Pensando en democracia
o vinte de xaneiro logo do primeiro martes despois do primeiro luns de novembro
Se pensas que do que se trata
é da vontade da maioría;
e non dos dereitos das minorías.
Non, non estás a pensar nunha democracia!
Se pensas que necesita de adxectivacións,
achegas ou complementos circunstanciais
que reforcen o seu carácter de clase.
Non, non estás a pensar nunha democracia!
Se pensas que o formal é periférico,
que o importante é o fondo e non a forma;
que as regras se poden violentar arbitrariamente.
Non, non estás a pensar nunha democracia!
Se pensas que en aras dun valor supremo,
sexa a nación, a patria ou o propio pobo,
é posible conculcar os dereitos do diferente.
Non, non estás a pensar nunha democracia!
Se pensas que a contenda política da diferenza
resólvese creando unha foto fixa do disenso
no canto da construción de creativos consensos.
Non, non estás a pensar nunha democracia!
Se pensas que o contrario da decencia
é a corrupción e a oligarquía;
unicamente superadas en inmoralidade pola tiranía,
mesmo se esta deriva da vontade popular.
Entón si, si estás a pensar nunha democracia!
Xoán Hermida