O Marx de Berlin
- Detalles
- Publicado o Martes, 16 Mai 2023 17:57
Levo meses - en realidade anos - traballando nun estudio, moitas veces postergado, sobre unha revisión crítica acerca da obra de Marx. O meu interese polo pensamento do intelectual alemán é unha constante na miña vida por diferentes circunstancias, pero nos últimos anos fun re visitando a súa obra non xa cunha actitude militante senón epistemolóxica. A evolución do meu interese podería expresarse en algo así como: a medida que me aparto do marxismo como doutrina pechada máis medra a miña admiración pola obra e a vida de Marx. O obxectivo, non sería, pois, rehabilitar as súas proposicións – algúns hoxe simplemente superadas – senón a súa recuperación como pensador, para sacalo do vertedoiro no que, fundamentalmente os que din ser os seus seguidores, o teñen enterrado.
Sabía da obra de Isaiah Berlin pero nunca tivera especial interese pola súa lectura. Alguén indicoume que non era posible ningún achegamento crítico a Marx, con todas as súas dimensións e contradicións, sen ler a biografía de Berlin.
Ata ven pasadas as primeiras 50 páxinas o libro non me atraeu. Mesmo cheguei a pensar que estaba diante dunha obra máis dun pensador liberal cheo de prexuízos sobre o pensador alemán. Pero, lonxe diso, a biografía sobre Marx de Isaiah Berlin é unha biografía brillantemente construída, que sabe combinar a súa traxectoria humana, o seu pensamento poliédrico e o seu contexto vital cunha coherencia magnificamente construída.
Puidérase pensar que sendo unha obra escrita en 1939; cando non estaban publicados, ou eran descoñecidos, unha boa parte dos seus escritos; cando a visión que se tiña do seu pensamento estaba condicionado polo peso da – a veces non moi acertada – interpretación do seu amigo, colega e albacea Engels (despois divulgada coas mesmas limitacións intelectuais por Kautsky en occidente e por Plejanov a Rusia); e pola xa pegada totalitaria do leninismo; estiveramos ante unha obra anticuada.
Ben polo contrario, a biografía de Berlin é a obra que mellor define a Marx, lonxe das haxiografías e das referencias de autores antimarxistas, en ambos casos sectarias e descoñecedoras do seu pensamento na súa total dimensión. É un misterio marabilloso que con tan pouca documentación Berlin puidera construír este luminoso mural nun tempo no que os antimarxistas apostaban “por manter a conexión entre a represión comunista, o marxismo, e o pensamento de Marx que políticos e intelectuais dos dous lados se esforzaran por establecer” (Carver).
Como di o propio Terrell Carver no Posfacio do libro: “Marx tivo sorte co retrato que lle pintou Berlin, porque tras el volveuse menos doutrinal e dogmático, máis aberto ás interpretacións múltiples, e mais proteico e estimulante desde un punto de vista intelectual para aqueles espíritos dispostos a discutir con el”.
Na biografía de Berlin aparecen os seus amigos, que o apoiaron incondicionalmente, pero sobre todo aparecen os seus ‘inimigos’ que o definiron e axudáronlle a fixar o seu pensamento - os ensimesmados hegelianos, os radicais burgueses, Proudhon, Bakunin, Lassalle, ... -. Os seus grandes acertos intelectuais e os seus errores no apoio á tolemia da Comuna de París, que á prostre converteríase na tumba da AIT.
Como di Berlin no remate do libro “(Marx) ao alterar a opinión ata entón dominante da relación do individuo co seu entorno e cos seus semellantes, alterou palpablemente esa mesma relación; e, en consecuencia, constitúe a máis poderosa das forzas intelectuais que hoxe transforman permanentemente o xeito no que os homes obran e pensan”.
Berlin, Isaiah (1939); Karl Marx; Alianza Editorial; Madrid 2018