Sen equidistancias apoiar Catalunya en Comu

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Logo-CatComu

Xoán Hermida

Por vez primeira unha forza política non vai apoiar explicitamente a outras forzas coas que concorreu en alianza aos procesos electorais anteriores e coas que comparte grupo parlamentar.

Poderiamos argumentar que é un tema colateral no que mellor quedar á marxe. Pero temos dito en múltiples ocasións, e con argumentación sobrada, que a contenda catalá non ía de nacionalismo (do que por certo ninguén se reclama en Catalunya nin no bando unionista nin no independentista) senón que era parte do problema democrático español. E polo tanto que debía ser tamén parte da solución, tal como formulan as forzas do cambio.

Ademais ista decisión argumentase baixo unha falacia: «dada a concorrencia electoral en Catalunya dunha diversidade de espazos políticos que en Galicia traballan conxuntamente en clave de unidade popular, a nosa referencialidade nestes comicios debe verse conducida por principios.»

Non é verdade que en Galicia as forzas que compiten en Catalunya non teñan espazos análogos. Os teñen e compiten con EnMarea. O espazo que representa ERC o representa o BNG. O espazo que representan as CUP o representaban ata hai dous días Nos-UP e deixou de existir por inanición froito da incompatibilidade coa realidade do país.

 Un proxecto político non é un proxecto ideolóxico (como nos teñen acostumados a explicar certos teólogos no noso país) senón un proxecto programático, estratéxico e fundamentalmente de alianzas. Ao renunciar as dúas últimas características, en aras de un suposto consenso, EnMarea corre o risco de liquidarse como proxecto, deixando a porta aberta a que sobre as súas contradicións se reinstale a dicotomía política nacionalismo versus españolismo previa a AGE, retrocedéndose na construción de un proxecto que sendo nacional esta inserido no movemento do cambio democrático que hoxe representan noutras xeografias Catalunya en Comu, Compromis e Podemos.

Obviamente existen múltiples responsables desta situación e cada quen co seu grado. Cada un temos a nosa parte alícuota, estou disposto a asumir a miña,  pero desde logo os maiores responsables son os que coincidindo no proxecto nacional e modernizador que representaba Luís Villares preferiron aliarse con outros en aras de recuperar o poder perdido e mesmo onte ausentándose da votación nos órganos de EnMarea facilitando a resolución de ‘neutralidade’ catalá.

EnMarea so existirá cun programa en clave de maiorias sociais (o ten); unha estratexia de cambio (das que as veces carece) e con aliados claros (aos que ven de renunciar).

A equidistancia non é ter proxecto que sexa equilibrado nun momento de irresponsabilidades senón de renunciar a actuar en política para asegurar unha unidade estéril. Agora que tantas veces se fala da transición anterior, EnMarea ten que optar entre querer xogar o papel activo que tivo Esquerda Galega ou o PCG na construción da democracia e do autogoberno, ou querer repetir a irrelevancia do BNPG que aínda hoxe están no centro da incapacidade de identificación dos problemas reais e da irrelevancia política de Galicia nos debates do estado.