Tres encontros co Beiras

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo
 
"Marx sementou xigantes e, pola contra, colleitou pulgas"
(a propósito dos marxistas) F. Engels


Ao calor do 40 aniversario da publicación de “O atraso económico de Galicia” vaise a celebrar en Compostela unha homenaxe popular ao seu autor, Xosé Manuel Beiras.

Como ocorre cos grandes autores a súa obra é un marco de referencia esencial para comprender o seu momento histórico e arroxar luces sobre sombras ou incertidumes, pero ao igual que lle pasou aos mesmos sempre aparecen seguidores ‘escolásticos’ que utilizan a obra como catecismo e elaboran unha ‘teoría’ doutrinaria que nada ten que ver coas ideas do autor.

Este aniversario ademais veu a coincidir cun momento de encrucillada do nacionalismo galego. Estamos, seguramente, diante do nacemento da terceira xeración do galeguismo.

A primeira estivo marcada pola reivindicación do caracter nacional de Galicia nun momento de cambio - da loita agrarias á II república - onde se estaban poñendo os piares dunha nova configuración plural e moderna do estado. A segunda, igualmente de transición da ditadura á democracia, onde o novo nacionalismo de esquerdas combinou dialecticamente os dereitos sociais coas demandas nacionais. Agora estamos no albor da terceira xeración, tamén nun momento de cambio de crise sistémica global, onde ás reivindicacións nacionais e sociais terase que incorporar dous elementos centrais nas contradicións do noso tempo: a radicalidade democrática e a defensa dos dereitos medioambientais dos seres humanos e non humanos e por extensión do planeta.

A miña perspectiva sobre Xosé Manuel Beiras foi cambiando ao longo dos últimos trinta anos. Quizais sexa na actualidade cando máis próximo politicamente a el síntome pero tamén, seguramente, cando máis matices procuro entre o seu pensamento e o que desde o meu punto de vista debería ser a súa aplicación practica. Cando el fundaba o BNG no ano 82 en Riazor eu xa me fora (convidarán a marcharme) do BNPG así que durante moito tempo observeino na lonxanía daquel adversario político que admiras no seu pensamento.

Véñenme a memoria tres encontros con Beiras en diferentes momentos vitais da miña vida:

O primeiro produciuse nos primeiros anos dos 80, antes da asemblea constituinte de Riazor. Naqueles anos de instituto eu caera ao igual que Obelix nunha marmita, pero neste caso chea de libros de Marx e Engels e outros pensadores marxistas, ata o punto que collera un empacho.

Con 17 anos tiven ocasión de asistir xunto con outros alumnos da Xunqueira da man do profesor e ex-militar Xosé Fortes a unha charla do profesor Beiras sobre economía política.

Levaba xa sentado unha hora cando percibín que algo non marchaba ben. A charla era impactante e maxistral pero algo estaba a crear un curtocircuíto entre as palabras do profesor e as entendederas do alumno. Non podía ser a base marxiana da súa explicación porque como moi ben dixen anteriormente estaba emborrachado do que Plejanov bautizara como materialismo dialéctico e materialismo histórico (termos acertados para un catecismo pero innecesarios para un pensamento filosófico e científico ten poliédrico).

Cando case estaba a acabar a charla descubrín o interruptor que me estaba a impedir a conexión lóxica da mesma. O termo que eu aprendera como ‘plusvalía’ estaba sendo substituído polo termo ‘maisvalia’.

O segundo recordo foi no parlamento de Galicia. Iniciábase a V lexislatura. Eu ‘colarame’ xunto con dous deputados de EdG no parlamento da man dun PSdG sen rumbo, o BNG con Beiras ao fronte viña de dar o ‘sorpasso’.

Unha maña na cafetería do parlamento cuasi baleira chegou Beiras e comezoume a falar do ‘retorno a un mundo feliz’ de Aldous Huxley que levaba baixo o brazo -creo recordar que na súa versión francesa- e que naqueles días estaba relendo.

Pareceume toda unha imaxe dun home pouco preocupado polo seu novo papel de líder da oposición e posible futuro ‘presidente do país’ e en cambio necesitado de salvagardar o seu pensamento crítico quizais como carozo do que lle rodeaba.

Moitas veces Geluco, Pazos e máis eu ‘xogabamos’ nas pausas das sesións parlamentarias a comentar de que deputado do BNG nos sentiamos máis próximos ideoloxicamente. As preferencias ‘retranqueiras’ de Geluco eran pola súa militancia comunista: García Negro e Bieito Lobeira. As de Pazos non as recordo moi ben. Eu sempre dicía Beiras e Camilo Nogueira, e entón empezaba a mofa de se era un socialdemócrata e mesmo un ‘liberal’.

O terceiro momento foi a raíz do resultado das autonómicas de outubro do 2001 e o pequeno retroceso (nada comparable cos posteriores) electoral do BNG.

Nos días posteriores empezaron a soar o ‘ruído de sables’ cuestionando o liderazgo de Beiras e iniciábase un período de vendeta que aínda hoxe non rematou no nacionalismo galego.

Beiras, segundo me comentou posteriormente, foise a facer unha viaxe por Andalucía e recibiu alí da xente do común os apoios que aquí algúns dos compañeiros lle negaban.

Eu, que viña de padecer a frustración do naufraxio de EdG tiven o impulso de escribirlle.

A carta que non sei se el aínda conserva remataba:

“Non me gustaría que Xosé Manuel Beiras deixara a política sen culminar o seu traballo: presidir unha terra liberada.
Estou convencido de que o nivel das augas da envexa e da miseria baixarán. Iso si, serán tempos duros.
O outro día nun xornal facían unha reportaxe sobre Xosé Manuel Beiras. Mais aló do calado humano e intelectual das persoas que participaban nunha especie de xuízo público a túa persoa houbo unhas declaracións que me pareceron chamativas, eran de Xaime Quessada que dicía: Beiras ten que seguir. É un tipo xenial”. Recordando o titulo dunha película moi fermosa dos anos setenta.
Creo que é a hora da intelixencia e da dignidade. Dúas cualidades escasas. As veces preguntome se hai vida intelixente no planeta ou se ó noso pobo lle queda dignidade. Sempre acabo respondendo positivamente – aínda que as veces cústame máis a resposta-. Dúas cualidades que tes amosado en numerosas ocasións. Cualidades que estou convencido que utilizaras nestes momentos difíciles.
Esta carta debíacha – pois ti me mandáchesme unha pedíndome o voto- e sobre todo debíama a min mesmo.
Sexa como sexa o futuro, unha aperta verdadeira e un saúdo sincero.”


A súa resposta que eu si conservo non se fixo esperar. Nela entre outras cousas falábame do mito do Sísifo tan presente na historia da esquerda galega e na súa persoal.

Nos últimos anos a relación ten sido máis cotiá, nesta etapa común de altermundismo con grandes coincidencias e con algún importante desencontro, pero desde a admiración e respecto que se merece unha persoa coma di o noso himno nacional, boa e xenerosa.

Se Castelao enmarcou intelectualmente o primeiro nacionalismo galego co “Sempre en Galiza”, foi Beiras quen marca con "O atraso económico de Galicia” a segunda xeira. Terá que ser o propio Beiras quen inaugure unha necesaria nova etapa ou teremos que agardar a que alguén/es o fagan?

Información adicional