A xeración Mimosa

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Fai algún tempo alguén falou da xeración CAF para lembrar a toda aquela xente que na década dos oitenta tivemos a ocasión e participar naquel proxecto tan interesante como contradictorio que se chamaban Comités Abertos de Facultade (a E de escolas viría despois) e que supuña unha renovación xeracional na esquerda galega.

Eu prefiro recordala como xeración Mimosa, porque ese era o seu símbolo, a pesar de que, tal como nos recordaban algúns membros da corte da rosa, esta era de importación australiana e polo tanto pouco patriótica. En todo caso aqueles que temos unha visión plural da nación entendemos que na súa biodiversidade tamén teñen acollida especies orixinarias doutras partes namentres non sexan destructivas coma o eucalipto.

Recentemente puiden atoparme nunhas xornadas de debate e reflexión, desas que tanto aos pragmáticos coma aos dogmáticos lles molesta, a Manolo Barreiro, Goretti Sanmartín, Alba Nogueira, Emilio Insua,... e algúns outros que xunto comigo e a outras persoas formamos parte daquela xeración.

Como non tamén me lembrei de Migueliño e de Marcelo , de Bernaldo Lorenzo, de Emilio Martínez, de Isabel G. Avión, de Hector Silveiro, de Pilar Candocia, de Ramón Faraldo, ... e tamén, con moita saudade, da miña querida compañeira Loli que coa súa frescura convenceu a algún compañeiro que hoxe esta na UPG da necesidade de participar nos comités, mesmo na posibilidade de ser “contaminado”, coma así ocorreu, polo nacionalismo ideolóxico.

Aquela xeración encabezou as mobilizacións contra un rectorado e un goberno que a pesar de chamarse socialista empezaba a mostrar unha faz liberal e a iniciar un proceso de elitización da universidade ( ademais de meternos na OTAN tras prometernos que de entrada non ). Aquela xeración tamén tivo o seu primeiro vicerector alumno e posteriormente mesmo decanos e ata un rector, que tamén recordo como unha mini frustración a pesar de ser unha das cabezas máis amobladas da historiografía hispánica. Lembro aquel primeiro lema de “pasou o tempo da rosa, chegou o da mimosa”

Pero se algún valor tivo aquela xeración foi a de ser un fervedoiro de ideas e de resistencia fronte ao dogmatismo. Aquela nova xeración de mozos e mozas tan plural no político tiñamos en común a necesidade de (re) crear a esquerda galega para liberala dos seus comisarios políticos.

Sufrimos a primeira derrota e cós CAF tomados tivemos que reinventar os MEU. Posteriormente virían outras derrotas: CXTG, NUNCA MÁIS, ADEGA, a MNL,..

Pero tivemos unha grande victoria. Fomos capaces de construír espazos de liberdade e sobre todo ideas propias sen necesidade de recorrer, tal como responderan os da escola de tauromaquia a Fernando VII cando pechou as universidades a aquela sentencia de “lejos de nosotros la funesta manía de pensar”.

Tocounos, tócanos, vivir unha etapa global de transición, por iso dura pero tamén por iso fermosa.

Nota: A Rolda de Rebeldía ten motivado unha gran cantidade de notas e comentarios en diversos blogs e medios. En xeral todos teñen recollido moi favorablemente a iniciativa e o que alí se dixo,... pero de elixir eu quedome co apunte de Manolo Barreiro no seu blog De Paso que recomendo ler http://dpaso.blogaliza.org/?p=88