Churchill, Orwell e a liberdade
- Detalles
- Publicado o Domingo, 16 Outubro 2022 18:03
Ao achegarse a este libro sobre ‘a loita pola liberdade’ un pode ter a precaución de pensar que se trata dun libro escrito por un reporteiro de guerra, Thomas E. Ricks, sobre outros dous reporteiros de guerra, Winston Churchill e George Orwell. Nada máis lonxe da realidade.
Thomas E. Ricks constrúe un dialogo entre estas ‘dúas almas xemelgas’, situadas no que se podería denominar a dereita e a esquerda democráticas, que nos permite entender o mundo actual do que eles sen dubida son, como nos lembra o historiador Simon Schama, os ‘arquitectos do seu tempo’.
Son personaxes que os “seus camiños nunca se cruzaron, pero que se admiraron desde a distancia. George Orwell chamou ‘Winston’ ao heroe de 1984. [...] Pese a todo o que os separou, o seu compromiso prioritario coa liberdade do individuo outorgoulles unha causa común”
Orwell e Churchill, en palabras do autor, “coincidiron en recoñecer que, no fondo, a cuestión máis determinante do século XX (tamén deste) non era quen controlaba os medios de produción, de acordo ao que pensaba Marx, nin como funcionaba a psique humana, segundo predicaba Freud, senón como preservar a liberdade do individuo nunha era na que o Estado interfire de forma acentuada na súa vida privada”.
Por iso ese libro, nos introduce o autor, “centrase na fase troncal das súas vidas, a década de 1930 e 1940. O núcleo das historias de ambos coinciden nun mesmo período crucial, desde o alzamento dos nazis ata as secuelas da Segunda Guerra Mundial. Durante este lapso, aínda que moitos dos seus pares abxuraron da democracia ao considerala un fracaso (un modelo débil que dirían hoxe os autócratas Rusos e Chineses e os populistas do interior), ningún dos dous perdeu de vista o valor do individuo no mundo e todo o que isto significa: o dereito a disentir da maioría, incluso a equivocarse de xeito reiterado, a desconfiar do poder da maioría e a necesidade de aceptar que os altos mandos poidan equivocarse (..) Orwell escribiu nunha ocasión: ‘se a liberdade significa algo, e o dereito a dicirlle á xente o que non quere ouvir’. Churchill contribuíu a outorgarnos a liberdade da que gozamos hoxe. As reflexións de Orwell arredor da liberdade moldean o modo en que a entendemos na actualidade.”
Durante os anos clave que aborda o libro ambos “coincidiron en abordar cuestión da grande relevancia : Hitler e o fascismo, Stalin e o comunismo, o sometemento de Gran Bretaña a Estados Unidos: compartían cualidades e ferramentas: o intelecto, a confianza nos seus xuízos – incluso cando eran rexeitados pola maioría dos seus contemporáneos – e un dominio superlativo da palabra. Ademais guiábanse polos principios fundamentais da democracia liberal: a liberdade de pensamento, de expresión e asociación.”
E aínda que a historia non se repite, as veces nin como comedia, si que moitas das súa lóxicas seméllanse. Churchill e Orwell foron marxinados polos seus camaradas á hora de alertar sobre o perigo do expansionismo de Hitler. Resulta curioso ver en plena guerra de Ucraína como se repiten os mesmos mantras – o necesario ‘espazo vital’ do agresor, a necesaria ‘política de apaciguamento’, a defensa do tratado de Múnic pola dereita británica ou do acordo Molotov-Ribbentrop pola esquerda europea – para impedir os apetitos expansionistas dunha tiranía a cambio dunha ‘paz duradeira’ .
A historia nos amosa como a claudicación das democracias (sempre pasadas de moda para os seus inimigos) permitiron avanzar aos dous modelos totalitarios do século XX, o fascismo e o comunismo. E como, en última instancia, a política de apaciguamento, impulsada desde as cancelarías europeas permitiron agrandar á besta do nazismo e dar paso a máis horrorosa parte da historia da humanidade. Como diría Churchill hai setenta anos: “a guerra nos comina a esculpir en granito os dereitos do individuo, así como fixar e establecer a estatura da humanidade”
O último paragrafo do libro resume a forza desa idea de progreso e liberdade presente no mesmo, e en Churchill e Orwell: “Existe unha liña directa e continua que une a Aristóteles, Arquímedes, Locke, Hume, Mill e Darwin; e se expande para abrazar a Orwell, Churchill e a ‘carta desde a cadea de Birmingham’ (MLK 1963). Todos coinciden en afirmar que a realidade obxectiva existe, que a xente de boa vontade é capaz de percibila e que o resto das persoas cambiarán de parecer cando se lles presenten os feitos.”
Enfrontados a un momento crítico da historia, Churchill e Orwell priorizaron a procura dos feitos. E logo actuaron segundo a súa conciencia. Por riba da propaganda e das debilidades nos seus bandos.
RICKS, THOMAS E. (2017): Churchill y Orwell La lucha por la libertad; Ediciones Peninsula; Barcelona, 2018