10 apuntes para renovar a esquerda galega
- Detalles
- Publicado o Mércores, 12 Decembro 2012 21:10
Xoán Hermida
1. Realidades complexas fronte a caricaturas
Se queremos ter unha imaxe próxima a realidade para poder intervir nela necesitamos ter en conta tres eixes dialecticamente imbricados: social (esquerda-dereita); nacional (soberania-dependencia); democrático (arriba-abaixo). A sobredimensión de un deles significaría ter unha caricatura da mesma. A esquerda tradicional ao non ter en conta ou minusvalorar o nacional non foi quen de construír unha hexemonía liderando a diversos sectores. O nacionalismo ideolóxico ao deixar en segundo plano o eixo social acabou construíndo un proxecto cada vez menos transformador. Ambos ao non ter en conta a realidade democrática invalidan construír unha alternativa para a maioría.
Necesitamos un proxecto político de esquerda, asentado sobre o noso substrato nacional e sobre un programa de ampla base democrática e de soberanismo cívico.
2. Necesitamos unha nova epistemoloxía
Cando hai uns meses iniciouse o proceso de reconstrución da esquerda galega, froito fundamentalmente da ruptura do que fora ata ese momento o espazo común da esquerda nacionalista pero non só, algúns xa advertiamos que este ía ser un proceso longo e complexo pois non era alleo á crise global que sufría unha esquerda produtivista, corporativista e etnocentrista ben fora na súa versión comunista ou socialdemócrata.
Reconstruír e/ou anovar
- Detalles
- Publicado o Domingo, 04 Novembro 2012 19:02
Xoán Hermida
Cando hai uns meses iniciouse o proceso de reconstrución da esquerda galega, froito fundamentalmente da ruptura do que fora ata ese momento o espazo común da esquerda nacionalista pero non só, algúns xa advertiamos que este ía ser un proceso longo e complexo pois non era alleo á crise global que sufría unha esquerda produtivista, corporativista e etnocentrista ben sexa na súa versión comunista ou socialdemócrata.
Un proceso que tiña que ver con problemas metodolóxicos, salientados reiteradamente en diversos foros e debates, pero fundamentalmente epistemolóxicos, e polo tanto imposible de abordar na súa reconstrución sen anovar os paradigmas e os parámetros nos que se asentou a propia esquerda nas ultimas décadas.
Estabamos pois diante dun proceso que requiría presentar unha oferta electoral ás eleccións autonómicas en cernes pero sendo conscientes de que a necesidade da reconstrución e renovación da esquerda galega ía por forza mais aló da data das eleccións.
Os resultados electorais de Alternativa Galega pode ter uns efectos secundarios para a esquerda, mesmo non desexados por inesperados, pois os mesmos axudan a acelerar o proceso de reconstrución da mesma pero poden dificultar a necesaria renovación ao impoñerse as lecturas máis triunfalistas, e polo mesmo as máis conservadoras.
O federalismo morreu. E a democracia ?
- Detalles
- Publicado o Domingo, 30 Setembro 2012 11:50
Xoán Hermida
Son dos que ten defendido durante anos a proposta federalista (asimétrica) como formula que servira para avanzar no autogoberno das nacións que compoñen a realidade do Estado Español e a súa vez preservar os niveis de redistribución da riqueza e do benestar social.
Solución federal ou confederal, xa que en lexislación comparada moitas veces a diferenza non esta no nivel de autogoberno do que esta se dota senón na orixe do propio proceso: se vai desde o centralismo cara á descentralización ou viceversa.
Alguén poderá dicir, con razón, que o modelo autonómico na súa lectura máis aberta conten rascos federalizantes, pero do mesmo xeito terá que aceptarse que o modelo saído da transición choca e fai augas en dous aspectos fundamentais:
O primeiro é que para ser federal (ou confederal) debería partir da residencialización da soberanía nas nacións e non no estado, nas partes e non no todo, e estas froito dun acordo federal cederían aquelas funcións lexislativas ou executivas que considerasen;
O segundo, ligado co primeiro, concernente en definir quen son os entres que se federan. E aquí o modelo saído da transición é puro artificio. Non son as nacións do estado as que conforman a estrutura territorial do mesmo, senón tamén unha cantidade de rexións administrativas herdadas dun modelo territorial do franquismo, superposto ao modelo provincialista decimonónico.
Así que sería moi difícil a día de hoxe decidir quen se federa e como, coa conseguinte problemática de retirar as competencias actuais a rexións que non formaran parte deste proceso federal constituinte, que non teñen conciencia de colectivo nacional pero que non estarían dispostos a devolver competencias hoxe adquiridas.
A posibilidade federal morreu desde o momento que a forza chamada a liderar esa bandeira, o PSOE, non o fixo e pactou coa dereita os termos xurídicos e políticos dun estado neocentralista e uniformizador durante o breve goberno de Calvo Sotelo e os primeiros anos dos gobernos de Felipe González (todo iso tendo o fantasma do golpismo como elemento disuasivo para aqueles que reclamaban máis descentralización).
Foi o único dirixente realmente federalista, Pascual Maragall, quen convenceu ao PSOE da posibilidade da senda federal vía reforma estatutaria, e foi precisamente a frustración causada polos recortes á modificación do Estatut de Catalunya, os que enterraron de vez a vía federalista coma solución de vertebración para un Estado Español plural.
Un 'sinsentido'
- Detalles
- Publicado o Domingo, 19 Agosto 2012 11:42
"Son gritos en el cielo, y en la tierra son actos" Gabriel Celaya
Xoán Hermida
Hai un ano o 15 M puxo enriba da mesa a desafección que unha boa parte da sociedade tiña pola política.
Daquela un grupo de persoas puxemos en marcha a Iniciativa BenComún entendendo que esa desafección interpelaba en primeiro lugar á esquerda e ao nacionalismo, aos seus militantes e dirixentes, pero tamén a súa base sociolóxica.
Coincidiamos xentes diversas en procedencias culturais ao pensar que conectabamos cun amplo sector social que demandaba:
- Maior radicalidade democrática cara adentro en forma de proxecto onde as persoas sexan as protagonistas e non os grupos (frontismos) nin os profesionais (partidos clásicos) e cara afora (apertura á sociedade en forma de primarias, limitación de mandatos, listas desbloqueadas, referendos,...)
- Renovación. Unha esquerda democrática renovada e cun proxecto de reforma crible e practicable para non volver a defraudar á sociedade
- Ampla unidade que abarcara socialmente aos sectores afectados polo control monopolista (95% da poboación) e politicamente polos sectores da esquerda e do progresismo non de esquerdas, todos cunha visión galeguista e partindo da propia autoorganización nacional cívica.
Neso estabamos, mesmo construíndo instrumentos políticos plurais para o futuro inexistentes ata o de agora, cando estourou a segunda forza da oposición galega (BNG) e entrou en crise estrutural a primeira (PSdG).
Prometiámonolas moi felices todos e todas, cando empezou un proceso delirante. A maioría que viña do BNG e que foran capaces de poñerse de acordo nun programa de renovación do mesmo, non eran agora capaces nin de xuntarse para falar.
Uns empezaron a botarse ao monte e outros ao río. Uns puxéronse a rehabilitar 'zoombies' políticos e outros a facer a viaxe imposible cara ao centro.
E namentres a maioría, situada na esquerda galega renovadora, dividida en dous polos e cunha parte, nada desprezable, aínda no BNG.