Días de resurrección

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

alas 2

 

Quizais sexa porque está próxima a data que te indica que o tempo pasa inexorablemente, quizais porque ultimamente encontreime con persoas con sensibilidades vulneradas ou quizais, simplemente, porque a presenza do inferno está sempre roldando, déuseme por escribir estas notas de orientación dunha cartografía que nun momento tiven que cruzar.

Desde a adolescencia sempre se me achegaron, ou me acheguei - iso nunca se sabe-, persoas coas súas emocións sacudidas e cos seus sentimentos feridos. Moitas veces pregunteime o por que. Sería eu unha especie de imán para esas persoas? ou simplemente sería unha delas? (en realidade todos somos ‘unha delas’)

Os que nalgún momento das nosas vidas temos caído algunha vez aos infernos sabemos que todo o que se di desa experiencia -ansiedade, pánico, angustia, medo, ...- son verdade, pero non se pode chegar a comprender a dimensión real senón se ten vivido.

Trátase dunha batalla contra o tempo e o espazo. O tempo paralízase ata o infinito e o espazo perde os seus contornos. Nese momento chegas a escoitar os teus propios pensamentos como si os dixeras en alto. Nese momento sentes a túa respiración golpeándote nos ouvidos. Nese momento es capaz de gravar na túa retina imaxes que noutro momento pasarían desapercibidas e que, mesmo anos despois, recordase cunha total nitidez.

Chega un momento que non queres ver a ninguén. Pero non convén autoenganarse, o illamento non responde a unha necesidade de protexer aos demais ou evitarlle ‘malos rollos’, senón polo medo propio a enfrontarse coa túa vida cotiá.

Neses momentos de illamento hai rutinas que a min axudáronme, resultan sanatorias, e se poden facer en solitario:

  1. Polas mañas bota a correr. Si, como Forrest Gump. Calquera deporte é bo, sacude o corpo. Neses momento é igual de importante ensanchar o corpo como ralentizar a mente. A min axudoume o Tai Chi pero correr esperta a creatividade.
  2. Polo mediodía fai por xantar fora da casa (sobre todo se vives só). Faino nun bar ou nun taberna, o mais buliciosa posible. Sen querer acabas atento ás múltiples conversas e apagas o ruído dos teus silencios.
  3. Pola tarde desconecta cunha lectura. Por suposto non te poñas a ler a Dostoyevski ou Finkielkrasut. É un bo momento para ler calquera dos premios Planeta que cando estas san non se te debera ocorrer ler xamais. Mesmo podes atreverte coa televisión. Os programas máis absurdos e ramplóns son os mellores para eses momentos.
  4. Pola noite si o terapeuta recoméndacho terás que tomar algún ansiolitico ou sedante para durmir. Non obstante hai formas de relaxación máis naturais e máis beneficiosas. Proba a masturbarte. Gozar é unha das ausencias máis importantes para o espírito.

Por suposto pide axuda profesional, eu non o fixen –e sempre me quedará a dúbida se iso non tivo un custe- pero foime de gran axuda, aínda que dolorosa, a lectura de ‘Para salir del laberinto’ do psicólogo lucense Ramiro J. Álvarez. Anos despois tiven ocasión de coñecelo e agredecerlle a súa indirecta axuda, pero creo que nunca poderei agradecerlle o suficiente aqueles consellos que contiñan aquel libro de ton sarcástico tan alonxado no estilo dos libros de auto axuda.

E aínda que non queiras estar coas ‘masas’ sempre reconforta ter unha persoa querida que te acompañe. Non rexeites as amizades de verdade son un tesouro difícil de preservar e fácil de perder.

Convén lembrar que a saída é difícil, hai xente que queda atrapada e que as veces se pode caer de novo ou vivir co medo a poder caer de novo.

Pero tamén se pode volver a respirar e mesmo vivir días de Resurrección.