Pensando en democracia
o vinte de xaneiro logo do primeiro martes despois do primeiro luns de novembro
Se pensas que do que se trata
é da vontade da maioría;
e non dos dereitos da minoría.
Non, non estás a pensar nunha democracia!
Se pensas que necesita de adxectivacións,
achegas ou complementos circunstanciais
que reforcen o seu carácter de clase.
Non, non estás a pensar nunha democracia!
Se pensas que o formal é periferia,
que o importante é o fondo secuencialmente;
que as regras se poden violentar arbitrariamente.
Non, non estás a pensar nunha democracia!
Se pensas conculcar dereitos que exercía
o diferente en aras dun valor supremo;
sexa a nación, a patria ou o propio pobo.
Non, non estás a pensar nunha democracia!
Se pensas que a contenda política da diferenza
resólvese creando unha foto fixa do disenso
no canto da construción de creativos consensos.
Non, non estás a pensar nunha democracia!
Se pensas que o contrario da decencia
é a corrupción e a oligarquía;
unicamente superadas en inmoralidade pola tiranía,
mesmo se esta deriva da vontade da cidadanía.
Entón si, si estás a pensar nunha democracia!
Xoán Hermida