Desconexión

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

baixada de persiana

 

Ao rematar a xira de presentación do meu último libro A Saída da encrucillada quero agradecer aos que me acompañástedes nas distintas presentacións, tamén aos que non puideches acompañar pero manchédesme azos e cariños.

Este foi o meu libro máis difícil, non so porque ao pechar unha triloxía pechaba un período intenso da miña militancia política senón porque tamén servía para pechar un concepto de vida que iniciei con apenas 13 anos. Quizais a miña 'expulsión' de ERGA aos 15 xa debeu ser un aviso de que non sempre estaba onde debía estar.

 

Aos que viñéstedes a presentación conteivos a historia do vello rockeiro que aínda que o médico lle recomendaba mudar de vida, prefería seguir erre que erre para non defraudar aos seu seguidores. Tamén sabedes, e así volo contei, que o libro tiña algo de proceso de loito, de asunción de novas realidades. Como di Chavela Vargas: “Joaquinito, para que viniste”. E así me sentía eu, como un estraño no microcosmos coñecido como esquerda no que cada día me custa máis recoñecerme.

De adolescente, ao igual que Obelix, caín na marmita da literatura marxista, e non necesitei tomar novas doses durante o resto da miña vida por sobredose.

Tiven a sorte de ir moi novo a estudar durante seis meses marxismo-leninismo na escola do Comité Central do PCCH en Praga en plena Perestroika. Unha desas oportunidades que raramente se da unha vez na vida. Admiraba daquela a Gorvachov, a Yakolev, Shevardnadze, Riskov, ... e tiven a inmensa sorte de coñecer a Maidianik, Tablada, Robaina, ... e outros heterodoxos que non cuestionaban o marxismo, nin sequera o leninismo, senón o guión.

Desde entón quedei convencido de que a liberdade sen igualdade é unha jodienda, pero que a igualdade sen liberdade unha condena. Entendín que a democracia sen o respecto as súas regras formais e pautas xurídicas non é democracia nin nada que se lle pareza. Que mil veces merece a pena equivocarse e intentar un acordo con que pensa diferente a un conflito propiciado por unha visión simplista da realidade, por un populismo fanatízante, un radicalismo estéril ou uns intereses particulares camuflados de 'batalla ideolóxica'.

Repasando a miña traxectoria vexo que sempre estiven onde crin que tiña que estar. Cos independentes nos CAF ou na CXTG, no camilismo (non sei si existe o facalismo?) fronte ao nacional-populismo, na nova esquerda fronte ao anguitismo, e no cidadanismo fronte aos aparatos dos partidos.

E por iso que custa explicar(me) porque con esa traxectoria din apoio, aínda que fora indirecta, ao enxendro populista de Podemos, metinme nese fregado chamado EnMarea ou asumín esa porquería conceptual recoñecida como rupturismo.

Non é que me importe moito o que poidan algúns pensar de todo isto. Tampouco creo que deba prestar atención ao que poidan dicir persoas que o tempo amosou que non tiñan a entidade suficiente para moverse coa dignidade que merece a política. É comigo mesmo con quen debía e debo reencontrarme. E esta xira do meu último libro axudoume para baleirar a palangana sen tirar o neno coa auga sucia.

A partir de agora inicio desconexión. Non vou perder a miña conciencia. Nin a deixar de tomar posición cando o considere oportuno. Tampouco a moverme por causas que considere xustas e honestas. Pero doutro xeito.

Reitérote as grazas por terme acompañado, aínda que as veces contra a túa vontade, nas reflexións e iniciativas coas que durante estes últimos dez anos vos teño bombardeado. A partir de agora seguirei facéndoo pero de seguro que con máis baixa intensidade, porque necesito tempo para construír outra vida mellor.