De tertulia na cadea
- Detalles
- Publicado o Luns, 12 Abril 2010 16:42
Fai uns días convidado polo presidente de AGARESO, Juan De Sola, tiven a ocasión de asistir a un dos programas de Radio A 88.0 fm desde a cadea de A Lama.
Acompañounos a xornalista, Paula Bouza, e o fotoxornalista, Nacho Gómez, que onte publicaban esta reportaxe para o xornal El Pais. http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Radio/da/voz/presos/elpepiautgal/20100411elpgal_9/Tes/
Tiven varias experiencias de tertulias na radio pero ningunha como esta.
Por outra banda, a miña situación máis próxima a estar nunha cadea foi durante a década dos oitenta.
Unha vez nunha redada policial durante as manifestacións estudantís contra as taxas universitarias visitei por horas o calabozo da comisaria de Santiago de Compostela. Tamén naquela época nos levaron detidos a un grupo de alborotadores pola “feliz” idea de ir a boicotear a estrea no Salón Teatro da mesma cidade do filme Amanecer Rojo, un bódrio de clase B cuxo argumento era a resistencia heroica dun grupo de adolescentes diante da ocupación de Estados Unidos por parte das tropas soviéticas.
Cantas vidas poden ocupar a vida dunha persoa ?
- Detalles
- Publicado o Domingo, 21 Marzo 2010 16:33
Fai anos pensaba que as persoas que viven varias vidas sustentaban esa situación sobre unha cimentación de mentiras e enganos. Era así porque esa era a percepción que tiña da vida en función da observación da realidade circundante.
Pensaba tamén que isto podía deberse, nalgúns casos, a un trastorno bipolar ou a unha enfermidade psicótica.
A miña condición de ateo, e por ende a non crenza noutras vidas previas ou por vir, sempre mantivo en min a curiosidade por saber como sería a vida desas persoas que levan vidas múltiples, con dúas ou máis familias, en distintas cidades e con diferentes compañeiros de traballo e amizades .
En épocas duras, de infelicidade, que tamén as houbo, tiña a fantasía de fuxir e comezar unha nova vida dende cero, cunha nova identidade, nun novo país e cunhas circunstancias vitais distintas.
E si Amarante non existira
- Detalles
- Publicado o Domingo, 07 Marzo 2010 16:22
Fai algo máis de 10 anos na terraza do xa desaparecido cafe-bar Savoy de Pontevedra, Xosé Cuns, Xaime Leiro, Marta Tenreiro, Guillermo F. Obanza, Xulio López, Pablo Cons, Pepa Vázquez e máis eu, reuniámonos para impulsar un proxecto galego solidario e ecoloxista que a proposta de Pablo se chamaría igual que a vila portuguesa.
Nestes 10 anos, oito como director voluntario [1] e os dous últimos en diferentes tarefas coma profesional, tiven momentos de preguntarme se en realidade tiña sentido todo o esforzo posto para poñer en marcha o proxecto de Amarante, mesmo se tiña sentido a propia existencia de Amarante en si.
Nestes últimos días de profesional e xa nunha etapa na que a miña vinculación ao proxecto vai ser voluntaria e dando un paso atrás da primeira liña, volvín a pensar nesa interrogante.
E como James Stewart no filme de Frank Capra “It's a Wonderful Life” tiven que facer un esforzo – sen anxo da garda que me acompañara – para respostar a esta interrogante e sobre todo tamén para facer balance deste período tan intenso.
A xeración Mimosa
- Detalles
- Publicado o Xoves, 04 Febreiro 2010 16:05
Fai algún tempo alguén falou da xeración CAF para lembrar a toda aquela xente que na década dos oitenta tivemos a ocasión e participar naquel proxecto tan interesante como contradictorio que se chamaban Comités Abertos de Facultade (a E de escolas viría despois) e que supuña unha renovación xeracional na esquerda galega.
Eu prefiro recordala como xeración Mimosa, porque ese era o seu símbolo, a pesar de que, tal como nos recordaban algúns membros da corte da rosa, esta era de importación australiana e polo tanto pouco patriótica. En todo caso aqueles que temos unha visión plural da nación entendemos que na súa biodiversidade tamén teñen acollida especies orixinarias doutras partes namentres non sexan destructivas coma o eucalipto.
Variacións sobre o amor e as relacións sexuais afectivas
- Detalles
- Publicado o Venres, 18 Decembro 2009 15:38
Sempre me interesou afondar nos temas relacionados coas relacións afectivo-sexuais. A miña visión e practica teñen avanzado por liñas totalmente libres de tabús e de prexuízos morais, tan condicionantes a hora de abordar este e outros debates periféricos.
A institución familiar é sen dubida unha das que menos se ten modernizado nos últimos anos e nas que se teñen atopado estructuras máis ríxidas en varios séculos. Así ata case as primeiras décadas do presente século os dereitos da muller na familia eran practicamente nulos e foi nesa mesma época cando nos países máis avanzados se plasmou legalmente a posible anulación contractual do mesmo por medio do divorcio.