A encrucillada do labirinto [*]

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

escaparate

[*] Crónica e notas da xira de presentación de ‘Galicia no labirinto da nova política’

 

Xoán Hermida

O tempo político quixo que a xira de presentación do libro ‘Galicia no labirinto da nova política’ coincidira nun momento no que o debate do urxente volveu superar o debate do importante; pero un non elixe as circunstancias que rodean o análise social, nin este se dá nun laboratorio illado.

Estamos nun episodio de múltiples cambios: históricos que afectan ao esgotamento dun modelo democrático e a procura doutro, sociolóxicos que inciden nos modelos de representatividade e as transformacións no mesmo, politolóxicos que afectan ao paradigma sobre o que se vertebrou a acción social e institucional nas últimas décadas.

Un episodio que por forza vai ser longo e complexo pero que, en todo caso, non pode eludir o debate concretos dos acontecementos que rodean o día a día.

 Durante mes e medio Ana Luísa Bouza, Elena Cores, Tino Cordal, Angeles Faraldo, Juan Carlos Fernández Naveiro, Manuel Fontán, Manolo Lago, Evaristo Lombardero, Bernardo Lorenzo, Bárbara Primo, Amada Traba, Paula Vázquez Verao e Luís Villares axudaron a ampliar o foco sobre o debate das luces e sombras da nova política, nuns casos, e achegalo a concreción necesaria para que o debate analítico non se tornara academicista e alonxado da realidade, noutros.

Francisco Castro, como editor, tivo a exquisitez de optar por unha formula que permitira despexar o libro dunha sucesión de datos que o volvería árido e, a súa vez, impedir que esa gran información cuantitativa sobre movementos sociais que tiña a tese doutoral no que se basea o libro (unha auténtica cartografía social) non se perdera para quen poida interesarlle afondar no tema (en http://editorialgalaxia.gal/wp-content/uploads/2018/07/Galicia-no-labirinto-da-nova-política.pdf)

Os obstáculos a salvar e corpo epistemolóxico

Para abordar o traballo que deu lugar a este libro tiven que enfrontarme a tres problemas:

1º. A miña formación académica. A historiografía achegase aos episodios cando estes están pechados, atendendo a unha cronoloxía detallada. Esta ‘rixidez’ impide abordar, como era o caso, un episodio especialmente dinámico e aínda aberto. A inmersión en autores de socioloxía política da nova escola de movementos sociais como McCarthy, McAdam, Tarrow, Zald, … que teñen unha visión aberta e dialéctica foron claves á hora de superar este primeiro obstáculo.

O corpo epistemolóxico co que se aborda o tema ten como referencias teóricas a de dous autores: Charles Tilly e Donatella Della Porta. Nas análises clásicas situábase, cunha certa lóxica determinista, na oportunidade política e nas estruturas de mobilización (o que tradicionalmente se coñecía como condicións obxectivas e subxectivas) os elementos centrais da contenda política. Non obstante, esas dúas vertentes non explican por si soas o porqué nas mesmas circunstancias, as veces ábrense episodios de cambio e outras non ocorre nada. Os procesos enmarcadores (e os marcos simbólicos) que sitúan un episodio de contenda política e que xorden como da nada, non son explicables sen ‘dinámicas relacionais en múltiples escalas’, por iso o ensaio sobre a nova política non só aborda unha cronoloxía de cambio senón tamén unha cartografía detallada de redes de movementos e persoas.

2º. A miña condición de activista e a participación en primeira persoa dos acontecementos que se narran. Isto imprime unha dose de subxectividade que é necesario superar. Todo o mundo tende a xustificar a súa traxectoria vital, ninguén asume ter estado no lugar equivocado. Esa necesidade de (auto)crítica na procura dun elevado grado de obxectividade que permita non perder o nivel científico do estudo foi posible grazas ao diálogo constante cos directores da tese que deu lugar ao libro: Ramón Maíz e Nieves Lagares.

Non obstante, non quixen que polo feito de que o estudo tivera corpo (epistemoloxía científica) estivera carente de alma, por iso a lembranza constante ás activistas do 15M, e en especial á memoria de Lana Rocha, que coa súa alegría, xenerosidade e laboriosidade, ensináronnos que a indiferenza non nos fai neutrais senón que nos converte en cínicos.

3º. O terceiro obstáculo a superar foi certa incapacidade de previsión que tenden a ter os científicos sociais. Descoñezo analistas que anticiparan a caída do muro de Berlín e o desmerengamento do bloque soviético, que previran as primaveras árabes ou que advertiran sobre o 15M. Do mesmo xeito, poucos economistas advertiron da forza do crack do 2008.

A altura de outubro de 2011, cando empecei a elaborar a tese doutoral base do libro, había sinais de que estabamos diante dun escenario político de cambio profundo pero os analistas e políticos non eran quen de predicir cambios de estruturas sociais e políticas.

A esa altura xa acontecera o 15M e a crise económica e social apuntaban movementos de fondo, non obstante ninguén atisbaba un cambio tan profundo nas interfaces de representación (naquelas datas e con motivo do 30 aniversario do Parlamento de Galicia varios autores nun acto, entre eles Barreiro Rivas que se mostrou o máis contundente, negaban a posibilidade de cambios na estrutura de partidos en Galicia. Dous meses despois implosionaba o contenedor máis importante das persoas do nacionalismo e da esquerda, o BNG, e nada volvería a ser igual).

É verdade que había múltiples sinais claras no social (Nunca Máis, Non á Guerra, FSGal,..), no económico (crack bursátil, pinchazo da burbulla inmobiliaria, saída á luz de casos de corrupción xeneralizado,…) ou no político (quebra do bipartidismo, crise territorial, caída do bipartito, 15M,…) pero non existía conciencia do que iso significaba.

Repetidas veces tiven que dialogar con Maiz e Lagares do propósito das hipóteses dunha tese que se pechaba na teoría co xurdimento de novas interfaces cando non existía nin AGE, nin Podemos, nin as Mareas. Creo que a superación dun certo conservadorismo para atisbar novas realidades e un grado de voluntarismo para soñar esas realidades, foron centrais para que algúns si que pensaramos nesas posibilidades.

Evaristo Lombardero, sinalou na súa intervención en Ribadeo que a lectura do libro lembráballe ao traballo de Xaime Subiela, ‘Para que nos serve Galiza?’ e afirmaba “teño a sensación de que está xurdindo en Galicia ou que se está consolidando unha nova xeración de pensadores, descargados dos prexuízos metodolóxicos e ideolóxicos das décadas anteriores e que ten moito que aportar a unha visión empiricista da realidade actual e do que nos vén de aquí en adiante”.  Máis aló desa opinión, sempre reconfortante, é verdade que o libro de Xaime Subiela (‘Para que nos serve Galiza?’), o de Xosé Constenla (‘O colapso territorial en Galiza’) e o de ‘Galicia no labirinto da nova política’; abordan, en tres disciplinas diferentes, unha análise sobre Galicia desde un epistemoloxía renovadora (no relacional), unha visión democrática (no xeneracional) e unha perspectiva de país (no referencial).

O obxecto do libro e o relato

O obxecto de ‘Galicia no labirinto da nova política’ é o estudo dun episodio de cambio das estruturas sociais e políticas (máis concretamente o período 2002-2012 como época dourada dos movementos sociais galegos entre Nunca Máis (movemento fundacional do SMS galego) e AGE (como primeiro interface do novo episodio).

O relato expón como nun escenario inestable (volátil) unha serie de crises locais e globais, permiten a un movemento social maduro apoiarse nun novo ideario nese momento atractivo (altermundismo) para que sirva de facilitador para que as élites, instaladas na vella esquerda e no nacionalismo tradicional, poidan transitar, sen solución de continuidade, cara a novos espazos, ata o punto de converxer con lideres dos movementos sociais neles (AGE, EnMarea).

As múltiples crises globais, de cambio produtivo (financeira), de modelo de consumo (ecolóxica), de estado de benestar (social), de identidades referenciais (política), coinciden no escenario local con tres grandes crises temporalizadas neste momento.

No período 2002-2008 unha crise institucional caracterizada pola ausencia do estado nos grandes problemas (Prestige, Guerra, 11M, …) e que se salda cunha grave frustración social co bipartito en Galicia e posteriormente co goberno Zapatero, por parte dos sectores máis novos esperanzados co cambio (capítulo: ‘os movementos sociais constrúen o seu propio relato’).

No período 2008-2011 unha crise económica e social que si ven a nivel global compórtase como unha crise social típica dun crack financeiro, en España adquire unha característica de crise de representatividade que xera unha forte desafección e culmina no 15M (capítulo: ‘os movementos sociais diante das múltiples crises’).

Por último, no período 2011-2015 prodúcese, froito da suma das dúas anteriores, unha crise democrática e a conseguinte reconstrución de novas interfaces: AGE, Podemos, iniciativas municipalistas, En Marea. Reconstrución que sería imposible sen a implosión do BNG e a saída de líderes e cadros necesarios nese proceso (capítulo: ‘nova política e [re] construción da esquerda nacional’).

Son eses actores políticos e sociais, que constrúen as novas interfaces, os encargados en poñerlle letra á musica do 15M. Tratábase de formalizar un programa de mínimos a partir das tres consignas/demandas explícitas do movemento de indignación: rexeneracionismo político ( ‘non nos representan’), radicalidade democrática (‘chámanlle democracia e non o é’) e rearme ético (‘non hai pan para tanto chourizo). A eses tres puntos programáticos había que engadir un máis, froito da crise territorial (plurinacionalidade).

A encrucillada e a etapa PostPodemos

Se ben nun principio eses catro principios (rexeneracionismo, democracia radical, ética e plurinacionalidade) estaban no centro da acción política e das alianzas institucionais; a partir de xaneiro de 2016 produciuse un xiro total para volver, fundamentalmente Podemos, a unha acción política dominada polo erro táctico de non desaloxar ao PP do goberno e polo retorno estratéxico aos vellos paradigmas da esquerda subsidiaria dun dos polos do bipartidismo.

A ese xiro epistemolóxico de Podemos sumouse a incapacidade dos sectores saídos do BNG, para abordar en serio a necesidade de repensar o paradigma de interpretación política (en ambos casos volvéndose a visións de interpretación unidimensional lonxe de realidades poliédricas máis complexas).

No ontolóxico esa involución fixo recuperar linguaxes e propostas dirixidas a sectores minoritarios da poboación en lugar de linguaxes e propostas de carácter popular e nacional con capacidade de abranguer unha transversalidade con potencialidade hexemónica.

No metodolóxico, tras un primeiro período onde se experimentaban opcións cooperativistas (caso das mareas municipalistas), volveuse ao modelo tradicional da política e a fórmulas de coalicións de partes onde a capacidade de intervención política das persoas quedara anulada polas decisións previas dos partidos. Xa en febreiro de 2017 nun artigo que levaba por titulo ‘apuntes urxentes sobre a primeira crise da nova política’, publicado en Galicia Confidencial, prevía sobre esta involución .

Esta xira do libro, as reflexións propias á hora de preparar as presentacións e os propios diálogos que se deron nas mesmas, fixeron madurar unha hipótese de traballo que foi collendo corpo axudado polos acontecementos políticos e os novos datos que se derivaban deles.

A primeira vez que explicitei que nos adentrábamos nunha etapa PostPodemos foi no acto de Ferrol. Non se trataba dunha posición baseada en pensar que Podemos ía desaparecer senón na existencia de numerosos elementos que sinalaban un cambio de etapa onde, a diferenza da anterior, Podemos xa non vai ser o elemento central de vertebración das forzas do cambio (seguramente asistiremos a un proceso de reconstrución máis parecido a unha conformación en rede de proxectos cidadáns locais e nacionais periféricos), nin vai estar en condicións de liderar unha alternativa de cambio (recuperación da hexemonía por parte do PSOE).

As constantes perdas electorais (na repetición das xerais, no declive de posición en Catalunya, na perda das Andaluzas ou a constante información dos estudos sociolóxicos), as tensións con Compromís na Comunitat Valenciá, as contradicións de posición en Catalunya, as diferenzas coa formula Adelante Andalucía, ou os conflitos en Madrid polo afán de tutelar as iniciativas municipalistas; crean sucesivas contradicións entre Podemos e os aliados da periferia e, mesmo, coas iniciativas de base cidadán no centro. Cada día faise máis difícil recoñecer o discurso rexeneracionista e de ruptura, radical democrático e plurinacional que alentou as confluencias do cambio en outono de 2015.

Seguimos nun momento, en realidade sempre foi así, de hexemonía cultural da dereita no global e no local, e ademais se ben hoxe existen movementos de resistencia con capacidade de modificar axendas a curto prazo (feminismo, pensionistas) ten desaparecido o forte movemento social estruturado conincidencia política a longo prazo.

Neste contexto, se xa era preocupante ter cedido o rexerenacionismo político a favor de Ciudadanos, máis preocupante é que a extrema dereita ocupe parte do espazo simbólico da indignación.

En Galicia, namentres, tal como sinalaba Joám Lopes Facal no artigo 'O indeciso processo da nova política galega', publicado en Praza, a propósito do libro: "O mapa actual da nova política galega nom dá para muita celebraçom. Superado o trauma do 2012, o BNG, volve ao seu refúgio doméstico de fidelidade provada sem prognósticos de renovaçom ideológica e expansom inclusiva. O celebrado motor do movimento das cidades rebeldes parece acomodar-se a um modesto neo-cantonalismo com nefastos antecedentes no país sem agenda galega conhecida. EU e Anova parecem empenhados em competir na renúncia a qualquer projecto de país tutelados polo fulgor mediático procedente de Madrid ou Barcelona."

Decididamente, o episodio de cambio entrou nunha etapa máis favorable aos sectores involucionistas, pero o futuro non está escrito.

Información adicional