Non hai máis cego que o que non quere mirar

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

mito-avestruz

Xoán Hermida

Intento explicar aos neófitos que as enquisas preelectorais marcan tendencias que se fixan no momento electoral. É por iso que as campañas con ser importantes non son quen de modificar correntes de fondo que non se amosan nas enquisas en toda a súa dimensión porque non é o momento. O importante son as zonas de fricción, entre quen se dan e a quen favorecen. Por iso todas as sondaxes sabían, agás a do CIS, que as posibilidades implicaban e favorecían na maioría das mesmas (PP/Vox - PP/Cs -PP/PSOE - PSOE/UP) ao PP.

As veces volvese cansiño explicar que determinados tópicos - a participación favorece a esquerda, o voto mozo é progresista, existe unhas zonas urbanas periféricas vermellas,... - deixaron de funcionar na estrutura política actual.

Desde hai xa un tempo que os datos indican que o episodio de tránsito no que estamos instalados emprendeu dúas tendencias constantes de carácter estratéxico:

(a) un xiro sociolóxico cara a dereita como resposta defensiva a unha crise nacional e democrática de carácter existencial que a maioría electoral identifica co modelo de gobernabilidade da esquerda e que non acerta a resolver; e

(b) un regreso cara ao bipartidismo (máis rápido toda vez que o PSOE resolva a súa crise de identidade e se restitúe de novo como un partido que aspira a maiorías sociais).

A pesar de iso, parecería que os resultados non ían ser tan bos para a dereitas e tan malos para a esquerda. Algúns datos que advirten da magnitude da derrota da esquerda son:

(1) A vitoria do PP sobre o PSOE nas municipais en votos populares son 800.000 votos e 3'5 puntos de diferenza (nas pasadas eleccións o PSOE sacoulle ao PP 1.600.000 votos). A vitoria é especialmente dura en grandes cidades e prazas simbólicas: Madrid, Valencia, Zaragoza, Valladolid, Logroño. A absolutísima de Albiol en Badalona ten un compoñente simbólico importante.

(2) Consolidación dos gobernos de Murcia e Madrid (maioría absoluta)

(3) Recuperación dos gobernos de Cantabria, A Rioxa, Estremadura, Baleares, Comunitat Valencia, Aragón e Melilla.

(4) Consolidación do proxecto do PP en Andalucía co goberno de todas capitais de provincia. Todo indica que Andalucía súmase ao carácter de campamento base da dereita que durante anos tivo Galicia, coa mesma receita.

(5) En Galicia, a subida do PP na Galicia urbana (primeira forza en 5 das 7 cidades e gobernos de Ferrol e, por medio do acordo anti-Jácome, seguramente Ourense) e a recuperación das deputacións de Lugo e Pontevedra, sitúan ao PP de Rueda en mellores condicións que o PP de Feijóo para abordar o próximo ciclo de eleccións autonómicas.

(6) Na esquerda, o PSOE sufre unha derrota institucional sen precedentes. Perde 6 comunidades autónomas, a maioría das capitais e grandes cidades, e non consigue a vitoria anunciada en Barcelona. Dos partidos aliados de Sumar soamente Mas Madrid aguanta, os Comúns perden Barcelona, Compromis a alcaldía de Valencia e a vicepresidencia da Generalitat, PxM deixa o goberno de Melilla. Os restos das Mareas galegas desaparecen. Unidas Podemos convértese extra parlamentario en Valencia e Madrid cuns datos totais mesmo inferiores no conxunto do estado aos que nos momentos máis delicados tiña IU.

Alguén pode pensar que a diferenza non é abismal para poder intentar darlle a volta ao resultado, dentro duns meses, nas eleccións xerais. Nada máis lonxe da realidade. A vitoria do PP nas eleccións municipais son o preludio dunha vitoria maior para as eleccións xerais.

Debemos entender que as eleccións celebradas este 28 de maio eran municipais e autonómicas polo que os seus resultados, estaban condicionadas polas dinámicas locais, o que as convertían para o PSOE no mellor escenario posible. Por iso, o resultado desastroso do PSOE soamente se explica desde unha crise profunda do partido socialdemócrata.

Ademais, na medida que o crecemento do PP non se fai a costa de Vox - medran os dous - son un mal augurio para a esquerda cara as eleccións xerais. Non soamente porque o PP pode achegarse a unha maioría absoluta se apela ao voto útil do electorado progresista para non depender da extrema dereita; senón que, ao igual que no caso francés, o mapa político se acabe debatendo entre o centro dereita e a dereita extrema, quedando a esquerda relegada a unha posición marxinal.

Outros poden poñer a súa esperanza no entendemento entre Sumar e Podemos para recompoñer o espazo á esquerda do PSOE. A estrofa “ni contigo nin sin ti, tienen tus males remedios” serven, sen ter que pararme moito máis, para explicar porque eu non confiaría moito nesa operación.

Soamente se me ocorre como única salvación desesperada para a esquerda, ou alúmenos para minimizar danos, que o PSOE e Sumar vaian nunha alianza electoral e que o cartel do mesmo non sexa Pedro Sánchez.

Creo que non vai ser.