De primarias e microgolpes de estado
Xoán Hermida
"Todo o poder para os Soviets"
As primarias abertas á cidadanía non son só unha ferramenta máis da nova política, son a liña divisoria entre a esquerda corporativa a esquerda libre, son o núcleo central (o kernel) da nova democracia.
As primarias son ademais o conector que permitirá a esquerda construír unha hexemonía social, para posteriormente unha electoral, ao facilitar a relación respectuosa cos movementos sociais en tanto en canto sociedade autoorganizada e abrir a porta ás novas axendas fronte as axendas marcadas polo sistema (e seguidas pola esquerda corporativa).
Sen primarias non so seguirían os aparatos impoñendo os seus candidatos e candidatas senón que seria imposible incorporar as novas axendas a unha esquerda presa dos seus particulares dogmas e animada pola vocación supervivencial e non transformadora.
As primarias son unha ferramenta para democratizar a política. Pero para iso necesita de aprendizaxe, de cultura cooperativa, de buscar os consensos necesarios para que elección se faga en termos de proposta política e non de competición de egos. Tamén poñendo nun plano secundarios os intereses de parte. En suma de madurez democrática.
A esquerda é o único construtor que tropeza dúas veces coa mesma pedra
Xoán Hermida
Coa caída do muro de Berlín, data simbólica do inicio da globalización, agudizouse a crise na que xa estaba inmersa a esquerda, tanto a de cultura socialdemócrata como a de cultura comunista, desactivándoa como alternativa.
A desaparición nas nosas sociedades, froito do desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de deslocalización, da concentración en grandes centros de traballo de miles de traballadores volatiliza a súa conciencia de clase e dificulta a súa organización sindical.
A sociedade post-fordista (e da información en rede) ten construído unha estrutura de clases moito máis ecléctica, cunhas necesidades vitais novas condicionadas pola sociedade de consumo por unha banda e de novas demandas no campo psicoafectivo de outra, e cuns niveis de transversalidade máis forte.
Esta nova estrutura, non significa que se invalide a contenda política entre clases e sectores senón que a mesma pasa a ter un maior grado de complexidade e un formateo diferente.
A realidade de monopolio económico por parte das grandes corporacións, a degradación das condicións de vida de sectores da pequena burguesía ou de empobrecemento masivo nos países do Sur ou nas periferias do Norte teñen construído un espazo para a coincidencia de intereses de amplos sectores sociais antes imposible (“somos o 99% fronte ao 1%”).
Fútbol é fútbol
Xoán Hermida
Hai uns poucos meses morría o xogador e adestrador serbio Vujadin Boškov. Fora seleccionador da desaparecida Iugoslavia e autor da xenial frase "fútbol é fútbol". Seguramente para Boškov, con razón, nada podería compararse en divertimento, creatividade corporal e harmonía grupal ao fútbol; pero deixémonos de lerias: hai tempo que o fútbol deixou de ser un deporte para converterse nun gran negocio onde o entramado do fútbol profesional actúa con tintes mafiosos, polo que debera ser investigado por parte da fiscalía anticorrupción.
En que se ten convertido o fútbol pola liberalización de mercados? Estamos diante doutra burbulla económica que se financia con fondos públicos directos ou indirectos, en concepto de axudas ou subvencións das distintas administracións, cesións de instalacións públicas a empresas privadas, programas de recualificacións urbanísticas, ou simplemente non cobrando as débedas que os clubs teñen coa axencia tributaria ou coa seguridade social.
A propósito de naufraxios
Xoán Hermida
Parte primeira: paisaxe despois da derrota
Hai uns días o novo portavoz in pectore do Partido Popular de Galicia nunhas declaracións afirmaba que “as mareas eran os restos do naufraxio da esquerda”.
As mesmas tiñan unha intencionalidade clara, están enmarcadas no debate preelectoral no que xa estamos inmersos, e apuntan a liña de flotación das Mareas. Non deberíamos, non obstante, refugar o debate que a afirmación en si comporta.
Por suposto que a esquerda esta sumida nun naufraxio global. Un naufraxio que se inicia coa caída do muro de Berlín e que desactiva como alternativa a esquerda, tanto a de cultura socialdemócrata como a de cultura comunista.
A verdade é que o barco que pilotaba a esquerda desde 1875 tiña moito de Titanic, ostentoso por fóra pero inconsistente na súa estrutura, e que estaba predestinado ao afundimento; pero non é ata a globalización non que o iceberg do capitalismo foi capaz de abrirlle unha vía de auga irreversíbel.