Na defensa do libre pensamento e do arraianismo
- Detalles
- Publicado o Luns, 15 Xaneiro 2024 16:41
Xoán Hermida
Levo case 30 anos escribindo artigos de opinión en diferentes medios. Algo máis de 200 artigos en galego e en castelán.
Non vou negar que nestes anos ten cambiado moito o meu estilo e o meu enfoque; aínda que en honor a verdade, os cambios, sendo profundos, non me impiden volver a reler algún vello artigo e identificarme co núcleo central do mesmo.
Puiden observar, ao longo deste tempo, como os medios téñense contaxiado do sectarismo imposto no debate público ata o punto que hoxe a practica totalidade son medios propagandistas ao servizo duns intereses, as veces non tan claros, sen deixar case espazo ao análise crítico ou a mínima disidencia. Tamén fun vendo como se ía impoñendo sutilmente a ditadura do 'correcto'.
Co tempo aprendín que cousas debo auto censurarme para poder seguir publicando. Coñezo perfectamente que referencias poden molestar e cales non. Sei que ítems debo obviar.
Simplemente tería que facer un mínimo esforzo de 'amabilidade' social para ser ben recibido: situarme disciplinadamente cos 'meus' (ou cambiar de bando), desenvolver o gusto polas redes sociais, e introducir un punto de superficialidade nos meus comentarios.
Non o vou facer. Canseime!
Cánsame o balbordo e infantilización da sociedade actual. Abúrreme as opinións baleiras e previsibles, xurdidas como dunha cadea de produción de robots. Moléstame, cada día máis, a indolencia e a banalidade receptora do aplauso fácil. Fáiseme insoportable a falla de rigor e a opinión superflua que oculta unha ignorancia aceptada acriticamente.
Gústame analizar e escribir. Sempre fun, e non quero deixar de ser, arraiano. Aborrezo a robotización do pensamento e, aínda que, teño ideas e crenzas profundas non estou disposto a convertelas en ideoloxías e/ou teoloxías de adoutrinamento.
E non me vou quitar o gusto polo pensamento libre por caer ben ou encaixar nunha das trincheiras que artificialmente teñen construído os que viven das baixas paixóns da nosa sociedade.
Seguirei escribindo e enviando os meus artigos a diferentes medios. Aproveitando as escasas fendas que aínda quedan. Sabendo que, a maioría das veces, non se publicaran con diferentes escusas, se retrasarán sine die a súa publicación para descontextualizalos ou simplemente se publicarán ocultos na organización burocrática do xornal.
En calquera caso, subireinos ao meu blog para deixar constancia deles.