A Unión Europea, a Zona Euro, a Fronte Ampla e AGE
- Detalles
- Publicado o Domingo, 29 Setembro 2013 21:27
Xoán Hermida
As recentes eleccións celebradas en Alemaña puxeron, unha vez máis, de evidencia a hexemonía neoconservadora e a falla dunha alternativa ao programa da CDU-CSU para Alemaña e tamén para Europa.
O SPD colleita os segundos peores resultados desde a posguerra. A socialdemocracia ven así a confirmar o seu declive lento e constante toda vez que non esta en condicións de abandeirar un programa de cambio para Alemaña e para Europa.
O FDP desaparece da escena política porque o espazo electoral absórbeo a CDU, nun momento no que as forzas liberais teñen unha doutrina impostada, pois o modelo actual non se move nos parámetros do ‘laissez-faire’ senón máis ben nun neoliberalismo monopolista controlado polos oligopolios.
Die Grünen segue no seu retroceso dos últimos anos e por querer compracer a todos non comprace a ninguén. Cun programa de centro-esquerda e unha practica de centro-dereita, agora so lles queda aclarar se van a seguir pola senda do capitalismo verde ou apostar polo ecosocialismo.
Die Linke tamén sofre un retroceso froito das súas propias contradicións que ten feito aflorar un forza euroesceptica a punto de entrar no bundestag que de seguro recolle a desafección e impaciencia dalgún sector social máis radical. A súa posición coma terceira forza os coloca, non obstante, nas mellores condicións para nuclear unha alternativa de post-comunistas e neo-socialistas á dereita.
Pero máis aló, o mapa político e electoral de Alemaña recolle as contradicións e os nós gordianos entre os que se move a política europea.
O espazo de moeda única non veu acompañado dun proxecto político e social para a Unión Europea, senón que o Euro, comprobouse co tempo, foi o instrumento para acabar co posible modelo social e democrático europeo.
Algúns pensamos que durante un tempo esa tendencia aínda se podía cambiar en función da traxectoria social de Europa e a potencialidade da súa estrutura cívica, pero o tempo foi amosando que o instrumento político chamado a liderar ese cambio, a socialdemocracia, quedou sen alternativa e sen proxecto. E non porque non queira, que tamén, senón porque non pode.
Non se pode volver a construír o modelo de estado de benestar tal como foi concibido nos últimos 50 anos por múltiples razóns entre as que cabería destacar tres:
- a inexistencia dunha clase obreira uniformada socioloxicamente e concentrada en grandes fabricas, baixo o modelo fordista, e representada por influentes sindicatos corporativos;
- a desaparición do mundo bipolar este-oeste, facéndose innecesario o outorgamento de concesións que puideran mitigar posibles contaxios
- o esgotamento de recursos enerxéticos e o xurdimento da cidadanía do Sur como axente de demanda de dereitos sociais e democráticos que imposibilitan a construción de guetos de benestar.
Chegados ata aquí, so caben dúas opcións, tres se aceptamos coma opción a de asumir a lóxica dos oligopolios tal como fai o esquema partidario biestrutrurado do réxime:
1ª Opción.- A que quere impulsar CiU-ERC, isto é un país fora da UE pero dentro do Euro, algo así como unha zona franca, unha Andorra ou Mónaco en tamaño medio. Esta posibilidade, non imos entrar na súa realización ou non, simplemente non seria unha nación soberana senón unha Euro-Vegas con elites con tratamentos fiscais especiais e un continxente de servos de novo cuño.
2ª opción.- Que nun so país, poñamos por exemplo Grecia, unha forza gañe unha eleccións despois de desprazar á dereita e aos socialdemócratas clásicos e intente poñer en marcha un programa de cambios. Aquí xorde o problema. Ese goberno, digamos por exemplo, de Sryza si se mantén na Zona Euro non vai ter mecanismos nin de políticas monetarias e fiscais soberanas ao carecer de banco central propio con competencias reais, ademais das presións económicas dos mercados que o farán entrar nunha espiral que en poucos meses a poboación que lle deu o apoio llo retirara.
Aí é onde aparece claro que a única posibilidade de cambio é vertebrar alianzas continentais e coalicións amplas que poñan no centro do seu programa a recuperación da democracia polas persoas, e isto so é posible se un grupo de países opta por saír conxuntamente e ordenadamente do Euro creando novos mecanismos económicos, monetarios, financeiros e fiscais.
O modelo social europeo matárono e o estado de benestar era froito dunhas condicións concretas e un período e unha xeografía concreta.
Durante un tempo a esquerda europeísta, da que culturalmente moitos nos sentimos parte, formulou a critica real e razoable de que o proceso de construción europea ía descompensado entre o ritmo rápido que levaba a construción económica e o proceso lento que levaba a construción política.
En realidade, si que se ten construíndo a unificación política, soamente que se trata dunha construción política non democrática seguindo os parámetros da unificación dos lander alemáns que tiveron o seu motor no proxecto liberal económico coa unión aduaneira de 1834 e que culminou coa unidade monetaria de 1871 arredor do Marco, en lugar dunha unificación liberal política, e por tanto democrática, levado adiante polas revoltas de 1830 e1848 e culminada polas campañas liberadoras de Garibaldi.
Faise necesario vertebrar unha grande alianza de forzas de ruptura democrática e substrato nacional deste Atenas ata Lisboa. Que coordine as súas accións, que intercambie propostas programáticas e que fixe obxectivos comúns na acción política e electoral e chegado o momento que faga acompañamento a aqueles gobernos que queiran abandonar a Zona Euro.
Temos que empezar a construír o suxeito político galego desa amplía alianza. Obviamente non se trata de construír un movemento político-social para o estatalismo e outro para o nacionalismo, nunha división ideoloxicista que a sociedade non lle importa. Tampouco se trata so de construír/reforzar Anova ou de construír/reforzar so EU, nunha reedición da vella política da competitividade.
En Galicia vimos de vivir unha década de continuos movementos e iniciativas que iniciase con Nunca Máis, como acta fundacional do movemento social galego actual, e percorre diferentes redes e alianzas (PGpP, GNSV, PGA, ISAP, FSGal, RA, ESG) ata chegar ao nacemento de AGE, como contenedor político da cidadanía que buscaba a construción dun novo interface diferente a partidos clásicos e a estruturas unidimensionais.
As oportunidades políticas (procesos de globalización e crise sistémica), os procesos enmarcadores (a desafección cara aos partidos que instrumentalizaron desde a transición á sociedade civil e que tivo o seu punto de conflito máis álxido durante o bipartito) e as estruturas de mobilización (organización existentes que foron madurando na súa compresión política autónoma e novos colectivos nacidos ao calor do movemento altermundista) son as claves para que este proceso se dera.
Un fracaso de AGE, neste contexto, non so seria un novo fracaso para o electorado, senón fundamentalmente a quebra para que se poida construír un Movemento Político que superara a división partidaria e identitaria sobre un proxecto cívico, democrático e nacional.
Namentres non fagamos unha alternativa cívica e democrática seguiremos resistindo con cada vez menos recursos e menos capacidade. Alianzas amplas, pensadas en rede e que non rematan na beira norte do Mediterráneo, senón que impliquen a movementos sociais e partidos políticos do Sur de Europa e do Norte de África para abordar con máis forza as alternativas nese escenario común.
E posible que non haxa grandes vimbios iniciais para facelo pero é un proxecto que pode situar un horizonte de esperanza hoxe inexistente. Con toda a forza que iso atesoura.