A esquerda contra a esquerda
- Detalles
- Publicado o Xoves, 03 Marzo 2022 18:25
Artigo publicado en Praza Pública
Hai xa moito tempo que o paradigma 'esquerda versus dereita' non serve para explicar o que acontece. A dicotomía, nacida da revolución francesa, quedase curta para amosar un mundo con realidades complexas e multidimensionais.
Os movementos xurdidos nas últimas décadas en América Latina, no mundo árabe ou en Europa teñen que ver máis coas contradicións democráticas, que coas clásicas. Nalgúns casos ligadas as eivas democráticas das democracias liberais, noutros simplemente coas demandas de dereitos humanos.
Entre o 1989 e o 1991 acabouse un mundo bipolar e comezou a globalización. Quizais era o momento para que as democracias repensarán que mundo querían construír e as esquerdas se tomaran un tempo para refundar as súas sinais de identidade. Pero non foi así. Os gobernos se centraron en reconstruír os mercados, aparcando a construción política da Unión Europea reducíndoa a unha especie de Unión Temporal de Empresas (UTE). A maioría da esquerda postcomunista en lugar de facer unha reflexión profunda e poñer en cuestión os piares sobre os que asentaran a súa alternativa ao capitalismo preferiu fuxir cara adiante e refundar o leninismo (non hai un leninismo bo – troskista- e un leninismo malo – stalianiano –, os dous son deformacións totalitarias dunha teoría emancipadora e ilustrada como a de Marx).
Vinte anos despois da caída do Muro de Berlín, nunha nova fase da globalización coa presenza de China como novo competidor e de Rusia como matón, as contradicións nos estoupan na cara da Europa post-pandémica.
As contradicións existentes e o contexto non pode servir para manter unha neutralidade ‘pacifista’ ou para branquear os propósitos expansionistas dun autocrata, rodeado de oligarcas enriquecidos na subasta da URSS, que se cre a reencarnación de Pedro I el grande.
A nosa historia debería ser suficiente argumento para entender que as democracias non poden mirar para outro lado, e non prestar axuda, como fixeron coa II república española.
A argumentación, dalgúns dirixentes da esquerda, sobre que un pobo non pode enfrontarse a un poderoso exercito é dun cinismo inmoral pois culpabiliza a vítima por resistir. A mera idea da 'debilidade' bota por terra toda a construción moral no só da esquerda senón das forzas de progreso na historia. Uns escravos indefensos son os que se enfrontaron á poderosa Roma, perdendo pero deixando para a historia a primeira lección de dignidade humana. Os teóricos do contrato social defenderon o dereito a rebelión contra o tirano, creando un ideal que despois serviría para a emancipación Norteamericana e a de Haití, e a propia revolución francesa.
Ukraina é froito das contradicións da caída da URSS, non é unha democracia homologable e mesmo ata hai 8 días estaba en cuestión a súa existencia como nación, pero a resistencia fixo que se forxara o seu ideal democrático e se gañara ante a historia o seu dereito á existencia (seguramente terá o mesmo papel que a revolución da independencia contra os franceses tivo para España).
O actual presidente Zelenski e o seu goberno, teñen amosado unha valentía inesperada para uns europeos acomodados que esqueceran que as liberdades se conquistan. O seu partido gañou unhas eleccións liderando un movemento rexeneracionista e democrático que ten similitudes co noso 15M. O parlamento Ukraino e no único onde as forzas populistas de extrema dereita non conseguiron escanos.
Custa moito entender cando aquí reivindicamos procesos de máis democracia que nun país se estea defendo as bases dunha democracia liberal, pero non é menos certo que calquera forza progresista non terá credibilidade democrática senón é capaz de defender as regras básicas da democracia . Un bo amigo dicía estes días que “defender a democracia liberal é hoxe o máis revolucionario”. Algo real cando esta está a ser atacada desde populismos radicais de un lado e outro.
Resulta curioso ver a unha determinada esquerda defender os dereitos nacionais dunha suposta Ukraina de maioría rusa, en tanto en canto parten da mesa lóxica da extrema dereita na defensa das ‘nacións étnicas’ e non multiculturais. Pola mesma lóxica irracional que acepta a anexión por Rusia dunha zona ruso falante edeberiamos reconstruír o imperio español xa que en zonas de América Latina fálase español.
Resulta vergoñento utilizar outra guerras inxustas en base a idea de “y tu mas” polo papel de USA en Iraq ou Afganistán. Sería, volvendo á lóxica da extrema dereita, como dicir que xa que hai violencia contra algún home non debe protexerse ás mulleres.
Sen entrar nas responsabilidades doutras guerras de intervención, pois requiriría un amplo debate, ninguén pode negar que esta se trata da conquista de un país soberano membro da ONU e que esta guerra sitúa as grandes contradicións do mundo global que non é outro que a loita entre a razón e a escuridade.
Deixar facer a Putín, non significaría construír unha Orde Internacional máis xusta senón volver aos peores momentos da primeira metade do século XX.
Certa esquerda vive atrapada nun paradigma que fracasou e en lugar de pedir perdón e recomezar sigue atrapada en prexuízos de hai varias décadas.
Pouco importa. Seguramente serán enviados a papeleira da historia, imposibilitándose para xerar ningunha alternativa no marco da democracia.
Hoxe a cidadanía ukraina está librando a batalla da liberdade e os progresistas deberían saber en que trincheira están, sen ambigüidades.