cartos a conta de futuros ingresos pola cesión de dereitos de imaxe, dos partidos, ou publicidade, dos seus xogadores.

O fútbol español está ao borde da quebra. Os clubs acumulan unha débeda de 3.600 millóns de euros, 700 deles coa Axencia Tributaria. Diante diso non se concibe que aos clubs coma  empresas privadas non se lles esixa as mesmas obrigas e se lle impoñan as mesmas sancións que a calquera outra empresa ou particular cando incumpre coas súas obrigas coa administración tributaria ou coa seguridade social?

Segundo o economista Gay de Liébana "a quebra do fútbol español ven sobre todo pola desproporción no gasto de persoal: contratación de futbolistas e as súas fichas e a proliferación dunha nova clase de executivos nos clubs con retribucións enormes [millonarias]". Nos tempos de crise, recortes e sufrimento da poboación coma estamos a vivir, as administracións non poden seguir a financiar estas empresas privadas.

O fútbol profesional deixou hai tempo de ser un deporte para ser un grande negocio sen control. As 42 empresas que forman á Liga de Fútbol Profesional representa o 1,7% del Produto Interior Bruto. Cuns orzamentos, salvados polas axudas públicas camufladas, de 2.117 millóns de euros de ingresos e 1.947 millóns de euros de gastos. O fútbol profesional crea 85.000 empregos directos e indirectos e aporta 9.000 millóns de euros á economía. A RFEF conta cun orzamento de 90 millóns de euros, dos que  3,5 millóns chegan procedentes do Consejo Superior de Deportes.

Estes datos xa de por si serian suficientes para non podermos arriscarnos a outro, máis que posible, rebentón dunha nova burbulla económica que teriamos que rescatar (xa o estamos facendo de facto) con fondos públicos. Pero ademais, está o escurantismo -políticas de fichaxes- e os negocios paralelos -incluídos o sector inmobiliario-  que converten ao mundo do fútbol profesional nun entramado non moi diferente no seu funcionamento ás mafias do narcotráfico ou as redes de prostitución con mulleres inmigrantes.

Ademais, o mundo do fútbol profesional propicia valores entre a cidadanía afastados aos que o deporte di inculcar:

  • Violencia e extremismo. Ademais da propia violencia que soe ser habitual nos campos e que en casos concretos, como o de hai uns días no choque entre Deportivo e Atlético de Madrid, ten chegado a provocar enfrontamentos e mortes; non debemos esquecer que é nos campos de fútbol onde se organizan grupos extremistas, a maioría das veces financiados e apoiados polos propios clubs, que despois son caldo de cultivo de grupos fascistas e neonazis.
  • Odio ao diferente e racismo. É habitual escoitar nos campos expresións racistas a propósito de xogadores estranxeiros do equipo contrario.
  • Machismo. A muller esta relegada da practica deportiva pero tamén dos consellos de administracións dos clubs. Ademais son un reclamo publicitario sexista en determinados medios.
  • Competitividade. A rivalidade que se exhibe na competición futbolística ten moi pouco que ver co lema olímpico "o importante é participar" acrecentando rivalidades localistas aproveitadas de xeito populista por políticos locais.
  • Explotación laboral. As marcas que visten aos futbolistas son empresas deslocalizadas nos países do sur que por medio de practicas de subcontratacións sobreexplotan fundamentalmente a mulleres e nenos que acaban traballando en condicións de semiescravitude. (ver diferentes informes da Campaña Roupa Limpa).
  • Amizades perigosas. Os sponsor do mundo do fútbol están relacionados na maioría dos casos con bebidas alcohólicas ou con intereses de países inversores onde non se respectan os dereitos humanos.

O poder xudicial debería promover unha investigación por parte da fiscalía anticorrupción que arroxe luz sobre un sector que move de xeito pouco claro tantos recursos económicos, nunha boa parte públicos.

O executivo debería actuar desde a administración pública coas débedas que os clubs teñan do mesmo xeito que coas outras empresas e particulares. Os lexisladores deberían reformar a lei do deporte 10/1990 do 15 de outubro e o Real Decreto 1251/1999 do 16 de xullo de SAD de xeito que as SAD non sirvan de entramado societario para intereses e beneficios particulares.

Os técnicos e xogadores deberían actuar con permisividade cero diante dos actos de violencia grupal e parafascismo que se dan nas gradas dos campos de fútbol e paralizando os partidos nos que a presenza de simboloxía fascista sexa visible. (exemplo Guus Hiddink no estadio de Mestalla en 1992).

A cidadanía debería observar aos equipos de fútbol como empresas e non como representantes principais do seu pobo ou cidade, por riba de outra simboloxía cultural, nun proceso de alienación  colectiva (segundo o CIS a cifra de seguidores do fútbol é do 51%, chegando entre os xoves de entre 18 e 24 anos ao 62%).

Aquel que usa o pau dunha bandeira para golpear ao outro en lugar de para reivindicar o seu legado cultural só ten un nome: fascista. E non existe distinción entre fascistas (cando son os outros) e nacionalistas (cando son os nosos).

Información adicional