A esquerda portuguesa, a esquerda española e a pandemia

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

virus mata

 

Xoán Hermida

 

Se Portugal tivera a mesma poboación que España, e cos datos a inicios de setembro e en pleno ‘rebote’ epidemiolóxico, estaría arredor dos 280.000 positivos de Covid19, moi lonxe dos máis de 500.000 que xa computa o ministerio de saúde español (practicamente a metade). Na mortalidade a diferenza aínda sería maior: arredor de 9.000 mortos, en lugar dos preto de 30.000 (tres veces menos). A taxa de mortalidade sobre afectados ronda no país veciño o 3%, namentres que en España é próximo ao 6%. Cabe facer unha observación importante que teño comentado en anteriores artigos: a taxa de mortalidade hoxe esta moi por debaixo do 1% e soamente si se mantén no computo xeral neses niveis altos é porque a taxa durante marzo e abril chegou a se arredor e, mesmo, a superar o 10%.  Nalgún momento saberemos si ese nivel de mortalidade, que a fin e ao cabo foi a que xerou a alarma social existente e fixo tomar medidas drásticas, debeuse a un abandono dos nosos vellos ou a incorporación das estatísticas da gripe no computo, ou as dúas. En todo caso esa necesidade de información transparente segue pendente.

Portugal e España son países con características ambientais, sociais, culturais e sanitarias similares.

Os portugueses pasaron un confinamento menos estrito en tempo e forma. Seguramente iso teña que ver con que os seus sectores estratéxicos económicos estean a día de hoxe menos danados (a variación interanual do PIB ten sido do -16,5% fronte ao -22,5% español) co cal a perda de saúde, derivada da crise social e do aumento da pobreza, vai ser menor. Viven, sen dúbida, o problema do Covid con menos ansiedade e menos sobresaltos e histeria colectiva. En Portugal é fácil recoñecer un turista na rúa pola utilización da mascara. Os portugueses a utilizan nos lugares pechados e nos transportes, sendo menos frecuente, mesmo en certos espazos irrelevante, a súa utilización ao ar libre.

A evolución política de ambos países ten tido, nos últimos anos, camiños paralelos. Ambos teñen gobernos progresistas sustentados sobre acordos con forzas da esquerda. Adiantando Portugal nuns meses o que despois acontece en España, pero con algunhas diferenzas importantes.

Nas eleccións xerais de outubro de 2015, o PS foi a forza progresista máis votada aínda que perdeu as eleccións. Na mesma noite electoral PCP e Bloco confirmaron a súa disposición para facilitar o investimento do candidato socialista, António Costa, e semanas despois aprobaban un programa de goberno de esquerda pero soamente co PS no executivo, toda vez que PCP e Bloco conviñan que nese tempo de contraofensiva neoliberal a nivel continental debían ter as mans libres para exercer a súa capacidade de impugnación. O chamado goberno ‘gerigonça’ botou a andar con bastante capacidade de incidencia dos socios esquerdistas.

Dous meses despois as eleccións xerais en España daban a vitoria ao PP, pero nun escenario de fragmentación inhabitual a raíz da irrupción con moita forza dos partidos da nova política: Ciudadanos e Podemos, neste últimas caso coas súas alianzas territoriais. A posibilidade de conformar unha maioría parlamentaria distinta ao PP foi abortada, en dúas ocasións, e tras un período de goberno provisorio o candidato do PP, Mariano Rajoy, saíu investido presidente durante dous anos nos que se agravaron as políticas de axustes sociais e recortes de liberdades civís (ademais de enquistarse o conflito catalán).

En 2019 os portugueses e os españois volveron as urnas.

O PS gañou desta vez as eleccións en Portugal e os acordos con PCP e Bloco pasaron a ser puntuais, o que non impediu que nos acordos seguira funcionando con algunha dificultade unha maioría de progreso.

En España, o PSOE gañou as eleccións pero a incapacidade para chegar a acordos a súa dereita, pola cerrazón de Albert Rivera (que acabaría pasándolle factura), e a súa esquerda (cuns lideres de UP máis preocupados por ocultar coa entrada no goberno o seu fracaso nas urnas que con atender as demandas maioritarias do pobo), obrigou a unha repetición electoral.

Aquí o camiño político de Portugal e España comeza a bifurcarse.

No país veciño cunha esquerda centrada no desenvolvemento de proxectos estratéxicos, nalgúns temas con diferencias importantes, con capacidade de mobilización social resiliente, e cunha extrema dereita anecdótica.

En España  cunha esquerda ancorada no tacticismo puro e duro, cunha desmobilización social sen parangón, e unha extrema dereita en auxe tras darlle dúas oportunidades electorais e unhas cantas bazas políticas incribles.

E nesa situación chegou o 2020 e con el a pandemia que, como xa comentaba na primeira parte deste artigo, esta a ter unha radiografía diferente nos dous países.

A forma con que os representantes políticos portugueses e españois abordaron o tema foi totalmente diferente tanto na esquerda como na dereita. Diferenza que ten que ver coa cultura democrática do país veciño e da ausencia da mesma no noso. En Portugal as diferencias políticas de carácter estratéxico son profundas, mesmo no campo da esquerda, pero á hora de enmarcar a crise todo o mundo fixo un esforzo por procurar marcos de consenso que non debilitaran a confianza da cidadanía nas institucións (igualiño que aquí!).

A diferente visión que a esquerda portuguesa ten con respecto a esquerda española (incluída a nacionalista periférica) sobre a Pandemia do Covid19 ten que ver, ademais do grado menor de  alarmismo co que se vive a situación en Portugal, coa evolución cultural con que a española ten desenvolvido a súa conciencia política e o seu modelo de intervención e, en última instancia, o seu formato de organización.

Tras demasiados anos desorientada a esquerda atopou no 15M unha posibilidade para  a súa reconstrución e reencontro coa realidade en base a dúas chaves: a capacidade para abrir un maior abano de acubillamento político (sobre unha transversalidade social, e non unha aceptación ideolóxica) e a nova interpretación da participación democrática en base a superar as estruturas de poder dominadas por camarillas.

Era de prever que cunha esquerda desorientada, pola perda de referentes históricos, doutrinaria, con ausencias intelectuais individuais e colectivas importantes, e cuns niveis grandes de sectarismo, froito dunha escasa cultura democrática, o resultado non invitara ao optimismo.

Pero dificilmente era imaxinable que en menos de cinco anos puidéranse dilapidar unhas expectativas tan altas.

O carácter líquido da nova participación levou directamente á liquidación da cultura do compromiso, mesmo –necesario reafirmar- asimilado a un certo grado de sacrificio persoal, que durante a transición inculcaran forzas máis hexemónicas como o PCE ou PSUC, ou outras máis minoritarias como MC, LCR, PT, UPG, etc.

O novo activismo virtual debilitou o tecido organizativo da esquerda e, en lugar de favorecer unha maior socialización na toma de decisións, supuxo unha elitización extrema na toma de decisións. As bases dos proxectos substituían as reunións pola decisión telemática pero un grupo reducido, coaptado en última instancia polo líder, seguía reuníndose e tomando as decisións que corresponderían á afiliación ou as bases electorais dos partidos. Favorecendo ao cabo, comportamentos caudillistas.

Ademais esta nova realidadelíquida’ asestou o golpe definitivo ás organizacións sociais de carácter popular e desmantelou a xa de por si feble estrutura civil do cambio.

Estas tendencias negativas na esquerda española viñeron a reafirmarse coa pandemia que serviu de escusa para apagar os poucos focos de conexión entre a esquerda institucional e a esquerda social, entre os necesarios nodos de intercambio de información e experiencias, entre as diferentes iniciativas resistentes da sociedade civil.

Asistimos a unha crise de carácter  sanitario, que ten posto en evidencia as limitacións sociais da recuperación da anterior crise e amosado a necesidade de reformas estruturais no modelo produtivo e de consumo.

Pero ademais da crise sanitaria e económica, existe unha crise democrática. Namentres a esquerda española non sexa quen de formular, ao igual que o fai a esquerda portuguesa, que estamos diante dunha crise política non deixará de estar xestionando, con maior ou menor acerto, un programa político que vai ser a dereita quen o culmine tras un trunfo electoral sen precedentes.

A esquerda portuguesa e española están a abordar elementos centrais desta crise como as liberdades públicas, a reordenación das relacións de produción e o tele traballo, a regulación de ceses temporais de actividade, ... de xeito diametralmente diferente. Para a esquerda portuguesa estamos diante dun novo capítulo no decrecemento democrático e desregularización das relacións laborais que hai que frear (etapa de resistencia), namentres a esquerda española , encantada de coñecerse, como capitáns que hai tempo perderon a tropa, están lanzadas nunha ofensiva aloucada de avance de imaxinarios dereitos, non contrastables na maioría do casos. Unha esquerda máis preocupada en axustar contas coa transición que en utilizar a nova etapa de crise para asentar consensos arredor de dereitos e mirando polo concreto (empezando por dar resposta adecuada aos familiares de 20.000 persoas mortas nas nosas residencias hai uns meses sen prestarlle o debido dereito de socorro).

O secretario Xeral do PCP, Jerónimo de Sousa, no comicio da Festa do Avante, convertido neste 2020 nun espazo de resistencia fronte ao medo, expresou coa claridade que as veces lle falta á esquerda española, que de igual xeito que "tudo fizeram e tudo fazem para ajudar a resolver os problemas do País dos trabalhadores e do povo. Tudo farão na luta geral que se trava contra a COVID-19. Mas não cederão ao medo real ou instilado através do pânico orquestrado que visa isolar as pessoas, quebrar solidariedades de classe e sociais, para que os trabalhadores aceitem docilmente fazer sacrifícios, abdicar ou aceitar a limitação dos seus direitos e condições de trabalho e de vida e até da sua liberdade."

 En tempos de pandemia é necesario lembrar  que sen posibilidade de encontro físico a esquerda non existe. Sen acompañamento real non hai sociedade. Sen dialogo e contraposición de ideas na ágora pública a democracia esmorece.

Información adicional