Apuntamentos de urxencia a propósito da candidatura de cambio para as xerais

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

cadrar circulo

 

Xoán Hermida

A quen corresponda.-

[O problema da cuadratura do círculo, irresoluble en xeometría, consiste en definir - a traveso de regra e compas - un cadrado que posúa un área que sexa igual a do círculo dado]

1. Unidade; para que?

Apuntaba recentemente, con moita razón, o amigo Manuel M. Barreiro que unidade e reagrupamento son propostas diferentes. A primeira apela á construción dunha alternativa democrática desde a diferenza namentres que a segunda configura unha aposta de reunificación do nacionalismo galego.

A reunificación orgánica (ou meramente electoral) do nacionalismo situaríanos na coordenada de Amio, incluída a súa incapacidade para xerar unha alternativa hexemónica á dereita política e ao monopolismo económico. A mesma incapacidade que tivo a esquerda para construír unha alternativa propia, non pasando no mellor dos momentos en ser un apéndice complementario na xestión gobernamental do PSOE.

Nacionalismo e esquerda teñen sido incapaces en case corenta anos, os mesmos que dura o réxime que está en cuestión, de perfilar un programa crible de cambio por e para unha maioría social. É nese senso onde adquire maior relevancia o cambio de paradigma, pasando do identitario (ven sexa ideolóxico ou nacional) ao da pulsión democrática (arriba/abaixo).

Trátase, pois, dun relato que parte do 15M, como conector de desafeccións (partidarias, de réxime, de formas de poder, …) e punto de partida simbólico dunha nova etapa democrática enfrontada co modelo bi-partidario esgotado.

Nese fío condutor que conecta o 15M coas mareas, pasando por AGE e Podemos, o problema do BNG non é que sexan, ou non, azote das mareas municipalistas senón que deseña un relato no que están ausentes eses episodios centrais do novo marco político.

Sen ningunha dúbida moitos dos militantes do BNG teñen cabida no proceso de cambio (mesmo a maioría). Por suposto que moitas persoas actúan en concellos pequenos desde ese espazo fronte ao poder (outros moitos o fan tamén desde o PSOE). Esa non é a cuestión. O cerne do asunto deriva do que representa na actualidade o BNG como proxecto político para saber si o que pode sumar a curto prazo compensa os efectos colaterais a medio prazo. Para unha boa parte da sociedade, que apoiou as novas propostas políticas, as súas practicas representan o pasado; a súa proposta programática actuaría como elemento distorsionador ata o punto de afastalo do ideario do cambio; e tería a capacidade, e a vontade, de intervir como axente colonizador do proceso mesmo.

2. Alianza transfronteiriza

Non deberíamos confundir o proceso de construción dun bloque político-social de cambio (en constante movemento) coa aposta electoral dunha convocatoria concreta.

A solución que se deberá buscar para cada elección debería ter en conta dúas cuestións centrais: que o formato que se busque non entorpeza a continuación do proceso nunha fase máis avanzada con posterioridade, e que exista un espazo participado e integrador que serva de terreo de xogo de todos aqueles que queiran incorporarse.

Unha vez descartado o partido instrumental, por tempos, deberíamos formular a posibilidade dunha coalición electoral ‘instrumental’. Obviamente esa coalición electoral ‘instrumental’ será diferente na súa composición, e na súa percepción social, si esta conformada unicamente por partidos que si esta composta por partidos, mareas municipalistas e colectivos (non debemos esquecer que a maioría das mareas rexistráronse como partidos ‘instrumentais’ e, polo tanto, poden formar parte dunha coalición electoral).

Por outra banda, a elección de candidatos/as e a elaboración programática debe asentarse sobre un formato participativo, o suficientemente flexible para que se adapte aos tempos e as culturas diferentes que concorren, pero que sexa, a súa vez, motivador para unha cidadanía que non esta disposta a ser suxeito pasivo do cambio. Isto, ademais, evitaría que ao final as partes colonizaran ao proxecto común e os seus representantes so atenderán o requirimento do proxecto en si e non de ningunha das súas partes configurativas

3. Os galegos na alternativa do cambio

Estamos diante dunhas eleccións xerais nas que se xoga como se vai reconfigurar as regras de xogo dun modelo que ten como características o esgotamento do mesmo, pero tamén, un proceso de deconstrución permanente ao que ten sido sometido nos últimos tempos.

Xa non se trata so quen ocupa a presidencia do goberno, no caso de que fora factible, senón con que correlación de forzas nos enfrontamos á nova etapa política.

A suma de todas as forzas rupturistas posibles nun proxecto gobernamental de cambio, ben sexa para dirixilo ou ben para condiciónalo, é central; polo que a suma de vontades é central pero a de votos tamén.

4. O pobo galego como suxeito político

O pobo galego, a cidadanía galega, afectado polos recortes sociais e democráticos teñen unha configuración propia necesaria á hora de afrontar o reto constituínte.

Pero esa configuración como suxeito político non ven determinado pola existencia, ou non, dun posible, pero improbable, grupo parlamente galego; senón pola vontade política dos que compoñen a candidatura e dos resortes de control da mesma.

Os deputados e as deputadas galegas do cambio deben dar conta diante da cidadanía que os votou, no marco xeral dun programa de cambio cando este sexa a cuestión a debater; e priorizando nos intereses propios, cando estea en xogo intereses en conflito.

Con guión ou sen guión, trátase diso en non doutras cousas.

Somos quen!

Información adicional