A MAREA, a física e a química

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

811833250 150657

A finais dos noventa decidín deixar a militancia política e ‘refuxiarme’ nos movementos sociais. Eran tempos de confusión nas ideas e de cainismo na práctica política da esquerda.

No 2009, a crise global e local e o éxito das primeiras experiencias abertas polo altermundismo, abriu unha vía de oportunidade que algúns decidimos explorar.

Despois veu o 15M [de 2011] que confirmou que esa vía de oportunidade era real, tanxible para moita xente, que o modelo político amosaba claros signos de esgotamento e que se iniciaba, de xeito simbólico, a apertura dun novo tempo sen dúbida constituinte.

0 15M propúxonos un empoderamento masivo, unha repolitización da vida. Nunca poderemos agradecerlle ao 15M todo o feito por nós, cambiou a idea colectiva que tiñamos de nós mesmos e fíxonos mellores a todas e a todos: a moitos incorporándoos ao movemento de cambio pola xustiza global, a outros recordándonos os motivos polos que nos tiñamos incorporado hai anos, e a uns cuantos lembrándolles que a indiferenza non nos fai neutrais senón que nos converte nuns cínicos.

Participamos en diferentes experiencias, necesarias para mudar a situación de esclerose política do pais, pero pronto comprobamos que os éxitos electorais convértense de inmediato en fracasos políticos senón van acompañados da participación das persoas en pé de igualdade.

Así, o 24M [de 2015] unímonos en Mareas Municipalistas, demostramos como se tiña que construír a unidade popular e confirmamos de que era posible gañar, de que non todo esta escrito, de que os poderosos non son tan poderosos como pensabamos, e de que os “escuros” tamén se poden equivocar.

Fixemos un longo camiño entre todas, do que eu estou moi orgulloso e no que partillei alegrías con compañeiros que agora son e serán para sempre grandes amigos. Primeiro na miña Marea Pontevedra, a xente máis honesta politicamente que teño coñecido, despois, desde hai sete meses, con outros activistas mareantes nas Mareas en Común.

A política, como o amor, ten moito de física e química.             

A química das ideas, das metodoloxías, das complicidades e dos coidados. En sete meses fomos quen de iniciar a nosa propia transición: transformar a triste vella En Marea, coalición de partes; na nova Marea Galega, cooperativa e de xente ilusionada.

Pero a química necesita de física para que coma di o poeta “os berros no ceo, na terra sexan actos”.

Aceptei o convite de compañeiras e compañeiros mareantes para encabezar a lista de MAREAS ABERTAS [En Común] para a candidatura ao parlamento galego pola provincia de Pontevedra nas primarias da MAREA.

Fíxeno por tres motivos fundamentais:

  1. Para culminar o proceso de renovación e democratización da MAREA. So as xentes que acreditamos desde un primeiro momento nun proxecto cidadá, común e nacional somos os seguros garantes de que ese proceso se asegure.
  2. Xa que tratábase de artellar unha candidatura partillada por activistas de máis de 12 mareas da provincia de Pontevedra, diversas pero coa firme decisión de que o camiño iniciado nas municipais de hai un ano debe ter reflexo nas autonómicas de setembro.
  3. Porque concibo a política como algo serio e as nosas institucións de autogoberno, aínda que a superar, como un espazo a dignificar. Hai tempo e durante dous anos puiden coordinar un grupo parlamentar, que 15 anos despois, segue lembrandose como un grupo traballador e propositivo.

Gustaríame contar co teu apoio para min e tamén para toda a lista de MAREAS ABERTAS. Somos firmes defensores das primarias e da participación. Así que desexariamos que participases nesta primarias da MAREA porque gañe que gañe, xa gañamos TODAS.

Temos o rumbo trazado, unha grande marea das galegas e o mellor dos presidenciables imaxinables con Luís Villares.

A política ten como obxectivo último a procura da beleza, da ética. Nesa procura temos que buscar estratexias que sitúen a felicidade da xente no centro e as complicidades que permitan avanzar cooperativamente e en común.

Navegamos en mar ABERTO, o noso único compromiso é a xente da nosa nación e toda a humanidade, a nosa única lealdade é coas nosas mareas e coa gran MAREA GALEGA que estamos a construír.

Grazas e sorte!

Información adicional