Partido, nin instrumental

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Xoán Hermida

Agora que as partes (os partidos non instrumentais) xa se están a desfacerse de todo rasquizo do 15M que lles podía quedar e non queren saber nada de cidadanismo, a dirección de EnMarea debería tomar a iniciativa política cun proceso de reestruturación (unha especie de 'perestroika') do proxecto. O primeiro paso debería ser, fronte as xuntanzas de mercadeo cupular, incrementar a transparencia que se veu exercendo ata agora (unha especie de 'glasnov') e, cumprimentando o acordo do segundo plenario, crear unha comisión para adaptar os estatutos en base aos principios da radicalidade democrática e con ese traballo facer unha asemblea de redefinición que situara con claridade o proxecto político e cal é a nosa estratexia de cambio (incluída a política de alianzas tras a chegada ao goberno central do PSOE).

Ao final do proceso convocar eleccións ao Consello das Mareas para ter unha dirección con capacidade política e orgánica que poida abordar un tempo difícil onde se vai pretender procurar unha formula neobipartidista de saída á crise de modelo.

Trátase de ser moi atrevidos nese proceso e superar o concepto do partido instrumental (que é un ‘quero e non podo’ feito para satisfacer precisamente aos que nunca creron nin na igualdade entre membros nin no proxecto nacional) e converterse ao que á calor da experiencia das mareas locais a maioría das participantes no espazo veñen demandando desde hai tempo: unha iniciativa cidadá democrática de carácter nacional e adscrición individual, unha cooperativa política que na lexislación vixente adaptase ao formato legal de partido.

Aquí “Partido, nin instrumental’ podería ser un principio necesario para vacinarse contra as oligarquías da vella e, sobre todo, da nova política. Moito menos partidos vellos e/ou avellentados que baixo dinámicas de acordos en despachos de costas ao decidido polas activistas do cambio e ao convenido coas votantes pretenden sacar proveito da política en beneficio propio ou tribal. 

O camiño, que nada máis acaba de comezar,  cara a unha nova formulación de interfaces políticos para o século XXI, que será sen dúbida o século da democracia directa e inclusiva, pasa pola irrenunciable igualdade entre todas baixo o principio de 'unha persoa, un voto' sen a tutelase de grupos que se senten en posesión das esencias ideolóxicas e sen a  condescendencia dos que se cren 'sinalados’ por algún tipo de superioridade moral.