Do estado de alarma ao estado de pánico

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Aquelarre-3-edicion-85.png.cf

 

Xoán Hermida

Desde o inicio da crise, provocada coa aparición do Covid19, a actitude da práctica totalidade dos medios de comunicación ten sido a mesma, e aquí da igual que foran pro ou antigobernamentais, tiveran a súa liña editorial máis escorada á esquerda ou máis á dereita, porque case ningún se sae do guión establecido.

Instalouse unha especie de pensamento único amparando no redescubrimento do ‘método científico’, convertido este nunha nova relixión. Leras o xornal xeneralista que leras creías estar pasando as páxinas do New England Journal of Medicine. Mesmo os xornais deportivos parecían ter fichado á redacción do American Journal Of Preventative Medicine.

Nunca houbo tanto divulgador científico, que te advertía  o que se podía ou non cuestionar, disposto a converter a calquera persoa crítica, aínda que esta estivera avalada por unha traxectoria profesional e investigadora incuestionable, en meros ‘negacionistas’.

O obxectivo, procurado ou non, ten sido crear un estado de terror nunha parte maioritaria da poboación que, unha vez fanatizada na nova relixión, esixira por parte das autoridades medidas ‘preventivas’ máis aló do razoable e mesmo a prohibición das opinións discordantes, por ‘perigosas’ para as mentes. Hai meses nun artigo publicado en Público xa alertaba do perigoso da infantilización da poboación. Unha sociedade menor de idade non ten capacidade de discernimento e outros o teñen que decidir por eles, e para iso xa están os novos sacerdotes.

Ademais os gobernos, central e autonómicos, se teñen deixado arrastrar por ese ambiente de ‘más madera’ para tapar o escándalo das residencias de maiores.

E antes de que se me inclúa na lista de ‘negacionistas’ e se me realice un auto de fé direi ao meu favor, aínda que xa sei que iso en tempos de fanatismo pouco importa, que si creo no Virus. Que me formei nunha visión ilustrada da realidade. Que son ateo e non creo en nada que non estea testado empiricamente. ( diría máis, o meu pensamento o definiría como 'dialéctico de carácter empírico porque paréceme nefasta esa denominación de 'materialismo dialéctico', que roza a relixión, e inventou un doutrinario chamado Plejanov e que a maioría pensa que é a denominación do pensamento do ilustrado Karl Marx).

Pero a partir desta proclamación de defensa á ciencia, que máis se espera. Acaso o principio do método científico non pasa por cuestionarse todo, mesmo o xa evidente, na procura dunha explicación cada vez máis axustada à verdade física, química ou matemática? Houbera avanzado á ciencia, da forma que o fixo nos últimos 200 anos, se non se houberan cuestionado moitas da evidencias dadas por correctas?

A realidade é que o virus avanza nuns países e noutros a pesar dos diferentes enfoques que teñen dado as autoridades (neste tempo vimos como gobernos que resultaban exemplares na contención do virus se  convertían, da noite para a maña, en nefastos, e viceversa)  ou os comportamentos, cívicos ou non, das súas poboacións (e aquí quero sinalar como tras tres meses de confinamento exemplar da sociedade española agora se nos quere trasladar a idea de que somos ‘latinos’ e non temos remedio. Unha vez máis a infantilización, xunto con, neste caso, un punto de xenofobia).

Fagamos repaso do visto ata agora, apartando o foco da pandemia. Escurantismo da maior parte das autoridades globais con especial atención ao modelo totalitario chinés. Os vaivéns case diarios do oficialismo científico e dunha OMS desacreditada.  Unha pésima xestión dos gobernos, que indistintamente da cor política teñen avanzado nos recortes á sanidade e á investigación pública. Un homicidio institucional de persoas maiores amparado na ‘nova’ cultura de menosprezo as ‘cousas dos vellos’. Unha vicepresidencia fake de asuntos sociais desaparecida máis aló de algunha proposta tan aparente como inútil. Gobernos autonómicos xestionados por personaxes nefastos como Ayuso ou Torra. En resume uns lideres máis preocupados en desgastar ao goberno, cando están na oposición, e en atrincheirarse, cando están no goberno, que en resolver os problemas da xente. Non creo necesario seguir.

Que nos queda por diante?

A crise sanitaria vai continuar porque a saúde é algo holístico, que afecta á química e á física do corpo, pero tamén ao espírito. Necesitamos harmonía, como individuos, e como sociedade, e para iso precisamos equilibrio profesional, intelectual e emocional, e as medidas que se están tomando non axudan. Poderemos acabar en dous anos, como pronostica a OMS, co virus, pero teremos un problema de saúde inimaxinable, con novas patoloxías nas persoas e cunha sociedade ‘enferma’, infantilizada e desconfiada, sen lazos de humanidade.

Imos a unha crise económica e social profunda, e que non vai ter ningunha recuperación en V nin en U, porque para iso sería necesario unha normalidade emocional e repensar unha nova economía, reconstruíndo o existente e atisbando novas formulas. Pero neste clima de medo é imposible. A irresponsabilidade coa que se ten actuado sobre o estado de ánimo da xente ten sido o peor factor para o derrube económico (portadas como a do xornal ‘El Pais’ de hoxe -23/08/2020- actúan de ‘quintacolumna’ contra o noso futuro colectivo).

Hai tempo que a coordenada esquerda-dereita explica moi pouco. Esta crise veu a corroborar isto.

Onde ten estado a esquerda durante esta crise? Que alternativa ten formulado? Hai tempo que a esquerda a nivel global ten desaparecido porque non existe alternativa sen unha aposta global e hai tempo que a esquerda lle preocupa só os asuntos locais e a xestión e abandonou o campo da mundialización.

E a nivel local onde goberna, e xa deixando a un lado casos escalofriantes como Argentina, se ten convertido na ‘lebre’ dos poderosos. Tomando a temperatura social con medidas que outros si están dispostos a levar a cabo sen un mínimo de construción transgresora. Expresando en voz alta o que outros non se atreven a dicir sen amosar a máis mínima empatía ética ou estética polos que están a sufrir (as declaracións de Alberto Garzón de onte -22/08/2020- son ilustrativas).

Tras uns anos de osixenación política, onde parecía que se situaban novas axendas e novos parámetros de actuación a política en xeral, e a esquerda en particular, volve aos seus parámetros doutrinarios.

A aposta dunha parte importante da sociedade civil por incorporarse á política institucional ten fracasado, deixando un campo ermo que está a favorecer o crecemento de malas herbas, e máis nos tempos duros que nos esperan.

Toca tecer comunidade. Reconstruír lazos afectivos entre a xente, poñer as emocións ao servizo da causa pública, abrazarnos e tocarnos antes de que nos esquezamos de que somos seres sociais.

Non se trata de volver acumular masa crítica para de novo crear interfaces  políticos populares. Debemos convivir cos interfaces existentes, non xogando ao desgaste das institucións, senón pola contra protexéndoas dos ataques de rumbo autoritario, pero creando contrafortes cívicos que permitan ter unha acción influente sobre dereitos civís e sociais.

Construír redes de solidariedade para salvarnos, porque neste momento todos somos vulnerables.

Información adicional