Pontevedra en marcha

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

trio

 

Xoán Hermida

No prazo de uns días o concello de Pontevedra recibiu un galardón e un tirón de orellas. Estoume a referir como xa coñeceran os lectores de PontevedraViva do premio Intermodes, por unha banda, e do informe de Transparency International sobre boas practicas democráticas, de outra.

Nin un nin outro nomeamento debería sorprender a ninguén. A min polo menos non.

De feito a estas alturas non debe quedar ningún cidadá de esquerdas ou de dereitas, do centro ou do rural, delgado ou groso, home ou muller, alto ou baixo, ... que non defenda a peatonalización e o proceso de restricións a vehículos iniciada ao principio da década anterior. Pola miña parte con algúns elementos críticos que hai que situar, ningunha obxección. Mesmo algúns, na súa conversión peonil ao igual que Fernando VII despois dos levantamentos liberais de 1820 poderían parafraseando ao monarca promulgar aquilo de ‘camiñemos todos xuntos, e eu o primeiro, pola senda peonil’

Por outra banda o que confirma o informe bianual de Transparency International xa o levamos dicindo algúns hai tempo: que os niveis de transparencia do noso concello son dos máis baixos de Galicia e España, que temos un regulamento de participación cidadá esclerótico e que limita a intervención cidadá ao albur do señor alcalde, que o concello vive un conchabeo corporativo de reparto de intereses entre os tres grupos presentes na corporación, etc.

O que si sorprende é a reacción do noso alcalde diante dos mesmos, impropia dun dirixente democrático. Diante do primeiro quérenos convencer de que o modelo urbano de Pontevedra é o tema de conversación en Europa como se no continente nunca existiran modelos de pacificación do trafico máis avanzados desde hai décadas. Xa estamos a imaxinarnos aos berlineses ou aos atenienses, aos milaneses ou aos parisienses falando no café non da crise económica nin do cambio climático, nin tan sequera da prima de risco nin dos resultados futbolísticos do fin de semana senón de Pontevedra e o seu modelo 30.

Por outra banda diante do informe de Transparency International o señor Fernández Lores na elegancia dialéctica que acostuma a ter despachase sen ningún atisbo de autoreflexión e non lle falta máis que dicir que se trata dunha carallada como si se referira a un informe calquera do comité central do seu partido.

O goberno do BNG-PSdG non debería esquecer que se están a premiar políticas postas en marcha hai unha década namentres que se afean comportamentos de falla de transparencia actuais. E todo isto nun panorama de desafección cidadá cara a política tradicional.

Tamén sorprende que os mass media pontevedreses estean aducidos, non se sabe moi ben o porqué, por esta política momificadora da democracia e ausente de políticas de participación, sociais, culturais ou de promoción de emprego, entre outras.

Pontevedra ten vitalidade e futuro e así o demostran tódolos días cidadáns e cidadás que interveñen para construír os seus proxectos vitais e profesionais sen axudas nin respaldo, e mesmo as veces case sen permiso, das autoridades. Esa é unha realidade que non esta inserida na Pontevedra oficializada. Son elites alleas ao réxime aos que a elites dominantes da nosa particular troika política -PP,PSOE e BNG- non lle queren deixar entrar pois atópanse cómodos no oligopolio da realidade por eles creados nos últimos anos.

Asistimos ao final dun ciclo político e tarde ou cedo as actuais elites serán desprazadas. Namentres a Pontevedra non oficial esta en marcha.

 

Podese ler tamén en PontevedraViva http://pontevedraviva.com/opinion/270/pontevedra-hermida-marcha-galardon-intermodes/

Información adicional