O nacionalismo galego e a dieta mediterránea
Xoán Hermida
As eleccións europeas en Galicia non tiñan, coma no conxunto do Estado, un carácter plebiscitario arredor do liderado do primeiro ministro ou do líder da oposición, pero o feito de celebrarse catro meses despois dunhas importantes eleccións autonómicas nos que se consagrou o cambio no liderado ao fronte do goberno (Rueda) e da oposición (Pontón) servían para dar pistas de como este tempo asentara a un ou a outra.
En abril, co gallo do debate da investidura de Alfonso Rueda, e as reaccións da oposición ao nomeamento dos novos conselleiros e conselleiras, non quedaba lugar a moitas dúbidas de que a oposición non tomara nota dunha nova derrota política e que, salvo imponderables, non ían a asumir un cambio de rumbo.
Dicía daquela, nesta mesma tribuna, que “a oposición en Galicia ten adoptado a posición de enroque para tranquilidade do Partido Popular e limita o seu repertorio ao que mellor sabe facer: axitar a rúa mobilizando aos incombustibles, ben sexa por razóns ideolóxicas ou ben como parte das súas obrigas profesionais.”
E así chegamos as europeas e a pesar de que o PPdG xa non tiña nada que demostrar en cando a hexemonía política e electoral volveuse a superar, sendo a forza máis votada en 303 dos 313 concellos que conforman o País.
Na oposición, o PSdG aproveitou a polarización da campaña e relegou ao BNG de novo ao terceiro posto, amosando así, por enésima vez, que o nacionalismo galego, mesmo cando está en ciclo alcista, se lle atragantan aquelas citas electorais que non son autonómicas e que o electorado circundante prefire optar maioritariamente por outras papeletas nestes casos. Nas europeas, a diferencia das últimas xerais, soamente pola do PSOE, pois Sumar perdeu cara ao seu socio de goberno todo o voto que lle aseguraran dous escanos no Congreso na cita de hai un ano.
Unha vez máis o BNG decidiu concorrer nunha mesma candidatura con partidos vascos e cataláns, nunha alianza que se me antolla contraria aos intereses dos galegos e das galegas.
Moi lonxe queda a aposta de atrevemento político e de mirada estratéxica de cando o BNG decidiu concorrer con papeleta propia - sen ataduras – a uns comicios europeos.
Ben é certo que aquelas eleccións de 1.999 coincidiron cunhas eleccións municipais, e o risco era menor, pero os resultados daquelas eleccións amosaron que o electorado premia a capacidade de apertura. A candidatura de Camilo Nogueira converteuse nunha aposta de transversalidade, incrementando en 60.000 votos os resultado do partido nas municipais (de 290.187 a 349.079 votos).
O éxito daquela candidatura tiña moito que ver coa figura do propio Camilo Nogueira - sen dúbida había gañas de Camilo - pero sobre todo polo que representaba. A campaña de Camilo Nogueira, e o seu posterior traballo na eurocámara, tiña que ver con dous elementos trinta anos despois esquecidos polo BNG: un firme europeísmo político e unha aposta pola construción atlántica dunha Galicia vencellada nos seus intereses a Portugal. A figura de Mario Soares, ao que tanto vinculaba a súa acción política, referenciaba ambas cousas, ademais dunha aposta por unha esquerda integradora e conciliadora.
O BNG decidiu nos últimos anos repetir formula con EH Bildu e ERC a conciencia que cunha baixa participación e no momento que vive o BNG - parecido ao de finais dos noventa - lograr un eurodeputado sen obrigas era máis que posible. Pola contra preferiu deixar de lado a mirada europeísta e lusista para aceptar unha eurodeputada fixa descontinua nunha compaña euro escéptica – en tempos de agresión imperialista rusa – e definida polos intereses do marco mediterráneo, en lugar do marco do eixo atlántico.
As construcións políticas que vertebran as realidades espaciais son longas e complexas, vanse asentando por diferentes substratos, en capas case imperceptibles, pero moi presentes, ata chegar as actuais realidades múltiples do século XXI. A evolución política en Europa ten pasado por diferentes niveis de edificación ao que España non é alleo.
A construción das identidades no que hoxe coñecemos como España, ten moito que ver coa etapa do tránsito do feudalismo a un primeiro capitalismo comercial e as bases dos novos estados modernos. Desde finais de século XIV ata ven entrado o século XVI a configuración do Estado Español concretouse sobre un proceso de unificación política e social, administrativa e cultural – cunha importancia decisiva da uniformidade relixiosa –, non moi diferente a da construción doutros estados modernos europeos.
A diferencia é que no caso da Península Ibérica o Estado Moderno puido percorrer por diferentes vías que atravesaron unha política de difíciles equilibrios entre os intereses de Castela (virada para o Atlántico) e os intereses de Aragón (virada para o Mediterráneo). Nese primeiro chanzo de construción de identidades os intereses económicos e comerciais - e militares - as veces non coinciden. Polo xeral, o reino satélite de Navarra aliñábase con Aragón. Namentres que as diferencias entre as elites casteláns e portuguesas, azuzadas convenientemente desde Aragón, imposibilitaron un espazo de unificación entre Castela e Portugal.
Obviamente as cousas foron como foron, pero ese proceso de unificación peninsular entre Castela e Aragón deu lugar a un Estado máis preocupado e ocupado no despegue da súa area mediterránea. De seguro que si o proceso de tránsito ao estado moderno cubrírase desde unha unificación entre Castela e Portugal hoxe a nosa realidade produtiva, social e cultural sería outra ben diferente.
E aquí estamos cinco séculos despois. O nacemento dos estados modernos – hoxe en crise – non o explican todo, nin moito menos, pero asentan unhas bases sólidas sobre os posteriores pasos de identidades colectivas. Non é casual que os territorios atlánticos do Estado – parte de Castela-León, Estremadura e Galicia – foran durante tempo os máis desfavorecidos en comunicacións e industria.
Chegados aquí voulles confesar dúas certezas miñas.
A primeira, eu non son nacionalista. O nacionalismo como ideoloxía é contraria ao desenvolvemento moderno de sociedades equilibradas internamente e interrelacionadas democraticamente. Quero pensarme nunha tradición cultural que ten máis que ver co ideario universalista que vai desde Paulo de Tarso a Karl Marx, pasando por Inmanuel Kant e Thomas Jefferson.
O xurdimento de proxecto políticos nacionalistas é unha reacción refractaria de temor a perda da identidade. No século XIX, o nacionalismo –ideolóxico- alemán naceu como resposta ao ideario nacional –cidadá- da revolución francesa. Na primeira metade do século XX en Alemaña, Italia, España ou Portugal o ideario nacionalista totalitario era a resposta a un mundo ‘seguro’ que se derrubaba, sustentado en temores que un século despois volven a mover o voto dunha parte dos europeos.
De igual xeito, os nacionalismos periféricos son proxecto defensivos dunha identidade cultural que se pensa pode ser salvada desde a soberanía política en forma de Estado. O problema xurde cando a soberanía política forma parte dun ideario que hoxe confronta xa non so cunha realidade estatal superior senón cun mundo global onde se cruzan diferente soberanías. A ‘solución’ Estado que tivo a súa lóxica en boa parte do século XIX e XX hoxe está en crise, cuestionado desde dentro e fora, e en proceso de reformulación. A ‘solución’ Estado é unha solución fora do tempo actual.
Aquí é onde quero achegarlles a miña segunda confidencia-idea. Pódese, desde un punto de vista político, non ser nacionalista e en cambio estruturar arredor da nación o proxecto político. A nación adquire dese xeito a grandeza democrática ausente no ideario nacionalista.
E vou engadir algo, tendo en conta esa diferencia entre o nacional e o nacionalista, que para algúns pode soar a herexía. En realidade en España Vox, Junts e ERC serian partidos-nacionalistas. O PP, PSOE e PNV serían partidos-nacionais. Nos dous primeiros casos actuando de xeito dual (os casos do PP a nivel de estado e o PPdG ou do PSOE e o PSC sería dous bos exemplos de esta dualidade nacional), - e no caso do PNV cunha única referencialidade, aínda que afectado por un proceso de perda hexemónica no seu ámbito que o pode levar á perda dese carácter nacional que tivo na actual etapa democrática ata hoxe.
Por último estarían partidos-híbridos que teñen un carácter nacionalista combinativo cuns principios populistas e de radicalidade esquerdista – BNG, EH Bildu e CUP -.
Nestes casos o seu proxecto sectario ten dúas fontes de alimentación: o nacionalismo e a esquerda non democrática. E a pesar dos esforzos dalgúns dos seus dirixentes por superar certas dinámicas os dous ADNs retroalimentan un curraliño insuperable.
A tradición da esquerda non democrática impide ao BNG ter unha aceptación do marco de xogo liberal ao completo, máis aló do necesario. Por outra banda o seu carácter nacionalista lévao a alianzas mesmo contrarias aos intereses de Galicia.
As forzas nacionalistas vascas e cataláns, como unha vez máis púidose constatar no trámite de aceptación de Proposición do Parlamento Galego para a transferencia da AP9 a Galicia, non teñen ningún interese en fortalecer as inversións do Estado na España Atlántica, moi ao contrario. Hai unha incompatibilidade de intereses estratéxicos no económico claro.
Pero poderiamos pensar que a alianza ten un intereses alomenos político (Galeuzca). Tampouco!
Para nacionalistas cataláns e vascos as únicas nacións a autodeterminar son as súas. En múltiples ocasións teñen deixado claro – máis aló da retórica – que Galicia non forma parte do seu club selecto do que estamos excluídos. E no caso improbable – pero non imposible – dunha secesión das súas comunidades de España, Galicia non formaría parte dese proceso – non esperarían por nós - quedando asolagada nun Estado máis uniforme.
As identidades culturais son constructos presentes, non son prescindibles, pero como se traballe con elas indicará o valor de progreso ou reacción da política.
A defensa de identidades non pode supor a redución do individuo como referente de dereitos. Que unha comunidade teña maior ou menor desenvolvemento económico amosa o nivel medio do desenvolvemento da súa xente. Que unha comunidade teña unha maior calidade institucional amosa o nivel de cultura democrática da súa cidadanía.
Sobre eses dous piares hai que construír o país do conxunto. Para iso serven os ideais europeístas e atlánticos.
De igual xeito que non pode haber ningún partido progresista que non teña como horizonte a construción nacional da Unión Europea, tampouco pode existir ningún partido gale(guista) no sentido político que non teña no horizonte a construción dun espazo político de converxencia con Portugal.
Esa é a encrucillada na que está asentado o nacionalismo galego desde hai medio século. Apostar pola nación ou seguir coa dieta mediterránea.