Retomar a senda das primaveras árabes

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Libia 2

 

Xoán Hermida

A finais de 2010 unha combinación de múltiples elementos (erosión dos réximes postcoloniais nacidos en plena guerra fría, desequilibrios xeoestratéxicos provocados polas intervencións neocoloniais, incremento das desigualdades sociais á calor da crise económica, hartazgo de amplas capas sociais cara as súas elites corruptas, irrupción dunha nova xeración homologada globalmente nas redes sociais, …) deron lugar ao que se deu en chamar ‘primaveras árabes’.

Tratábase inicialmente de movementos democráticos e pacíficos dunha ampla alianza desde sectores progresistas laicos ata sectores musulmáns moderados (homologables ao que na Europa dos 60 fora a Democracia Cristián).

O movemento que empezou en Tunicia foise estendendo a outros países árabes do norte de África e da península Arábiga collendo co pé cambiado aos propios réximes e os seus aliados occidentais.

As revolucións Tunesina e Exipcia abríanse paso diante dunha rápida descomposición duns réximes esgotados e que xa non contaban co paraugas que ofrecía en tempo os equilibrios de forzas da guerra fría.

O cambio de tempo produciuse en Libia. A represión do réxime e os intereses económicos e comerciais consolidaron unha situación bélica entre os insurxentes, co apoio dos antigos aliados de Gadafi, e o exercito libio.

O linchamento de Gadafi, retransmitido en directo, determinou o aumento da represión por parte dos réximes de Siria, Bahrein, Marrocos, Iemen … ata o punto que a resistencia do réxime de Al-Asad e a represión aos sectores democráticos desembocou nunha guerra que xa dura 5 anos e onde as forzas das antigas metrópoles foron tomando posicionamentos a favor ou en contra de Al-Asad sen ter en conta os intereses dos cidadáns e armando irresponsablemente a sectores extremistas dos dous bandos.

Non vai ser posible reconstruír a paz na zona sen unha saída democrática que permita quitar base popular aos sectores fascistas de carácter teocrático, por unha banda, e, por outra, que facilite a caída dos actuais tiranos que exercen o poder en Marrocos, Arabia Saudita, Bahreim, Iemen, Emiratos Árabes, … ou das novas autoridades golpistas exipcias.

En todo ese quebracabezas sigue sendo central o estado de Israel, elemento central do bloqueo político da zona desde hai medio século e réxime interesado en que Al Qaeda, no seu día, ou ISIS, na actualidade, teñan a forza limitada, pero suficiente, para ser usada como escusa na súa posición internacional.

A saída vai vir determinada por múltiples factores económicos, sociais e políticos. De todas elas seguramente tres sexan as máis importantes: a capacidade das sociedades árabes e o seu tecido social para construír as súas propias alternativas. O papel de países cunha posición moderada e cunha influencia na zona como Turquía ou Iran. E o papel da cidadanía global que presione aos gobernos para unha saída pacifica e democrática na zona, sen deixarse levar a unha falsa elección entre distintos imperialismos no seu novo reparto neocolonial e estando ao lado dos movementos pro-democraticos, e que combata o racismo e a islamofobia crecente baseada na estratexia do medo ao distinto.

________________________________________________________________________

Artigo publicado en Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/26691-retomar-senda-primaveras-arabes

Información adicional